Deuteria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Deuteria
Raíña consorte dos francos

Reinadoca. 533 a 536
Nome completoDeuterie de Auvergne
Cónxuxe/sAristócrata de nome descoñecido
Teodeberto I
DescendenciaTeodebaldo

Deuteria, en francés Deoteria ou Deuterie, foi unha raíña consorte dos francos ca. 533 a 536, polo seu segundo matrimonio con Teodeberto I, rei merovinxio de Austrasia. Como tal, sucedeu a Radegunda, esposa de Clotario I, e precedeu a Wisigarda, segunda esposa de Teodeberto I.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Deuteria pertencía a unha aristocrática familia galo-romana de Auvernia, que mantiña unha estreita relación (e probabelmente parentesco) con Sidonio Apolinar, con Avito (que despois de morto foi Santo Avito) e co que despois foi o emperador Avito.[2]

Vivía (antes de 533) en Septimania, daquela posesión do reino dos visigodos de Toledo. Estaba casada e tiña unha filla chamada Adia.[3]

Raíña dos francos[editar | editar a fonte]

A Hispania visigótica, no s. VII.
Ao nordeste, vese a Septimania.

Co fin de conquistar a rexión da Septimania, Teodeberto I dirixiu unha campaña militar alí en 533. Primeiro tomou as cidades de Die, Lodève, e logo Béziers, antes de enviar a un lugartenente a Cabrières para exixir a capitulación da poboación local.[4]

Para evitar un conflito cos guerreiros francos, Deuteria entregou unha misiva ao mensaxeiro autrasiano, para que a entregara a Teodeberto, cuxo contido foi estudado polo historiador Gregorio de Tours: «Moi bo señor, ninguén pode resistirte. Recoñecémoste como o noso nobre mestre».[4] Esta carta impulsou a Teodeberto a ir Cabrières para coñecer a Deuteria, de quen se enamorou.[5]

Teodeberto, porén, tivo que saír apresuradamente de Septimania para regresar a Austrasia para presenciar a morte de seu pai moribundo, Teodorico I (534), e poder asegurar o título de sucesor, é dicir, de rei de Austrasia, xa que estaba enfrontando aos seus rivais, os seus tíos Clotario I e Childeberto I.[4]

Cando obtivo seu título de rei, aínda que Deuteria estaba casada, Teodeberto levouna a Austrasia onde a tomou como concubina oficial. Deuteria deixou ao seu marido, pero a súa filla, Adia, seguiuna. Casaron (ca. 533-534) a pesar de que Teodeberto xa estaba comprometido con Wisigarda, filla do rei dos longobardos Wacho.[4]

Ao redor de 535-536, Deuteria deu á luz un fillo, Teodebaldo, herdeiro de Teodeberto I,[3] e unha filla, Berthovère.[4]

Infanticidio[editar | editar a fonte]

Contra 536, pensando que a súa filla Adia, que entón era unha adolescente, podía ser unha rival e temendo que Teodebaldo a tomara como a súa favorita, Deuteria matou á súa filla maior.[4] O asasinato tivo lugar nas proximidades de Verdún. Deuteria meteu á súa filla nun carro tirado por bois salvaxes que ela excitou cando o carro cruzaba unha ponte sobre o río Mosa, o que fixo que o carro caera da ponte e Adia se afogara no río.

Repudio[editar | editar a fonte]

Despois deste asasinato, o status de Deuteria como raíña dos francos e favorita do rey Teodebaldo I diminuíu. A aristocracia austrasiana esperara durante moito tempo a celebración, segundo as tradicións, da unión que se acordara sete anos antes entre Teodebaldo e a princesa longobarda Wisigarda, a súa prometida oficial. Baixo presión, Teodebaldo I repudiou a Deuteria, que foi expulsada da corte real, deixando ao seu fillo Teodebaldo (o futuro rei Teodebaldo I) co seu pai, que permaneceu con el como herdeiro. Teodebaldo casou con Wisigarda, que morreu uns anos despois, pero o rei non se atreveu a chamar a Deuteria á corte e tomou unha terceira esposa (descoñecida).[4][6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lejeune, Paule (1989): Les reines de France, París: Éd. Vernal et P. Lebaud. ISBN 2-0201-1552-2.
  2. Lebecq, Stéphane (1990): Nouvelle histoire de la France médiévale, tome 1: Les origines franques Ve-IXe siècle. París: Éditions du Seuil. ISBN 2-0201-1552-2.
  3. 3,0 3,1 VV. AA. (2003): Le Grand Atlas. Les rois de France. Éditions Atlas, France. ISBN 2-7234-4475-9.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Grègoire de Tours (1990): Histoire des Francs. Trad. por J. J. E. París: Gallimard. ISBN 978-2-0707-1793-4.
  5. "Rise du château de Cabrieres. Deuterie se rend à Theodebert et devient ensuite sa femme". En: Claude Devic e Joseph Vaissette, Histoire générale de Languedoc. Toulouse: J.-B. Paya, 1840-1846, 10 vol., p. 378, t. 1.
  6. Ewig & Nonn 2006.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ewig, Eugen & Nonn, Ulrich (2006): Die Merowinger und das Frankenreich. Stuttgart: Kohlhammer. ISBN 978-3-1701-9473-1.

Outros artigos[editar | editar a fonte]