Tartaruga de coiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Dermochelys coriacea»)
Tartaruga de coiro
Dermochelys coriacea
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Sauropsida
Orde: Testudines
Suborde: Cryptodira
Familia: Dermochelyidae
Fitzinger, 1843
Xénero: Dermochelys
Blainville, 1816
Especie: D. coriacea
Nome binomial
Dermochelys coriacea
(Vandelli, 1761)
Distribución de Dermochelys coriacea
Distribución de Dermochelys coriacea

Distribución de Dermochelys coriacea
Sinonimia
Véxase o texto

A tartaruga de coiro[2][3] ou tartaruga mariña de coiro,[4] (Dermochelys coriacea), é unha especie de tartaruga mariña, a única do xénero Dermochelys, que á súa vez é o único xénero actual da familia dos dermoquélidos. Son as únicas tartarugas mariñas que non pertencen á familia queloníidos.[5]

É a maior de todas as tartarugas, xa que alcanzan unha lonxitude de 2,3 m, e o cuarto réptil máis pesado, cun peso de máis de 600 kg, só superado por tres crocodilos. Un individuo macho chegou a pesar 916 kg, aínda que as tartarugas deste tamaño son raras. Vive en todos os mares tropicais e subtropicais. Tamén se pode ver en augas europeas e galegas (ver Lista de réptiles de Galicia), e mesmo ás veces no norte de Europa.

Esta especie ten moitas características únicas que a distinguen doutras tartarugas mariñas. A súa coiraza ou cuncha non está formada de placas córneas duras como as outras tartarugas mariñas, senón que está cuberta por unha pel especial con pequenos osteodermos. A súa taxa metabólica é aproximadamente 3 veces maior do esperado nun réptil do seu tamaño, o que, unido aos intercambiadores de calor contracorrente que posúe e ao seu gran tamaño, permítelle manter unha temperatura corporal de ata 18 °C por riba da temperatura da auga circundante. Algúns científicos mesmo opinan que a tartaruga de coiro ten algunha capacidade para xerar a súa propia calor corporal, como faría un mamífero, malia que os réptiles son abimais ectotermos ou de "sangue frío", polo que dependen da temperatura externa para regular a súa propia. Porén, tamén pode considerarse a esta especie como xigantoterma.

Esta especie fai viaxes de miles de quilómetros. Abandona cada ano as augas tropicais para ir moi ao norte a augas frías seguindo a corrente do Golfo. Pode somerxerse longo tempo grazas á utilización de oxíxeno acumulado nalgúns dos seus tecidos. Tamén se pode mergullar a gran profundidade e nada moi rápido.

Debuxo tomado do libro Kunstformen der Natur de Ernst Haeckel.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

Familia

A familia dos dermoquélidos foi descrita en 1843 polo zoólogo austríaco Leopold Fitzinger.[6]

Xénero

O xénero Dermochelys fora descrito en 1816 polo naturalista e zoólogo francés Henri Marie Ducrotay de Blainville.[7]

Especie

A especie Dermochelys coriacea describiuna en 1761 o naturalista veneciano Domenico Agostino Vandelli, co nome de Testudo coriacea.[8]

Etimoloxías[editar | editar a fonte]

Xénero

O nome científico Dermochelys está formado poa unión dos elementos do latín científico derm- e -chelys. O primeiro está tirado do grego antigo δέρμα dérma, "pel", "coiro", e o segundo do grego antigo χελύς chelýs, "tartaruga".[9]

Especie

O epíteto específico, coriacea, deriva do nominativo singular feminino do adxectivo do latín vulgar coriaceus, -a, -um, derivado do latín clásico corium, "coiro".[10]

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de polo seu nome válido actualmente, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[8]

  • Dermochelys coriacea schlegelii (Garman, 1884)
  • Sphargis coriacea (Vandelli, 1761)
  • Sphargis coriacea var. schlegelii Garman, 1884
  • Testudo coriacea Vandelli, 1761 (protónimo)

Características[editar | editar a fonte]

Disposición das quillas dorsais.

A tartaruga de coiro é a maior de todas as tartarugas actuais e moi diferente do resto, tanto na súa aparencia coma na súa fisioloxía. A coiraza ou "cuncha" pode chegar a superar os 2 metros, é de tipo mosaico, presentando un total de sete quillas no dorso e o ventre.[11] Ademais, non está cuberta por escudos córneos (coma é o normal nas tartarugas), senón de tecido conectivo relativamente brando (de aí o seu nome de tartaruga de coiro), con pequenos osteodermos. Na coiraza non se observa o plastrón nin as afiadas beiras laterais, só unha suave curva que lle dá ao animal un aspecto semicilíndrico. Esta forma lembra tamén vagamente a un laúde, polo que nalgúns idiomas ten o nome dese instrumento (tortue luth, tortuga laúd, tortuga llaüt, tartaruga liuto).

