Diamante de Gould

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diamante de Gould
Macho adulto
Macho adulto
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Estrildidae
Xénero: Erythrura
Especie: E. gouldiae
Nome binomial
Erythrura gouldiae
(Gould, 1844)
Distribución dentro de Australia

Distribución dentro de Australia
Sinonimia

Chloebia gouldiae

O diamante de Gould[2] (Erythrura gouldiae) é unha especie de ave passeriforme da familia Estrildidae.[3] Hai evidencia que esta especie endémica australiana está a declinar mesmo na súa rexión máis importante, preto de Katherine no Territorio do Norte. Críase en catividade. No pasado a especie na natureza era considerada unha especie en perigo de extinción.[1] Non se lle recoñecen subespecies.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

Recibiu o seu nome en honra de Elizabeth Gould, a esposa do artista ornitolóxico británico John Gould. A señora Gould non tiña o título de «Lady» (nobreza), con todo esta especie era coñecida como «pimpín de Lady Gould» (Lady Gouldian Finch en inglés) debido a un erro moderno. Así que, é máis apropiado chamar a esta especie diamante de Gould (Gouldian Finch en inglés). Tamén se coñece como «Lady Gouldian», «Rainbow Finch» (pimpín arco da vella) ou Gould no seu país nativo.

Descrición[editar | editar a fonte]

Os diamantes de Gould miden ao redor de 13–14 cm de lonxitude. Ambos os sexos presentan cores vivas como verde, amarelo, vermello ou azul, pero os machos adoitan ser máis brillantes que as femias. Unha diferenza máis notable entre o macho e a femia é que o peito do macho é púrpura forte mentres o da femia é máis de cor malva. Hai tres variacións de cor no diamante de Gould: con cabeza negra, con cabeza vermella e cabeza laranxa. A variación coa cabeza negra é a máis común na natureza mentres que con cabeza laranxa é moi pouco frecuente. Críase por moito tempo que estas eran tres especies distintas pero agora sábese que todas son simplemente variacións da mesma especie.[Cómpre referencia]

Os pitos son distintos polas súas cores. A cabeza, os costados, e o pescozo son grises, e as costas, as ás, e as ás temoneiras son de cor oliva. Os ventres son de cor marrón lixeiro e os picos son negros con punta avermellada. As patas son de cor marrón lixeiro tamén. Os pitos desde que saen da casca ata que teñan uns 12 días son rosados e non teñen penuxe. Despois deste tempo as plumas empezan a lles aparecer. As cores das femias son menos brillantes, garantíndolle así que a súa cor se mesturen co fondo mentres incuban os ovos no niño. En cambio, coas súas cores brillantes, o macho pode distraer a un depredador lonxe do niño para protexer as súas crías e a súa parella.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Este paxaro é propio do norte de Australia, da península do Cabo York, o noroeste de Queensland, ao norte do Territorio do Norte, e da rexión de Kimberley en Australia Occidental. O seu hábitat son as sabanas e as zonas boscosas tropicais onde hai chairos abertos con árbores altas preto da auga. Estes paxaros fan migracións curtas ao sur durante a tempada chuviosa e regresan pola tempada seca. Adoitan aniñar en ocos, dentro das cheas construídas por térmites ou en árbores, e xeralmente preto da auga.

Comportamento[editar | editar a fonte]

Os diamantes de Gould son paxaros de comportamento sociais e forman bandadas grandes de ata 1.000 individuos. Cando aniñan ata dous pares comparten o mesmo oco. Os pitos saen do niño despois de 3 semanas. Son paxaros calados e tímidos que non adoitan aniñar preto dos humanos.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Como a maioría doutros pimpíns, o diamante de Gould son granívoros. Prefiren comer entre herbas altas no canto de sobre a terra. Aliméntanse case todo o ano de sementes maduras ou media-maduras de pasto. Na súa tempada de crianza, fan unha dieta case por completo de insectos: como escaravellos, térmites, moscas ou arañas. A riqueza proteica dos insectos axúdalles a manter alimentados aos seus pitos. Comen xuntos en grupos e toman a comida mentres están sobre a terra ou en voo. Os diamantes de Gould beben a auga succionándoa, o cal é pouco común nas aves.

En catividade estas aves mantéñense cos alimentos de pimpíns ou froitas.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Os diamantes de Gould forman parellas estables para toda a súa vida. Adoitan aparearse durante a última parte da tempada chuviosa, cando hai moita comida dispoñible. O cortexo do macho cortexa, destaca co galanteo que lle fai á femia, exhibindo a súa plumaxe de cores e simulando un maior tamaño. Amplía o seu peito, baixa as plumas que lle rodean a cara, e parado e ergueito canta suavemente ata dar uns saltos sobre da femia, apareándose. As femias poñen unha niñada de 4 a 8 ovos. Ambos os dous sexos incuban os ovos durante o día, e a femia faio tamén pola noite. Despois de que os pitos saian da casca, ambos os dous sexos os crían. Os pitos son moi delicados ata que cumpran a súa muda final. Cando están a criar a parella de diamantes vólvense moi territorial e non deixan que outras aves se acheguen. O proceso de incubación dura aproximadamente catorce días.

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

O número de diamantes de Gould diminuíu moi dramaticamente durante o século XX. O seu hábitat foi reducido ou se foi alterado. Os piollos dos sacos aéreos, un parasito, tamén afectaron moito o número destes paxaros. As súas cores, ao destacar, facilítanlle aos depredadores cazalos facilmente. Os lumes tamén son unha ameaza principal para a súa poboación natural. Malia iso, o número total desta especie non é elevado xa que son populares como aves avícolas e como mascotas.

Hai varios proxectos de conservación do hábitat natural desta especie e doutras aves granívoras de sabana, así como proxectos de creación de espazos propios para estas especies. Investigáronse os patróns de incendios e a súas fontes de alimentos para buscar os puntos de maior interese para a súa conservación ou liberación. Os proxectos de re-introdución foron satisfactorios e continúan no leste de Queensland.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2013). "Erythrura gouldiae". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. A Chave, Galego, lingua de calidade. "Os nomes galegos das aves". Consultado o 3 de xullo de 2017. 
  3. 3,0 3,1 Clements, J. F., T. S. Schulenberg, M. J. Iliff, B.L. Sullivan y C. L. Wood. (2011). "The Clements checklist of birds of the world: Version 6.6". Consultado o 27 de maio de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]