Saltar ao contido

Diapasón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diapasón metálico. O aceiro inoxidábel é o material máis habitual.

O diapasón[1] é un aparello de música que da a altura (frecuencia) dunha nota-referencia (en xeral, o la) convencional para afinar o instrumento.

Pequeno e fácil de usar, está constituído por dúas láminas paralelas que vibran e emiten un son á frecuencia de referencia. O son amplifícase se se pon a base do diapasón sobre unha cavidade resoante, como a caixa dunha guitarra ou nunha mesa.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo deriva do latín diapāson , rexistrado por primeira vez no tratado de Vitrubio,[2] e provén á súa vez do grego διά + πασῶν ("a través de todas"), e χορδῶν –implícito–: "cordas", é dicir que se refere ao rexistro de todas as notas da voz e de instrumentos musicais.

Polo tanto, literalmente significa "a través de todas [as notas]", para describir a escala diatónica, que comprende sete notas máis a repetición da primeira, comunmente chamada "oitava".[3]

Orixe histórica do concepto

[editar | editar a fonte]

Na Grecia antiga, o concepto asociábase coa harmonía das esferas de Pitágoras, que conectaba a música cos movementos dos corpos celestiais coñecidos na Antigüidade, incluída a Terra, formando unha escala musical que para eles era o diapasón (διάπασῶν). Vitruvio e Plinio o Vello empregaban o termo en relación coa construción de teatros e a acústica necesaria para unha clara audición das voces e a música.[4] No século IV, o filósofo Calcidius menciona o termo ao comentar o Timeo de Platón, refírese a este como unha escala musical universal que resonaba con harmonía celestial.

Historia moderna do obxecto

[editar | editar a fonte]
Animación dun diapasón La-440 vibrando na súa frecuencia principal (grandemente exaxerado para mostar o efecto), onde as cores representan a amplitude de vibración: áreas de cores máis cálidas mostran maior actividade e áreas máis frías, menor actividade.

Trinta anos despois de que Günther Christoph Schelhammer usase un garfo para diagnosticar a xordeira a finais do século XVII, o diapasón adquiriu a súa forma actual grazas ao trompetista inglés John Shore. A visión do diapasón como un instrumento para alcanzar a pureza e a harmonía tíñase estendido por Europa, até que, no s. XVIII, Shore redeseñou o diapasón para uso práctico na afinación de instrumentos.[4]

En Londres, un dos centros da música barroca, Shore, após un accidente que o forzou a abandonar a trompeta, inventou o diapasón en 1711 para afinar o laúde. Rapidamente, o diapasón substituíu os tubos de madeira, pouco fiables polos cambios de temperatura e humidade, e estendeuse por toda Europa debido á súa capacidade de manter un ton constante.[4]

A Conferencia Internacional de Londres de 1953 fixou a altura absoluta do la3 en 440Hz. Porén, un diapasón de referencia fora xa establecido en 1939 pola British Standards Institution e a Federación internacional de asociacións nacionais de estandarización (unha precursora da Organización Internacional para a Estandarización ou ISO) con 440Hz para o la3 a unha temperatura de 20º.[5] Precisamente, a Royal Philharmonic Orchestra de Londres utilizaba para afinar unha frecuencia de 439 Hz. O estándar foi rapidamente adoptado pola BBC.[6]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para diapasón.
  2. "DIAPASÓN". Etimologias de Chile (en castelán).
  3. Dizionario Garzanti della lingua italiana (1980). Aldo Garzanti Editore s. p. a. Milán. (en italiano)
  4. 1 2 3 Tomé, César (2022-06-30). "En busca del la universal". Cuaderno de Cultura Científica (en castelán). Consultado o 2024-11-26.
  5. "WTF?! Why tune to 440Hz?". cutcommonmag (en inglés). 2018-03-20. Consultado o 2024-11-26.
  6. "Tuning the World: The Rise of 440 Hertz in Music, Science & Politics, 1859–1955". MPIWG; www.mpiwg-berlin.mpg.de (en inglés e alemán). Consultado o 2024-11-26.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]