As aletas dianteiras son moito máis longas que en todas as demais tartarugas, tanto proporcionalmente coma en tamaño total. Nos individuos adultos, a distancia de punta a punta das aletas pode ser de ata 270 centímetros.

O peteiro desenvolveuse tomando unha forma de gancho para axudar a morder medusas e a súa garganta ten barbas que apuntan cara a dentro, que lle axudan a tragalas.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Esófago da tartaruga de coiro tapizado de prolongacións longas cónicas.

As tartarugas de coiro subsisten grazas a unha dieta de medusas ou augamares. Debido á natureza xeralmente transparente das súas presas, estas tartarugas poden confundirse e comer cachos de plástico á deriva que ao animal lle parecen medusas. Encontráronse exemplares mortos con bolsas de plástico, pezas de plástico duro e liñas de pesca no estómago. Nas poboacións do Pacífico estímase que un terzo dos adultos inxeriron plástico.[12] Mesmo pequenas cantidades de plástico inxerido poden provocarlles unha obstrución intestinal e a morte ou unha diminución da absorción de nutrientes e menor crecemento.[13][14]

Aínda que as medusas forman a maior parte do seu alimento, tamén poden comer peixes, crustáceos, luras, ourizos de mar e algas. Poden comer cada día unha cantidade de medusas equivalente ao seu propio peso, e ata 50 individuos das medusas grandes. A tartaruga de coiro ten, pois, un papel fundamental no mantemento do equilibrio ecolóxico e tamén económico: consumindo medusas reduce o seu número e así estas non comen os peixes pequenos e aumenta a pesca e non molestan en zonas turísticas.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Unha tartaruga de coiro chegando á praia.
Desove da tartaruga coiro.
Son emitido ao final da posta.
Unha tartaruga de coiro cubrindo con area os seus ovos.

As tartarugas de coiro aparéanse no mar e o primeiro apareamento prodúcese despois de que a tartaruga teña dez anos. Os machos nunca abandonan a auga unha vez que entran nela como crías, e as femias só o fan para desovar. As femias aparéanse cada tres ou catro anos, e volven ás praias onde naceron para depositar alí os seus ovos. Unha femia pode poñer uns cen ovos en cada posta. O intervalo entre unha posta e a seguinte é duns nove días.

Despois de encontrar unha femia (que posiblemente exsuda unha feromona para indicar a súa receptividade reprodutiva), a tartaruga de coiro macho fai movementos coa cabeza, toques co fociño, mordedelas ou movementos das aletas para manifestar a súa disposición. As tartarugas mariñas atopan a miúdo dificultades ou teñen que facer perigosas manobras cando intentan reproducirse: o macho ten que montar a femia desde atrás e subirse encima co fin de poder copular, mais ás veces as coirazas dificultan este proceso. O apareamento pode tamén tornarse perigoso cando o macho está tan ansioso por conseguir aparearse que pasa demasiado tempo baixo a auga sen respirar. A fertilización é interna, e é normal que varios machos se apareen cunha soa femia. Sinalouse que este comportamento puido ter evolucionado como un seguro contra a infertilidade masculina, eliminando o exceso de esperma de baixa calidade e permitindo á femia seleccionar o mellor, ademais de incrementar a variabilidade xenética da descendencia. Porén, os estudos demostraron que a poliandria nas tartarugas mariñas, en realidade, reduce o éxito da fertilización.

A división do cigoto comeza unhas horas despois da fertilización, pero o desenvolvemento suspéndese na etapa de gástrula ata que se depositan os ovos. O desenvolvemento volve a comezar axiña, pero os embrións seguen sendo extremadamente susceptibles de morrer nos seus niños polo desprazamento do ovo ata que se forman as membranas completamente durante os primeiros 20-25 días de incubación, cando continúa a diferenciación estrutural de corpo e órganos (organoxénese).

As praias de aniñación deben estar cubertas de area branda e ter unha zona de auga costeira pouco profunda, xa que as súas brandas coirazas se danan facilmente coas rochas duras. Isto é unha fonte de vulnerabilidade para as tartarugas debido a que estas praias son susceptibles de erosionarse. As femias escavan un niño por riba da liña de marea alta coas súas aletas e só depositan os ovos pola noite, porque a calor do día aumenta a súa temperatura corporal por riba do seu límite e pode ser perigoso. Depositan uns 110 ovos, dos cales 70 son máis grandes e fértiles, e os 40 restantes máis pequenos e estériles. Estes 40 ovos restantes serven ao resto como amortecedores e son depositados con ese único propósito, sendo a única especie de tartaruga que fai isto. As femias cobren coidadosamente o niño, asegurándose de camuflalo fronte aos depredadores cunha capa de area.

