Dialogues Concerning Natural Religion
Dialogues Concerning Natural Religion | |
---|---|
Autor/a | David Hume |
Lingua | lingua inglesa |
Data de pub. | 1779 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Dialogues concerning Natural Religion (Diálogos relativos á relixión natural) é unha obra do filósofo escocés David Hume que comezou a escribir arredor de 1750 e completou en 1776 pouco antes da súa morte, publicouse postumamente en 1779.
Tema
[editar | editar a fonte]Intercambio de puntos de vista sobre o tema da relixión natural entre intelectuais de diversa orientación, reunidos na biblioteca dun deles. Debaten sobre a existencia e natureza de Deus, o sentido da orde ou finalidade da natureza e o problema do mal no mundo.
Estrutura
[editar | editar a fonte]Divídese en 12 seccións, que cabe agrupar tematicamente do seguinte modo:
1. Introdución:
- O problema a tratar e o modo dialogado de abordalo (Pánfilo a Hermipo).
- Debate inicial sobre escepticismo e relixión (parte I).
2. Sobre a proba da existencia de Deus pola orde do mundo (“Argumento do designio”).
- Exposición e exame analítico do argumento (parte II).
- Revisión dialéctica do argumento (parte III-IV).
- Especulación sobre hipóteses alternativas acerca da orixe do mundo (parte VI-VIII).
3. Sobre os argumentos que pretenden demostrar a priori a existencia de Deus (parte IX).
4. Sobre o problema do mal no mundo.
- O feito do mal no mundo (parte X).
- O que podemos inferir do feito do mal (parte XI).
5. Conclusións xerais sobre a relixión natural (parte XII).
Personaxes
[editar | editar a fonte]Observamos tres personaxes que discuten sobre os méritos respectivos da razón e da revelación na educación relixiosa:
- Cleantes, deísta na liña de Newton, defende a tese da relixión natural.
- Demea, representante da ortodoxia, quere humillar a razón e preparala a recibir a revelación.
- Filón, que representa a Hume, introduce no debate un punto de vista crítico que conduce á superación da alternativa enunciada.
Contido
[editar | editar a fonte]Neste ensaio o narrador é un mozo, discípulo de Cleantes, o inxenuo Pánfilo, que dá conta por escrito a outro personaxe, Hermipo, dos incidentes da velada.
Dous dos expertos que interveñen nos Diálogos representan a dúas das principais tendencias do Século da Luces no debate da relixión natural: un, Cleantes, é un deísta, ou mellor quizais un teísta, non só argumenta en favor da existencia de Deus, senón tamén da súa providencia; o outro, Demea, é un defensor do cristianismo ortodoxo. O terceiro, Filón, esgrime o punto de vista escéptico. O teísta Cleantes sostén con arrogancia que o poder da razón humana é suficiente para chegar, apoiándose na experiencia do mundo e na lóxica dos argumentos, ao coñecemento do autor do universo. O ortodoxo Demea insiste, en que non é a forza senón a fraxilidade do home e da súa razón o que nos remite á infinitude de Deus e os seus misterios. O escéptico Filón alenta astutamente unhas veces o optimismo de Cleantes e outras o pesimismo de Demea provocando así o enfrontamento entre ambos. Esta estratexia prepara o camiño na defensa da súa tese do triunfo moderado do escepticismo na materia da relixión natural.
Pánfilo a Hermipo
[editar | editar a fonte]Adecúase o método dialogado ao tema da relixión natural e prodúcese a descrición dos personaxes do diálogo.
Debate inicial sobre o escepticismo
[editar | editar a fonte]Demea e Filón opinan acerca do diferente valor pedagóxico da teoloxía natural, que é unha teoría propia de adultos, e a piedade cristiá, unha práctica que é recomendable inculcar dende a infancia. Filón abre o debate sobre o escepticismo apelando á fraxilidade da razón para recomendar o escepticismo na materia de relixión humana. Seguidamente prodúcese o primeiro ataque de Cleantes ao escepticismo. Filón deféndese alegando que o escéptico non dubida tanto da razón cando atende á vida cotiá, como cando cae no desenfreo da especulación filosófica. Cleantes fai un novo ataque ao escepticismo. Filón reflexiona ironicamente a propósito das últimas palabras de Cleantes, quen lle responde, sobre o uso oportunista do escepticismo e o dogmatismo ao longo da historia polo gremio sacerdotal.
