Desaparición de tres mozos galegos en Saint-Jean-de-Luz
| Desaparición de tres mozos galegos en Saint-Jean-de-Luz | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Campaña de Euskadi Ta Askatasuna | |||||||
|
Instancia de
| |||||||
| Datas | |||||||
| |||||||
| Localización | |||||||
| |||||||
| Wikidata |

A desaparición de tres mozos galegos en Saint-Jean-de-Luz (departamento dos Pireneos Atlánticos, Francia) foi un feito que tivo lugar o 24 de marzo de 1973. José Humberto Fouz Escobero, de 29 anos; Jorge Juan García Carneiro, de 23 e Fernando Quiroga Veiga, de 25 residían en Irún (Guipúscoa) e decidiron desprazarse a Saint-Jean-de-Luz para ver o filme Last Tango in Paris. Ningún deles volveu aparecer con vida e os seus corpos non foron atopados, aínda que existen sospeitas de que foron secuestrados, torturados e asasinados por membros da organización criminal ETA.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]A ditadura de Franco
[editar | editar a fonte]En 1973, España seguía baixo a ditadura de Franco. Aínda que o xeneral xa ía vello, o goberno contaba co apoio do Exército e a continuidade do réxime parecía garantida non só pola previsión sucesoria na persoa do príncipe de España, Xoán Carlos de Borbón, senón grazas á man do principal colaborador de Franco, o almirante Carrero Blanco. Porén, advertíanse mudanzas na sociedade, sendo as máis significativas delas o xiro da Igrexa católica, que comezaba a ser cada vez máis crítica co réxime malia o ultracatolicismo deste. A oposición política seguía sendo demasiado feble como para poñer en perigo a estabilidade do sistema político do chamado Movimiento Nacional, mais facíase notar principalmente en tres sectores: a universidade na que abondaban as protestas estudantís; o movemento obreiro, que se infiltraba nos oficiais sindicatos verticais e convocaba folgas malia a represión policial; e os movementos nacionalistas en Cataluña e o País Vasco. A forza de oposición mellor organizada era o Partido Comunista (PCE), mais nos últimos anos cobrara cada vez máis protagonismo a organización nacionalista vasca Euskadi Ta Askatasuna (ETA). Esta organización utilizaba a violencia como instrumento político, a diferenza do PCE e do Partido Nacionalista Vasco (PNV) de cuxas mocidades se escindiu en 1958. Esta táctica violenta proporciounolle gran notoriedade e un crecente apoio popular no País Vasco e Navarra, mais tamén lle fixo sufrir unha durísima represión policial.[1]
A creación de «ETA V Asemblea»
[editar | editar a fonte]No verán de 1970, ETA celebrou a súa VI Asemblea na localidade francesa de Baiona. Tras as numerosas detencións de membros da súa Fronte Militar, o denominado sector obreiro pasou a ser maioritario dentro da organización. Este sector aplicaba os principios do marxismo-leninismo e era partidario de subordinar a loita armada á loita política. A vitoria deste sector provocou que outras correntes abandonasen a organización; un deles, considerado nacionalista ou militarista, decidiu crear outra organización co mesmo nome que ETA e, para diferenciarse da rama maioritaria daquela e sen recoñecer a lexitimidade da última asemblea, chamoulle “ETA V Asemblea, liberdade ou morte”. Durante uns anos convivirían dúas organizacións chamadas ETA, aínda que a maioría inicialmente (coñecida daquela como ETA VI Asemblea ou ETA-VI) non cometería máis asasinatos.
