Dinastía Supplinburger

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O emperador Lotario II. Codex Eberhardi (sec. XII).

A dinastía Supplinburger (ás veces denominada dinastía de Suplimburgo) foi unha familia nobre alemá á que pertencía o duque de Saxonia Lotario II, futuro emperador do Sacro Imperio Lotario II (ou III, segundo algúns cronistas),[1] que reinou entre 1133 e 1137.

O nome de dinastía provén da cidade de Süpplingenburg, na actual Baixa Saxonia.

Unha dinastía de breve duración[editar | editar a fonte]

Esta dinastía tivo unha existencia moi breve, xa que Lotario II, coa súa esposa Richenza de Northeim, tivo só unha filla que o sobreviviu, Xertrude de Saxonia (1115-1143), que casou con Henrique II de Austria,[2] conde palatino do Rin, margrave de Austria e, despois, tamén duque de Baviera e de Austria. Deste matrimonio naceu Henrique o León, que así emparentou coa casa de Welf (coñecidos como os güelfos), gran rival da dos Hohenstaufen. Henrique o León reuniu así ambos os ducados de Saxonia e de Baviera.

Conflito cos Hohenstaufen: comezo das loitas entre güelfos e xibelinos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Güelfos e xibelinos.
Posesións dos güelfos en tempos de Henrique o León.

En Alemaña, tras a morte sen descendencia do emperador Henrique V en 1125, os príncipes electores, a instancias do chanceler imperial Adalberto, arcebispo de Maguncia, elixiron ao duque de Saxonia como rei de Alemaña (Rei de romanos) a Lotario II o mesmo ano de 1125.[3]

Porén, estalou unha guerra civil polo poder, posto que os sobriños e herdeiros de Henrique V, que eran Frederico II, duque de Suabia, cabeza da nacente casa de Hohenstaufen, e Conrado, así mesmo da familia dos Hohenstaufen, exixiron ademais das terras patrimoniais dos salios, na Franconia renana, as terras que a coroa fora adquirindo.[4]

Nesta situación, Conrado III foi elixido Rei rival de romanos en 1127, e en 1128 foi coroado como rei de Italia por Anselmo V, arcebispo de Milán,[4] [5] aínda que non conseguiu asegurar alí unha posición, xa que o papa Honorio II (1124–1130) negouse a recoñecelo, así como tampouco as cidades inimigas de Milán como Novara, Pavía, Cremona, Piacenza ou Brescia;[6] en cambio, o rei Lotario II tivo o apoio de Henrique o Soberbio, da casa de Welf (dinastía dos Güelfos), que era duque de Baviera e tamén marqués de Toscana e de Verona, ao que fixo seu xenro en 1127.

Lotario adquiriu vantaxe coa ausencia de Conrado e a súa débil posición, atacando aos Hohenstaufen en Alemaña. No ano 1129 tomou dúas fortes cidades destes, Nuremberg e Speyer. Conrado non puido facer nada na súa visita a Italia, e regresou en 1130 sen poder mostrar ningún resultado, o que asegurou polo menos unha vitoria parcial a Lotario.[5]

Evolución do conflito despois da morte de Lotario II[editar | editar a fonte]

Aínda que a guerra terminou en 1135 coa submisión de Conrado III, as tornas viraron en 1137 ao morrer o emperador Lotario II, e Conrado III foi elixido Rei de romanos fronte a Henrique o Soberbio, herdeiro de Lotario. A guerra reiniciouse entre Conrado III e Henrique o Soberbio e, falecido este en 1139, continuouna o seu irmán Güelfo VI. Foi no asedio de Weinsberg en 1140 cando os nomes de ambas as faccións foron establecidos polos gritos de guerra, güelfo (contrarios aos Hohenstaufen) e Waiblingen (o nome dun castelo dos Hohenstaufen, que daría lugar ao termo xibelino). A pesar de asinar un acordo de paz en 1142, tras o fracaso da Segunda Cruzada, Güelfo VI proseguiu a revolta, que de todas formas entrou na súa fase final co falecemento en 1150 de Henrique Berenguer, Rei de romanos e fillo de Conrado III.

En 1151, Güelfo VI pactou co seu sobriño Frederico III, duque de Suabia (tamén sobriño de Conrado III), a sucesión no Imperio a cambio de terras. Así, á morte de Conrado en 1152, foi elixido emperador Frederico (Frederico I Barbarroxa), co que o güelfo obtivo terras italianas, sendo designado como marqués de Toscana e duque de Spoleto.

Xenealoxía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lotario de Suplinburgo foi o segundo emperador de Occidente con este nome, despois do fillo de Luís o Piadoso, Lotario I; porén, moitos cronistas numérano como "Lotario III", tendo en conta ao rei Lotario II da Lotarinxia que, aínda que non foi emperador, gobernaba sobre un territorio que foi absorbido, en gran parte, polo posterior Reino de Alemaña.
  2. Jiri Louda e Michael MacLagan (1995): Les Dynasties d'Europe. Bordas. ISBN 2-04-027115-5.
  3. Comyn 1851, p. 189.
  4. 4,0 4,1 Bryce 1913, p. xxxix.
  5. 5,0 5,1 Comyn 1851, p. 191.
  6. Cantù, Cesare (1855). Historia universal 6. Imp. de Gaspar y Roig. p. 758. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bryce, James (1913): The Holy Roman Empire. Londres: MacMillan.
  • Calmette, Joseph (1951): ‎Le Reich allemand au Moyen-Age.‎ ‎París: Payot.
  • Canduci, Alexander (2010): Triumph and Tragedy: The Rise and Fall of Rome's Immortal Emperors. Sydney: Pier 9. ISBN 978-1-7419-6598-8.
  • Comyn, Robert (1851): History of the Western Empire from its Restoration by Charlemagne to the Accession of Charles V. Volume 1.
  • Hampe, Karl (1973): Germany under the Salian and Hohenstaufen Emperors. Oxford (UK): Basil Blackwell Publishers. ISBN 0-6311-4180-4.
  • Hildebrand, Ruth (1986): Herzog Lothar von Sachsen. Hildesheim: A. Lax. ISBN 978-3-7848-3851-9.
  • Pavlac, Brian A. (2001): "Lothar III (1075–1137)" en Jeep, John M.: Medieval Germany. An Encyclopedia. Nova York: Routledge. ISBN 978-0-8240-7644-3, pp. 470–471.

Outros artigos[editar | editar a fonte]