Os ovos incúbanse durante 60 días. Igual que noutros réptiles, a temperatura ambiente do niño determina o sexo das crías. Os ovos ábrense mentres continúan baixo a area e todas xuntas á vez, despois de anoitecer, as crías escavan o seu camiño cara á superficie e inician a súa marcha cara ao mar. Unha vez que as crías alcanzan o océano non volven a verse normalmente ata chegar á madurez. Moi poucas delas sobreviven a este período pouco coñecido para converterse en adultos. Moitas son devoradas por aves e por outros réptiles antes de que teñan a oportunidade de mergullarse na auga. Cando as luces das cidades son visibles desde a zona de aniñación, as crías poder verse atraídas polas luces e afástanse do mar. Moitas destas crías son atropeladas polo tráfico rodado ou morren esgotadas ou doutras formas.

Tamaño da tartaruga comparado cun humano.

As tartarugas de coiro atlánticas aniñan entre febreiro e outubro segundo as zonas. Nas Illas Canarias rexistráronse postas desta tartaruga en Lanzarote, pero as súas praias preferidas son as da desembocadura do río Marowijne en Güiana, Bigi Santi (Suriname), Acandí choco (Colombia), Illa de Culebra (Porto Rico), Laguna Jalova e Naranjo en Costa Rica, Terenganú (Malaisia), e Quintana Roo (México), en praias como Mexiquillo, Tierra Colorada e numerosas praias máis de México. Mexiquillo é unha das maiores áreas de aniñación desta especie no mundo, mientres que Terenganú está actualmente en moi mala situación e reduce cada ano o número de aniñamentos debido á presión humana, ata o punto de que hai tempadas en que non chegan tartarugas de coiro a Malaisia, a pesar de ser historicamente a zona asiática máis frecuentada por estes animais.

No Pacífico americano, o principal lugar de aniñamento é Playa Grande,[15] situada no Parque Nacional Marino Las Baulas, na provincia de Guanacaste de Costa Rica. Demostrouse que existe un corredor biolóxico mariño destes réptiles no Pacífico, cunha lonxitude de 7000 km, nunha travesía que incúe Costa Rica como sitio de desova, logo as Illas Galápagos de Ecuador (onde repousan e se alimentan para continuar a travesía, pero non desovan) e finalmente, Suramérica, onde a ruta se ramifica.[15]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Óleo titulado Galápago de Pedro Juan Tapia, Museo do Prado, Madrid (o animal foi atopado en Dénia, Alacant en 1597).

As tartarugas de coiro viven en case todos os océanos do mundo, e frecuentan augas frías moito máis ao norte ou ao sur que outras tartarugas mariñas, grazas au seu peculiar sistema de regulación da temperatura corporal.

En América, en verán, son máis comúns na zona que vai desde o golfo de Maine ao norte ata Florida no sur. Foron observadas tamén ao norte do golfo de San Lourenzo, no Canadá. As do océano Pacífico son comúns nas illas Hawai, onde se congregan ao norte do arquipélago. Cando se aproxima o inverno diríxense ao sur, ao mar Caribe e ás zonas costeiras de América do Sur e África, onde se encontran coas tartarugas procedentes de Europa. Neste último lugar, seguindo a corrente do Golfo, viaxan máis ao norte durante os meses de verán, e chegaron a verse de forma esporádica nas costas de Noruega e no mar Báltico. As poboacións do leste de Asia emigran cara ás costas de Indonesia e Australia e ao océano Índico. Grazas a recapturas, sábese que esta especie realiza migracións transoceánicas; por exemplo, individuos marcados en Gabón, África, foron recapturados en augas do océano Atlántico suroccidental.

Estas tartarugas prefiren augas profundas pero agrúpanse cando arriban a terra. No verán son vistas frecuentemente tomando o sol preto da superficie, particularmente na área de Long Island, onde algunhas veces son feridas polas hélices de barcos.

Ameazas e conservación[editar | editar a fonte]

Bolsa de plástico rota que parece unha medusa. Se a tartaruga a come pode morrer.

A especie está incluída na Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas (CITES). Por tanto, é ilegal ferilas ou matalas. Concretamente, nos Estados Unidos, a tartaruga de coiro foi clasificada como en perigo ao longo de toda a súa área de distribución desde 1970.

