Devastacións de Osorio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cambios producidos na illa durante as Devastacións de Osorio (1605-1606).

As devastacións de Osorio é o nome co que se coñece a orde do rei de España, Filipe III, ao gobernador da Española (nese entón Antonio de Osorio) de despoboar a parte occidental da illa para trasladala cara á parte próxima de Santo Domingo entre 1605 e 1606 como forma de aniquilar o contrabando na zona.[1][2] Coa poboación desprazada, fundáronse os novos municipios de Monte Plata e Bayaguana.Tan importante chegou a ser o contrabando na Española que a comezos do século XVII a maior parte da súa produción era adquirida por franceses, ingleses e holandeses[3] e, en menor medida, portugueses, os cales atracaban os seus barcos o máis lonxe posíbel da cidade de Santo Domingo, onde se asentaba a burocracia real.

As zonas preferidas eran o norte e a occidental, cos portos de Puerto Plata, Monte Cristi, Bayajá e La Yaguana, onde o comercio ilegal chegou a ter un carácter regular coa anuencia e complicidade das propias autoridades locais. Os propietarios dos fatos gandeiros radicados no resto da illa (incluídos os da cidade de Santo Domingo) preferían levar as súas reses até esas zonas e vender os seus coiros aos contrabandistas, xa que recibían un mellor prezo.

A Coroa Española considerou que lle prexudicaban o contrabando e a penetración cultural e relixiosa luterana, coa introdución de Biblias protestantes que se verificaron na Banda del Norte (a rexión do contrabando), onde se efectuaban bautizos protestantes con padriños estranxeiros, todo o cal xustificaba as devastacións.[2]

Os franceses aproveitaron as devastacións e, a través da Compañía das Indias Occidentais, apoderáronse da illa Tortuga e estabeleceron un dominio absoluto expulsando os demais grupos de aventureiros. Os españois co fin de evitar a extensión do dominio francés na illa repoboaron de novo a cidade de Hincha en 1704 e fundaron San Rafael de la Angostura en 1761 e San Miguel de la Atalaya en 1768, pero non puideron evitar que, os franceses comezasen un proceso de migración cara a parte oeste da illa de Santo Domingo que, finalmente, se convertería na colonia francesa de Saint-Domingue (hoxe en día Haití), que sería recoñecida por España no Tratado de Aranjuez (1777).[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ver: http://lasdevastacionesdeosorio.blogspot.com, 25 de decembro de 2013
  2. 2,0 2,1 Alejandro Paulino Ramos: Devastaciones de Osorio, 1605-1606 y la Iglesia Católica, en http://historiadominicana.blogspot.com/2008/03/devastaciones-de-osorio-1605-1606-y-la.html, 25 de decembro de 2013.
  3. 3,0 3,1 Solís, Ubaldo (20 de setembro de 2012). "LAS DEVASTACIONES DE OSORIO, 1605-1606: DESPOBLACIONES Y DEVASTACIONES DE OSORIO". lacomunidad.elpais.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2013. Consultado o 17 de outubro de 2022.