Instituto Arqueolóxico Alemán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Deutsches Archäologisches Institut»)

Coordenadas: 52°27′38.10″N 13°18′1.27″L / 52.4605833, -13.3003528

Instituto Arqueolóxico Alemán
Deutsches Archäologisches Institut (DAI)–
Sede central en Berlín do
Instituto Arqueolóxico Alemán


Información xeral
Formación 1829 (como Instituto de Correspondencia Arqueolóxica).
1887 (como Instituto Arqueolóxico Alemán).
Sede central Berlín
Alemaña Alemaña
Sitio web
Sitio web do Instituto Arqueolóxico Alemán.

O Instituto Arqueolóxico Alemán (en alemán: Deutsches Archäologisches InstitutDAI–) é unha institución dedicada á investigación no ámbito da arqueoloxía e outros campos relacionados, fundada en Roma en 1829. Desde 1832 ten a súa sede en Berlín e configúrase como unha axencia federal dentro do Ministerio Federal de Relacións Exteriores da República Federal de Alemaña.[1]

A súa presidenta desde 2011 é Friederike Fless.[2] O seu secretario xeral é Philipp von Rummel.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

Eduard Gerhard (1795-1867), impulsor do Instituto Arqueolóxico Alemán.

O 21 de abril de 1829, un círculo de eruditos, artistas e diplomáticos (Otto Magnus von Stackelberg, Theodor Panofka e August Kestner), liderados polo filólogo clásico e arqueólogo alemán Eduard Gerhard, fundaba en Roma o Istituto di Corrispondenza Archeologica co propósito de estudar os monumentos da arte antiga, a epigrafía e a topografía, e dar a coñecer os resultados das súas investigacións, baixo o mecenado do príncipe herdeiro de Prusia e máis tarde rei Frederico Guillerme IV (1840-1861). Cando Eduard Gerhard deixou Roma e marchou cara a Berlín en 1832, o instituto continuou operando en Roma, mais a súa sede foi trasladada a Berlín. Prusia fíxose cargo do financiamento ordinario do Instituto en 1859.[4][5]

Selo utilizado na época do Imperio Alemán.

En 1871 converteuse nunha institución estatal de Prusia, coa denominación de Instituto de Correspondencia Arqueolóxica, e en 1874 pasou a ter a consideración de institución imperial. Foi en 1887 cando comezou a denominouse oficialmente Instituto Arqueolóxico Imperial Alemán e a partir de 1914 Instituto Arqueolóxico do Imperio Alemán.[4]

En 1874, o DAI pasou a encadrarse dentro da estrutura do Ministerio Federal de Relacións Exteriores. A partir de 1934 e durante pouco tempo estivo subordinado ao Ministerio do Interior do Reich e logo ao Ministerio do Reich de Ciencia e Educación Pública. En 1945, o instituto foi administrado polo Estado de Berlín e en 1970 foille reasignado ao Ministerio de Relacións Exteriores por decreto do chanceler federal Willy Brandt.[4]

Organización[editar | editar a fonte]

Sedes[editar | editar a fonte]

Sede do Instituto Arqueolóxico Alemán en Atenas.

Á parte da sede orixinaria de Roma e da sede central en Berlín, o Instituto Arqueolóxico Alemán conta con delegacións en Atenas, O Cairo (establecida en 1907), Istambul (1929), Madrid (1943), Bagdad (1955), Teherán (1961), e Damasco e Saná, estas últimas establecidas na década de 1980.[6]

Comisións[editar | editar a fonte]

A Comisión Romano-xermánica (Römisch-Germanische Kommission) do Instituto Arqueolóxico Alemán ten a súa sede en Frankfurt e foi establecida en 1902. Conta coa biblioteca máis completa do mundo en materia de arqueoloxía prehistórica e centra as súas investigacións nesa época, así como na historia temperá de Europa e na arqueoloxía provincial romana.[7]

Pola súa banda, a Comisión de Historia Antiga e Epigrafía (Kommission für Alte Geschichte und Epigraphik), con sede en Múnic, fundada en 1951 e integrada no Instituto Arqueolóxico Alemán desde 1967, circunscribe o seu ámbito de interese á epigrafía grega e latina, a numismática, a papiroloxía e a topografía histórica.[8]

A máis recente é a Comisión para a Arqueoloxía das Culturas non Europeas (Kommission für Archäologie Außereuropäischer Kulturen). Ten a súa sede en Bonn e foi establecida en 1979, daquela coa denominación de Comisión de Arqueoloxía de Culturas non Europeas. Esta comisión conta cunha subsede en Ulán Bátor.[9]

Personalidades do Instituto Arqueolóxico Alemán[editar | editar a fonte]

Christian Karl Josias von Bunsen, primeiro dirixente do Istituto di Corrispondenza Archeologica

En función da época, os máximos dirixentes do Instituto tiñan a denominación de secretarios, secretarios xerais ou presidentes:[10]

Máximos dirixentes[editar | editar a fonte]

Istituto di Corrispondenza Archeologica

  • (1829-1838): Christian Karl Josias Freiherr von Bunsen.
  • (1838-1844): August Kestner.
  • (1845-1856): Wilhelm Henzen.
  • (1856-1865): Heinrich Brunn.
  • (1865-1887): Wolfgang Helbig.

