Desextinción

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pintura dun smilodon no Museo americano de ciencias naturais. O tigre con dentes de sabre é un de tantos candidatos a ser desextinguido.

A desextinción é o conxunto de técnicas que permiten volver procrear un exemplar ou mesmo revivir unha especie extinta completa xa desaparecida. Postuláronse tres técnicas para conseguilo, das cales dúas foron probadas. Polo momento, todos os casos xeraron pobres resultados, pero ambas demostraron a súa viabilidade.

A desextinción presenta multitude de problemas técnicos e tamén doutra índole, como legais ou éticos, por iso moitos científicos maniféstanse en contra de subvencionala con fondos públicos, deixándoa só para a iniciativa privada.

O soño de volver ver vivas especies desaparecidas ocupou un espazo considerable dentro da literatura e o cinema, sobre todo no xénero de ciencia ficción. Esta profusión contribuíu a crear a idea de ser algo ó alcance dos medios existentes no século XX e XXI. Porén, estas obras abordan o tema considerando as especies revividas como un perigo en si mesmas, en lugar de prestar atención a outras ameazas máis plausibles, caso da transmisión de pragas ou a produción de novas epidemias.

Técnicas[editar | editar a fonte]

Cría selectiva[editar | editar a fonte]

Touro tudanco, intento neerlandés de reconstruír un uro euroasiático coa técnica da cría selectiva.

A cría selectiva foi a primeira vía en tentarse e aínda conta con partidarios.[1] Os precursores da mesma foron Heinz e Lutz Heck, dous biólogos e gandeiros alemáns. Na década de 1920 os dous xermanos marcáronse como obxectivo recuperar o uro euroasiático. A súa técnica consistía en cruzar distintas razas de gando bovino até lograr os trazos físicos considerados por eles característicos deste ruminante desaparecido no século XVII. Os trazos que consideraron máis característicos foron o tamaño, a cornamenta e a fereza, esta última salientada por fontes que o coñeceron vivo. O proxecto recibiu considerable apoio por parte de Hermann Göring e o réxime nacional socialista como un exemplo da superioridade alemá, neste caso no eido das ciencias biolóxicas.

O resultado coñécese como touro Heck e os seus creadores afirmaron estar satisfeitos cos resultados, pois obtiveran un exemplar grande e bravo. Porén, actualmente considérase un intento errado. Segundo Lewens (2015, p. 66 e seguintes), os investigadores trataron de lograr as características que a eles lles parecían relevantes, cando se constatou que a súa recreación conta con moitos menos trazos do uro que, por exemplo, as vacas actuais.

Clonación[editar | editar a fonte]

Capra pyrenaica pyrenaica é unha das poucas especies que se logrou desextinguir durante uns minutos.
Artigo principal: Clonación.

Esta técnica persegue volver procrear un animal por segunda vez. Para logralo é preciso reunir dous requisitos. Primeiro é preciso obter unha secuencia completa de ADN, para inserila nun óvulo ó que se lle quitou o núcleo. En segundo lugar resulta imprescindible alterar as proteínas de devandito núcleo. Se todo resulta correcto o cigoto irase duplicando só até lograr un embrión xeneticamente idéntico ó proxenitor, ou case.[2]

Dos dous requisitos mencionados o primeiro confesouse moi difícil de conseguir ou mesmo imposible coa tecnoloxía dispoñible. Por este motivo, a clonación resulta polo momento inviable con seres extintos hai millóns de anos, pola imposibilidade de conseguir aínda unha molécula de ADN completa e válida. Por exemplo, Jack Horner tentou obter unha de mosquitos conservados en ámbar e tamén a partir dunha medula ósea en bo estado pertencente a un Tyrannosaurus rex. Nos dous casos o material xenético perdera grandes cantidades de información ou desaparecera.[3]

Pola súa banda, a inserción do material xenético nun óvulo e a súa posterior duplicación conseguiuse con distintas técnicas, pero ningunha cultivou bos resultados con ADN proveniente dunha especie desaparecida.

Polo momento, só nun caso si se obtivo un relativo éxito. O derradeiro exemplar de Capra pyrenaica pyrenaica, a cabra Celia, foi clonado varias veces e nunha delas o embarazo chegou a termo, mais o vástago non viviu máis duns minutos. Falecería por malformacións no seu aparello respiratorio. Malia isto, varios científicos españois seguiron reunindo fondos para tentalo novamente.[4]

Inhibición xenética[editar | editar a fonte]

Jack Horner, defensor da desextinción por manipulación xenética.

Esta técnica foi proposta polos paleontólogos Horner e Gorman (2009). Ambos, sobre todo a Jack Horner, son expertos moi reputados no seu campo por contribuír a crear a nova imaxe dos dinosauros, é dicir, a de animais intelixentes, áxiles e rápidos, en contraposición da idea clásica que os representaba como grandes masas lentas, torpes e estúpidas. [5][3]

Ante os malos resultados cultivados na procura de ADN cretáceo, os paleontólogos estadounidenses propuxeron lograr un terópodo modificando xenericamente ovos de aves, os descendentes dos dinosauros. Horner e o seu equipo tentan anular as proteínas que bloquean os xenes contidos nun ovo de galiña e que son os artífices de trazos como o peteiro dentado. Inicialmente restrinxiríanse só as tres características: obter dentes, aumentar o crecemento e permitir a formación de gadoupas. Horner recoñece que así non se obtería un dinosauro, senón un pito modificado, pero sería un bo punto de partida para ir aumentando o número de cambios até lograr un terópodo completo.[3]

Para levar a bo termo todo o proceso de inhibición xenética, o camiño será descubrir un por un tódolos xenes causantes das características desexadas, para despois actuar sobre cada unha das proteínas que os bloquean.[3]

A desextinción por inhibición de proteínas non foi probada aínda. O paleontólogo de Montana e o seu equipo afirmaron en 2013 lograr identificar un dos tres xenes obxectivos, o dos dentes. Os outros dous poderían ser localizados nun máximo de sete anos, segundo eles.[3] Malia o seu estado embrionario, a esta técnica atribúeselle máis percorrido e máis versatilidade que ás outras dúas.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Breeding Ancient Cattle Back from Extinction". Times. 12 de febreiro de 2010. Consultado o 5 de decembro de 2015. 
  2. "Clonacion terapéutica y reproductiva". ABC. 11 de agosto de 2013. Consultado o 7 de decembro de 2015. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Receta para hacer un dinosaurio". ABC. 14 de xullo de 2013. Consultado o 5 de decembro de 2015. 
  4. "‘Celia’ no logra resucitar". El País. 15 de decembro de 2011. Consultado o 5 de decembro de 2015. 
  5. Bien es verdad que dicho estereotipo había sido puesto en duda desde mucho antes por expertos como Allan Charing (1985, p. ).
  6. "Siete obstáculos que frenan la resurrección de especies extintas". esmateria.com. 4 de abril de 2013. Consultado o 5 de decembro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]