Dina Boluarte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dina Boluarte
Dina Boluarte (diciembre 2022).jpg
Nome completoDina Ercilia Boluarte Zegarra
Nacemento31 de maio de 1962
Lugar de nacementoChalhuanca
NacionalidadePerú
Relixióncatolicismo
Alma máterUniversity of San Martín de Porres
Ocupaciónavogada e política
Na rede
Facebook: 100063863224126 Twitter: dinaercilia Instagram: dinaboluarte Editar o valor em Wikidata
Dina Boluarte signature.svg
editar datos en Wikidata ]
Dina Boluarte.

Dina Ercilia Boluarte Zegarra, nada en Chalhuanca (Perú) o 31 de maio de 1962, é unha avogada e política peruana e presidenta da República dende o 7 de decembro de 2022. Vicepresidenta entre 2021 e 2022, foi proclamada xefa do Estado peruano logo de que o Congreso do Perú destituíse a Pedro Castillo. É a primeira muller en exercer a presidencia da República do Perú.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Trasladouse a Lima durante a súa infancia e compatibilizou os estudos universitarios de Dereito co traballo. Unha vez licenciada pola Universidade de San Martín de Porres, onde tamén cursou estudos nun mestrado de Dereito notarial e rexistral.[1] Logo de pasar varios anos emigrada en México, en 2007, de regreso no Perú, ingresou como funcionaria no Rexistro Nacional de Identificación e Estado Civil.[2]

Membro do partido Perú Libertario, en 2018, presentouse á alcaldía de Surquillo aínda que non resultou electa, como tampouco foi en 2020 cando concorría a deputada no Congreso. En 2021, o esquerdista Pedro Castillo escolleuna como vicepresidenta na súa candidatura á Presidencia do Perú. Unha vez lograda a vitoria fronte a Keiko Fujimori, Dina Boluarte comezou o seu mandato como vicepresidenta o 28 de xullo de 2021, sendo ademais, ministra de desenvolvemento e inclusión social.[3]

A presidencia de Castillo foi moi convulsa pois as acusacións de corrupción e o enfrontamento co parlamento, controlado pola oposición, déronlle unha grande inestabilidade.[4] Dina Boluarte destacou, inicialmente, como unha grande defensora do presidente: en decembro do 2021, durante a primeira moción de censura contra Castillo, chegou a manifestar que no caso de ser destituído o presidente, ela non aceptaría substituílo e dimitiría canda a el.[5] En 2022 afrontou acusacións de irregularidades administrativas que motivaron a apertura dun proceso non lexislativo para o seu cesamento. Con todo, este procedemento foi rexeitado en comisión parlamentaria o 5 de decembro de 2022.[6] Segundo algúns analistas ese intento de destitución buscaba apartala da sucesión de Castillo para que este fose relevado polo presidente do Congreso, afín á oposición.[7] Mais, entrementres, Dina Boluarte foise distanciando do presidente Castillo conforme avanzaron os seus problemas ata que o 25 de novembro de 2022 presentou a súa dimisión como ministra pola designación de Betssy Chávez como primeira ministra. Boluarte xustificouse facendo chamamentos á fin da polarización política.[8]

O 7 de decembro de 2022, o presidente Pedro Castillo, nun movemento considerado como un autogolpe, anunciou a disolución do Congreso e convocatoria de eleccións constituíntes procurando evitar unha moción de censura.[9] Ó coñecer a noticia, a vicepresidenta Dina Boluarte, anunciou que non a compartía considerando que profundaba na crise política e institucional do país.[10] Tras o cesamento no parlamento e a detención do mandatario, Dina Boluarte xurou como presidenta do Perú apelando á unidade.[11][12] Se ben primeiramente anunciou a súa vontade de manterse no poder ata 2026, cando expira o mandato, posteriormente, amosouse aberta á posibilidade de convocar eleccións adiantadas.[13][14] O sábado 10 de decembro presentou o seu goberno, composto por un total de 17 ministerios dos que 8 serán rexidos por mulleres. A presidenta Boluarte optou por perfís técnicos e politicamente independentes, non repetindo carteira ningún dos ministros do executivo de Castillo.[15]