Instituto Arqueolóxico Alemán

Friederike Fless (nada en 1964), presidenta do Instituto Arqueolóxico Alemán desde 2011.
  • (1887-1905): Alexander Conze.
  • (1905-1911): Otto Puchstein.
  • (1911-1922): Hans Dragendorff.
  • (1922-1932): Gerhart Rodenwaldt.
  • (1932-1936): Theodor Wiegand.
  • (1938-1945): Martin Schede.
  • (1947-1954): Carl Weickert.
  • (1954-1960): Erich Boehringer.
  • (1960-1972): Kurt Bittel.
  • (1972-1980): Werner Krämer.
  • (1980-1988): Edmund Buchner.
  • (1988-2003): Helmut Kyrieleis.
  • (2003-2008): Hermann Parzinger.
  • (2008-2011): Hans-Joachim Gehrke.
  • (desde 2011): Friederike Fless.

Revistas arqueolóxicas publicadas[editar | editar a fonte]

Moeda alemá de 1979 conmemorativa dos 150 anos do Instituto Arqueolóxico Alemán.

Esta é unha listaxe das revistas científicas publicadas polo DAI ao longo da súa historia:[11]

  • De índole xeral:
    • Jahrbuch des Deutschen Archäologischen Instituts (JdI).
    • Archäologischer Anzeiger (AA).
    • Archäologische Bibliographie.
  • Das sedes:
    • Mitteilungen des Deutschen Archäologischen Instituts. Abteilung Rom, ovvero Römische Mitteilungen (RM).
    • Mitteilungen des Deutschen Archäologischen Instituts. Abteilung Athen, ovvero Athener Mitteilungen (AM).
    • Mitteilungen des Deutschen Archäologischen Instituts. Abteilung Istanbul, ovvero Istanbuler Mitteilungen (IstMitt).
    • Mitteilungen des Deutschen Archäologischen Instituts. Abteilung Madrid, ovvero Madrider Mitteilungen (MM).
    • Mitteilungen des Deutschen Archäologischen Instituts. Abteilung Kairo (MDAIK).
    • Archäologische Mitteilungen aus Iran und Turan (AMIT).
    • Baghdader Mitteilungen (BaM).
    • Damaszener Mitteilungen (DaM).
  • Das comisións:
    • Beiträge zur Allgemeinen und Vergleichenden Archäologie (BAVA).
    • Bericht der Römisch-Germanischen Kommission (BerRGK).
    • Germania (Anzeiger der Römisch-Germanischen Kommission des Deutschen Archäologischen Instituts) (Germania).
    • Chiron (Mitteilungen der Kommission für Alte Geschichte und Epigraphik des Deutschen Archäologischen Instituts (Chiron).
  • Outras revistas:
    • Spuren der Jahrtausende.
    • Eurasia Antiqua (Zeitschrift für Archäologie Eurasiens (EurAnt).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Satzungsgemäße Rechtsform". Deutsches Archäologisches Institut.
  2. "Prof. Dr. Dr. h.c. Friederike Fless Arquivado 17 de abril de 2021 en Wayback Machine.". Deutsches Archäologisches Institut.
  3. "Dr. Philipp von Rummel Arquivado 11 de abril de 2021 en Wayback Machine.". Deutsches Archäologisches Institut.
  4. 4,0 4,1 4,2 "Geschichte der Rechtsform Arquivado 17 de abril de 2021 en Wayback Machine.". Deutsches Archäologisches Institut.
  5. "Die Geschichte des Deutschen Archäologischen Instituts Arquivado 17 de abril de 2021 en Wayback Machine.". Deutsches Archäologisches Institut.
  6. "Kommissionen, Abteilungen, Außenstellen, Forschungsstellen Arquivado 15 de abril de 2021 en Wayback Machine.". Deutsches Archäologisches Institut.
  7. "Römisch-Germanische Kommission (RGK) Arquivado 13 de abril de 2021 en Wayback Machine.". Deutsches Archäologisches Institut.
  8. "Kommission für Alte Geschichte und Epigraphik Arquivado 17 de abril de 2021 en Wayback Machine.". Deutsches Archäologisches Institut.
  9. "Kommission für Archäologie Außereuropäischer Kulturen Arquivado 14 de xullo de 2020 en Wayback Machine.". Deutsches Archäologisches Institut.
  10. "Präsidenten des Deutschen Archäologischen Instituts Arquivado 17 de abril de 2021 en Wayback Machine.". Deutsches Archäologisches Institut.
  11. "Lister aller Zeitschriften des Deutschen Archäologischen Instituts Arquivado 17 de abril de 2021 en Wayback Machine.". Deutsches Archäologisches Institut.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Jansen, C. (2016). "Das Deutsche Archäologische Institut im Zeitalter des Nationalismus. Schlaglichter auf die Beziehungen zwischen Archäologie und Politik in der ersten Hälfte des 20. Jahrhunderts". En Jahrbuch des Deutschen Archäologischen Instituts, 130-2015. Páxinas 355-376. ISBN 978-3-11-044513-8
  • Junker, K. (1997). Das Archäologische Institut des Deutschen Reiches zwischen Forschung und Politik: die Jahre 1929 bis 1945. Von Zabern, Maguncia. ISBN 3-8053-2339-5
  • Meyer, H. (2004). "Der Rechtsstatus des Deutschen Archäologischen Instituts". En Archäologischer Anzeiger, 2004/2. Páxinas 155-220.
  • Michaelis, A. T. F. (1879). Storia dell'Instituto archeologico germanico, 1829-1879. Salviucci, Roma.
  • Rodenwald, F. (1929). Archäologisches Institut des Deutschen Reiches 1829-1929. De Gruyter, Berlín.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]