A nova ETA V Asemblea veríase reforzada pola chegada dun nutrido grupo de militantes procedentes das mocidades do Partido Nacionalista Vasco, EGI, así como o traslado de militantes que inicialmente permaneceran no sector maioritario e comezaban o descontento coa súa dirección. O 29 de agosto de 1972 causaría a súa primeira vítima mortal, ao asasinar ao axente da policía municipal Eloy García Cambra nun enfrontamento coas forzas da orde. O abandono da violencia por parte do outro sector reforzaría aos poucos ETA-V, que, logo foi a única que utilizaba medios violentos, axiña se coñecería simplemente como ETA e resultaría co paso do tempo moito máis mortal que a súa antecesora.[2]
Tres emigrantes galegos
[editar | editar a fonte]José Humberto Fouz, galego de 29 anos, logo de traballar en distintas cidades europeas, trasladouse á localidade guipuscoana de Irún, onde o seu coñecemento de linguas lle permitiu atopar traballo nunha empresa de transportes internacionais. Alí residía en casa dunha irmá e iniciou unha relación sentimental cunha moza do lugar.[3]
Animado polo seu éxito, Humberto convidou dous amigos a desprazarse tamén a Irún. Fernando Quiroga, de 25 anos, atopou emprego como axente de aduanas. Jorge Juan García, de 23, aínda non atopara traballo. Os tres residían en casa da irmá e do cuñado de Humberto.[4]
A desaparición
[editar | editar a fonte]O 23 de marzo de 1973, Humberto díxolle á súa moza Ana que o día seguinte, sábado, non sairían xuntos.[3] O mozo e os seus dous amigos decidiran desprazarse a Francia para ver o filme Last Tango in Paris, prohibida aínda en España pola censura da ditadura de Franco. Este costume de desprazarse ao sur de Francia para ver filmes prohibidos en España era adoito daquela non só na sociedade vasca, senón tamén en españois doutras rexións.[5]
Os tres mozos comeron en casa de Cesáreo Ramírez, cuñado de Humberto, e despois xogaron unha partida de cartas con el no Bar Castilla de Irún. A continuación, levaron a Cesáreo ao seu traballo e marcharon no Austin branco de Humberto con matrícula da Coruña.[4] Parece que mercaron un agasalllo para María Isabel, a irmá de Humberto, nunha tenda de Saint-Jean-de-Luz e despois foron ao cinema. A noite do sábado non regresaron a durmir, nin tampouco o domingo; mais foi a ausencia ao traballo o luns de Humberto e Fernando o que realmente alarmou os seus familiares e amigos. Nun primeiro momento temeron que se tiveran guindado co coche nalgún cantil. Cesáreo percorreu as estradas do País Vasco francés na procura dalgún rastro do seu cuñado e os seus dous amigos;[3] logo de 21 días, decidiu acudir á Policía.[4] Porén, as investigacións non conseguiron descubrir a localización dos tres amigos, cuxos corpos seguían sen ser atopados en 2023, cincuenta anos despois.
A relación con ETA
[editar | editar a fonte]
A desaparición dos tres homes relaciónase con ETA por vez primeira pouco máis tarde nuns panfletos anónimos que circulan polo País Vasco.[6] Un mes máis tarde dos feitos, o xornal bilbaíno Hierro faise eco dos mesmos e relata que os tres mozos foron agredidos por un grupo de etarras, información que tamén expoñen o xornal barcelonés La Vanguardia Española[7] e o xornalista Alfredo Semprún no xornal madrileño ABC.[8] A finais de 1973 Semprún publicou no xornal da capital un artigo no que afirma que un informador lle relatara que os tres mozos mantiveran unha discusión cun grupo de etarras e foran asasinados.[9] Porén, ETA, que daquela estaba dividida en dúas organizacións rivais, ETA político-militar e ETA militar, nunca recoñecería tales asasinatos a través de ningunha das súas ramas.
A tese da autoría de ETA veríase ratificada por declaracións posteriores de Mikel Lejarza, axente dos servizos de intelixencia españois coñecido como El Lobo que se infiltrou con éxito na organización terrorista e propiciou a detención de máis dun cento de etarras, entre eles algúns dos principais líderes de ETA político-militar. Lejarza, coñecido como Gorka dentro da organización terrorista, asegurou que oíu a un membro de ETA relatar o feito.[10] Anos despois, tamén o antigo membro de ETA Soares Gamboa manifestou que os tres mozos galegos debían ser unidos á lista de vítimas da organización.[10]
Aínda que as familias dos desaparecidos presentaron denuncias penais en España, a investigación xudicial nunca aclarou os feitos. Algunhas fontes críticas con ETA aseguran que as autoridades francesas non tiñan interese en investigalos a fondo unha vez que se decataron da posible conexión coa organización armada, que daquela contaba cun forte apoio no departamento dos Pireneos Atlánticos.[11] En España, o membro de ETA Jesús María Zabarte Arregui foi interrogado ao respecto en 1974, e declarou que preguntara ao tamén etarra Pérez Revilla sobre o asunto, de quen obtivo a resposta de que canto menos soubese diso, mellor. A instrución inicial foi arquivada en 1975 sen realizarse progreso ningún.[12] A Lei de Amnistía de 1977 e a posterior reinserción de membros de ETA político-militar fixo que non houbese moito interese en investigar un asunto que puidese volver exaltar animosidades.[10] Durante moitos anos, o caso foi ignorado no debate público. A negativa de ETA a reivindicar o crime e o feito de que só persoas vencelladas dun xeito ou outro ao réxime do xeneral Franco apoiaran a pista etarra fixo que caese no esquecemento.[10] Porén, en ningún momento se propuxo outra liña de investigación que achegase unha explicación alternativa á desaparición dos mozos.