O argumento do designio
[editar | editar a fonte]Demea e Filón coinciden en advertir que o que está en cuestión non é a existencia, senón a natureza de Deus, aínda que o segundo subliña o incomprensible desta. Cleantes expón o argumento do designio e Filón pasa a criticalo, alegando a debilidade da analoxía en que se basea e na indebida extrapolación que supón o intento de inferir da nosa experiencia de só unha parte do universo da explicación total do mesmo. Cleantes e Filón discuten sobre o significado que pode ter, como apoio do argumento do designio, o sistema de astronomía concibido por Copérnico e defendido por Galileo.
Revisión dialéctica do argumento do designio
[editar | editar a fonte]Cleantes recorre a dous atrevidos símiles para introducir a idea de que o argumento do designio é máis informal e intuitivo que discursivo, e suxire que iso podería salvar a dito argumento das dúbidas do escéptico. Mentres Filón queda perplexo, Demea invoca aos platónicos e a Plotino para chamar a atención sobre os perigos que entraña o intento de aproximar excesivamente á nosa razón a inefabilidade de Deus e dos seus atributos.
Miticismo e antropomorfismo
[editar | editar a fonte]Enleados nunha discusión, Cleantes acusa a Demea de misticismo por soster que Deus é incognoscible e Demea respóndelle acusándoo de antropomorfismo por asimilar demasiado o ser divino ao humano. Filón discute con Cleantes presentándolle propostas contrarias á tese de que o regreso na cadea de causas acaba en Deus.
A trampa do antropomorfismo
[editar | editar a fonte]Filón rebate a defensa que fai Cleantes do argumento do designio alegando que, por non ter en conta os límites da analoxía, esa defensa conduce ao antropomorfismo e ata, talvez, ao politeísmo.
Unha hipótese alternativa: Deus como anima mundi
[editar | editar a fonte]Filón evoca a antiga visión do mundo como un inmenso corpo animal do cal Deus será a alma. Cleantes rexeita esta visión argumentando que tería por consecuencia a eternidade do mundo. Filón insiste en que a suposición de que o principio da orde mundana está fóra do mundo e a que está dentro de el son opcións igualmente plausibles; pero está de acordo en recoñecer que tanto os escépticos como os relixiosos exclúen a hipótese do puro azar.
Proliferación de hipóteses rivais
[editar | editar a fonte]Filón desconcerta aos seus contertulios suxerindo que, dada a falta de datos que apoien as nosas teorías cosmogónicas, a idea dun principio de propagación animal ou vexetal podería competir lexitimamente coa idea dun principio racional para explicar a orde do mundo.
Unha nova hipótese de cosmogonía
[editar | editar a fonte]Deixando voar máis aínda a súa fantasía, Filón propón unha variante da cosmoloxía materialista de Epicuro agregándolle o suposto de que a materia sexa finita. E, ante a crítica de Cleantes, conclúe que a proliferación de hipóteses cosmogónicas, sen que ningunha delas teña suficiente base empírica, aconsella a suspensión total do xuízo neste asunto.
O argumento a priori da existencia de Deus
[editar | editar a fonte]Demea propón un argumento a priori, ao que opón Cleantes graves obxeccións, mentres Filón engade outras, co comentario de que só as persoas habituadas ao razoamento abstracto da matemática parecen ser sensibles a ese argumento.
O problema do mal
[editar | editar a fonte]Demea e Filón sosteñen contra Cleantes o predominio do mal sobre o ben no mundo. Acto seguido Filón propón, recordando a Epicuro, o problema clásico da teodicea, que pretende explicar a presenza do mal dende os supostos do teísmo; e argumenta que a nosa experiencia do mundo non permite inferir o interese providencial nin a bondade moral do Arquitecto Cósmico.
O problema do mal (continuación)
[editar | editar a fonte]A proposta de Cleantes, Filón diserta nun largo parlamento sobre as circunstancias que orixinan o mal; e conclúe que a hipótese de que o Divino Arquitecto non posúe nin bondade nin malicia moral é máis probable que calquera das súas rivais. Demea escandalízase do que oe e abandona a reunión.
Conclusión: Os límites da relixión natural
[editar | editar a fonte]Ausente Demea, Filón parece acercar a súa postura a de Cleantes, pero marca enseguida distancias e reflexiona sobre o carácter simplemente verbal do debate particular entre teístas e ateos, consideración que fai extensiva ao debate xeral entre dogmáticos e escépticos. Filón e Cleantes discuten sobre o posible nexo entre relixión, moralidade e corrupción, cerrándose ao debate coas últimas palabras de Filón sobre os límites da relixión natural e o triunfo do escepticismo, ás que segue a ambigua conclusión que extrae da velada o perplexo Pánfilo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- David Hume[Ligazón morta] (Inglés)
- Ligazóns David Hume[Ligazón morta]: Biografía, ideas