Os exemplares adultos son grandes animais, polo que son pouco vulnerables aos depredadores. Os ovos e as crías acabadas de nacer son as que corren máis perigo. Aves, cans e outros depredadores oportunistas escavan os seus niños para apañar ovos ou atacan ás crías, as cales son moi vulnerables no traxecto desde o niño ao mar. Unha vez que entran na auga convértense en presas doutros depredadores e moi poucas sobreviven ata a idade adulta.

A actividade humana ameaza as tartarugas de coiro de moitas maneiras. Os ovos son recollidos pola xente en Porto Rico, as illas circundantes e noutros lugares. A remodelación das praias pode perturbar ou destruír o particular tipo de hábitat que estas tartarugas precisan para aniñar, e as luces das cidades poden causar que as crías se vexan atraídas por elas e se afasten do mar no canto de ir cara a el. O uso humano das praias pode destruír niños e postas ou enterrar ovos a demasiada profundidade para que as crías poidan emerxer. Finalmente, os humanos poden danar ás femias cando están aniñando movidos pola curiosidade.

Cando os adultos están no mar as súas maiores ameazas proceden esencialmente dos humanos. A inxestión de plásticos, caucho, alcatrán, aceite de motor e outros produtos sintéticos poden matar unha tartaruga adulta ou danala gravemente. Moitas delas son feridas por colisións con embarcacións, especialmente en augas pouco profundas. O equipo asociado á pesca comercial, como liñas, redes, cabos e cables poden enredarse nas tartarugas adultas e afogalas. Malia que os "dispositivos de exclusión de tartarugas" son obrigatorios para as redes camaroneiras, a miúdo fallan cando se trata de permitir que un animal do tamaño destas tartarugas adultas escape delas. A NOAA (National Oceanic and Atmospheric Administration) dos Estados Unidos estima que arredor de 640 tartarugas de coiro adultas morren cada ano polas actividades da industria pesqueira.

Nalgunhas áreas de Porto Rico e Asia póñense ilegalmente redes á mantenta para capturar outras especies de tartarugas, e, a pesar de que non están pensadas para a tartaruga de coiro, estas son capturadas ocasionalmente. En Nova Guinea, cázanse regularmente como alimento.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Wallace, B. P., Tiwari, M. & Girondot, M. (2013): Dermochelys coriacea na Lista vermella da UICN. Versión 2021-1. Consultada o 14 de maio de 2021.
  2. Asensi 2009, p. 94.
  3. Tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea). Consellería de medioambiente. Xunta de Galicia.
  4. Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" Arquivado 27 de agosto de 2016 en Wayback Machine. en Cadernos de Lingua, 13, páx. 84. Real Academia Galega,
  5. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "Tartaruga de coiro (TSN 173843)" (en inglés). 
  6. Dermochelyidae Fitzinger, 1843 no WoRMS. Consultado o 15 de maio de 2021.
  7. Dermochelys Blainville, 1816 no WoRMS. Consultado o 15 de maio de 2021.
  8. 8,0 8,1 Dermochelys coriacea (Vandelli, 1761) no WoRMS. Consultado o 15 de maio de 2021.
  9. Dermochelys no Merriam-Webaster Dictionary.
  10. coriaceous no Online Etymology Ditionary.
  11. Riedl, R. (2011). Fauna y Flora del Mar Mediterráneo (en castelán). Barcelona, España: Ediciones Omega. p. 904. ISBN 978-84-282-0767-6. 
  12. Mrosovky; Ryan, GD; James, MC; et al. (2009). "Leatherback turtles: The menace of plastic". Marine Pollution Bulletin 58 (2): 287–289. PMID 19135688. doi:10.1016/j.marpolbul.2008.10.018. 
  13. Bjorndal; Bolten, Alan B.; Lagueux, Cynthia J.; et al. (1994). "Ingestion of marine debris by juvenile sea turtles in coastal Florida habitats". Marine Pollution Bulletin 28 (3): 154–158. doi:10.1016/0025-326X(94)90391-3. 
  14. Tomas; Guitart, R; Mateo, R; Raga, JA; et al. (2002). "Marine debris ingestion in loggerhead sea turtles, Caretta caretta, from the Western Mediterranean". Marine Pollution Bulletin 44 (3): 211–216. PMID 11954737. doi:10.1016/S0025-326X(01)00236-3. 
  15. 15,0 15,1 Shillinger, George L., et al. Persistent Leatherback Turtle Migrations Present Opportunities for Conservation. En PKoS Biology, 16 de xullo de 2008. Consultado 9 de outubro de 2011 [1]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]