Logo da destitución de Pedro Castillo durante os primeiros días de presidencia de Dina Boluarte, houbo protestas populares por todo o país pedindo eleccións anticipadas.[16] Durante as mobilizacións houbo varios falecementos, razón que levou ao goberno a establecer o estado de emerxencia nos departamentos de Apurímac, Arequipa e Ica.[17] Ademais, nunha nova mensaxe á nación, Dina Boluarte chamou a eleccións para abril de 2024.[18] Malia a estes anuncios as protestas medraron e nos seguintes días o goberno ampliou o estado de emerxencia a todo o país.[19] Ademais, a crise política agudizouse pois o Congreso rexeitou o adianto electoral e a represión causou a morte dunha vintena de persoas, o que motivou a dimisión de dous ministros.[20][21]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Dina Ercilia Boluarte Zegarra - Primera Vicepresidenta de la República del Perú". www.gob.pe (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2022. Consultado o 2022-12-07. 
  2. "Dina Boluarte, la vicepresidenta que asume el Ministerio de Desarrollo e Inclusión Social [Perfil]". RPP (en castelán). 2021-07-29. Consultado o 2022-12-07. 
  3. "Dina Boluarte, la vicepresidenta que asume el Ministerio de Desarrollo e Inclusión Social [Perfil]". RPP (en castelán). 2021-07-29. Consultado o 2022-12-07. 
  4. "La crisis permanente del destituido Pedro Castillo". DW.COM (en castelán). Consultado o 2022-12-10. 
  5. Redacción RPP (2021-12-07). "Dina Boluarte: "Si al presidente lo vacan, yo me voy con el presidente"". RPP (en castelán). Consultado o 2022-12-10. 
  6. "Dina Boluarte, vicepresidente de Perú, se salvó de ser destituida, ¿qué pasó?". www.semana.com (en castelán). 2022-12-05. Consultado o 2022-12-10. 
  7. "El azar elige a la presidenta de Perú". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-12-10. Consultado o 2022-12-10. 
  8. "¿Quién es Dina Boluarte, la nueva presidenta de Perú?". CNN (en castelán). 2022-12-07. Consultado o 2022-12-07. 
  9. "Pedro Castillo pone fin a su presidencia con un autogolpe al estilo Fujimori". DW.COM (en castelán). Consultado o 2022-12-07. 
  10. "Dina Boluarte rechaza decisión del presidente Pedro Castillo de disolver el Congreso". TVPerú (en castelán). 2022-12-07. Consultado o 2022-12-07. 
  11. "Dina Boluarte xura como nova presidenta do Perú despois de que Castillo intentase un autogolpe". G24. Consultado o 2022-12-07. 
  12. "Dina Boluarte Zegarra convoca a un gobierno de unidad nacional". Congreso del Perú (en inglés). Consultado o 2022-12-10. 
  13. "Perú: presidenta mira a 2026; otros piden adelanto electoral". Chicago Tribune. Consultado o 2022-12-10. 
  14. "Giro de Boluarte, abre puerta a elecciones - Política". ANSA.it (en castelán). 2022-12-09. Consultado o 2022-12-10. 
  15. "Boluarte nombra su gabinete con un ex fiscal superior como primer ministro". La Vanguardia (en castelán). 2022-12-10. Consultado o 2022-12-11. 
  16. "Manifestantes en Perú exigen nuevas elecciones y la presidenta Dina Boluarte sopesa convocarlas". BBC News Mundo (en castelán). Consultado o 2022-12-12. 
  17. "Dina Boluarte: Gobierno dicta el estado de emergencia en Apurímac, Arequipa e Ica tras muertes durante enfrentamientos". El Comercio Perú (en castelán). 2022-12-12. Consultado o 2022-12-12. 
  18. "Presidenta: “He decidido asumir iniciativa para adelantar elecciones para abril del 2024"". Nacional (en castelán). 2022-12-12. Consultado o 2022-12-12. 
  19. Taj, Mitra; Turkewitz, Julie (2022-12-15). "Entre protestas y tensión política, Perú se encuentra en estado de emergencia". The New York Times (en castelán). ISSN 0362-4331. Consultado o 2022-12-17. 
  20. "Las protestas en Perú dejan una veintena de muertos mientras el Congreso rechaza la propuesta de adelanto electoral". BBC News Mundo (en castelán). Consultado o 2022-12-17. 
  21. "Renuncian dous ministros peruanos por "desproporcionada" resposta ás protestas". G24. Consultado o 2022-12-17. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Páxina web da Presidencia da República do Perú (en español)