Intervención de Coral Rodríguez Fouz
[editar | editar a fonte]O principal factor que rescatou do esquecemento o suceso foi a circunstancia de que unha sobriña de Humberto, Coral Rodríguez Fouz, foi elixida como membro do Senado polo Partido Socialista de Euskadi-Euskadiko Ezkerra-PSOE nas eleccións de 1996. A senadora Rodríguez dirixiuse ao daquela Ministro do Interior Jaime Mayor Oreja pedindo información sobre o asunto e, ao non obter resposta, formulou unha pregunta oficialmente nunha sesión parlamentaria.[13] A perseveranza de Coral e doutros familiares conseguiu que o Goberno rectificase a súa primeira actuación e incluíse os tres desaparecidos na listaxe oficial de vítimas do terrorismo, o que supón distintos recoñecementos e compensacións.[14][5]
Anos máis tarde, en 2005, sendo membro do Parlamento Vasco, Coral Rodríguez solicitou ao goberno autónomo vasco que achegase os medios para localizar e identificar os cadáveres. O emotivo discurso da parlamentaria modifivou a inicial oposición da maioría parlamentaria a prol da petición[15] e deu lugar a unha infrecuente petición de excusas.[16][3] Porén, a iniciativa non tivo resultado práctico e os cadáveres seguiron sen aparecer.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Payne. Capítulo 21: El ocaso del régimen (1969-1973). pp. 565–617.
- ↑ Leonisio Calvo 2012, pp. 381-382.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Martínez, Isabel C. (6 de febreiro de 2005). "Una verdad bajo tierra desde 1973". El País. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Rojo, Alfonso (17 de xuño de 2001). "El crimen más oculto de ETA". Crónica (296). Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
- ↑ 5,0 5,1 Calleja, José Mª (19 de novembro de 2006). "Los asesinatos que ETA nunca ha reconocido". El País. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
- ↑ "Acusan a la E.T.A. de asesinar a los tres trabajadores gallegos desaparecidos". ABC (Madrid). EFE. 29 de maio de 1973. p. 49. Consultado o 11 de abril de 2016.
- ↑ "Sin noticias de tres gallegos agredidos en Francia". La Vanguardia Española (Barcelona). Logos. 29 de abril de 1973. p. 7. Consultado o 13 de abril de 2016.
- ↑ Semprún, Alfredo (1 de xuño de 1973). "No se ha investigado rigurosamente el paradero de tres españois en Francia". ABC (Madrid). p. 46. Consultado o 11 de abril de 2016.
- ↑ Semprún, Alfredo (26 de decembro de 1973). "Ha surgido una posible pista en Alsasua: el conductor de un camión...". ABC. p. 37. Consultado o 28 de xaneiro de 2013.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 M.J. Grench (24 de marzo de 2011). "Secuestro y tortura de tres jóvenes gallegos y dos asesinatos más". Libertad Digital. Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2012. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
- ↑ Pérez 2007, p. 9.
- ↑ Pérez 2007, pp. 9-10.
- ↑ Ruiz, Ana (25 de marzo de 1999). "Una senadora del PSE pregunta a Mayor por la muerte de tres jóvenes en 1973 supuestamente a manos de ETA". El País. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
- ↑ "Concedida a Lluch la Gran Cruz de Sanidad". El País. 25 de novembro de 2000. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
- ↑ A.A. (4 de febreiro de 2005). "Un alegato de una concejal del PSE logra conmover al tripartito". ABC. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
- ↑ "La emoción de una diputada del PSE-EE logra el consenso de la Cámara vasca para aprobar una iniciativa". El Mundo. EFE. 3 de febreiro de 2005. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Casanova, Iker; Asensio, Paul (2006). Argala. Tafalla (Navarra): Editorial Txalaparta. p. 376. ISBN 84-8136-142-9. Consultado o 17 de febreiro de 2013.
- Leonisio Calvo, Rafael (2012). "Izquierda abertzale, de la heterogeneidad al monolitismo". III Congreso Internacional de Historia de Nuestro Tiempo. Logroño: Universidad de La Rioja. pp. 377–388. ISBN 978-84-695-5155-4. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
- Payne, Stanley G. (1987). El régimen de Franco. Madrid: Alianza Editorial. pp. 682. ISBN 84-206-9553-X.
- Pérez, Kepa (2007). "Tomo I. ETA-Comandos Autónomos Anticapitalistas (1968-1979)". En Asociación para la Defensa de la Dignidad Humana. Todas las víctimas del terrorismo (PDF). pp. 8–10. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 3 de marzo de 2016. Consultado o 5 de xaneiro de 2013.