O Departamento Administrativo Nacional de Estatística (DANE) (en castelán:Departamento Administrativo Nacional de Estadística) é a entidade responsable da produción de estatísticas oficiais en Colombia,[1] así como da coordinación do Sistema Estatístico Nacional. O DANE achega máis de 100 operacións estatísticas en aspectos industriais, económicos, agropecuarios, demográficos e de calidade da vida.[2]
Dende 2022, a súa directora é Beatriz Piedad Urdinola Contreras.[2]
Piedad Urdinola, directora do DANE dende setembro de 2022.
O DANE creouse en outubro de 1951, mediante o Decreto 2240, cando se separa a Oficina Nacional de Estatística da Contraloría Xeral da República. En 1953, baixo o goberno do Xeneral Gustavo Rojas Pinilla, con amparo no Decreto 2666, créase o Departamento Administrativo Nacional de Estatística – DANE; posteriormente foi reorganizado en 1968 (Decreto 3167), sendo presidente do país Carlos Lleras Restrepo; en decembro de 1992, durante o goberno de César Gaviria Trujillo, levouse a cabo unha reestruturación con base no Decreto 2118.
Mediante Decreto Non.1174 do 29 de xuño de 1999, baixo o goberno de Andrés Pastrana, adscríbese ao DANE o Instituto Xeográfico Agustín Codazzi. Co Decreto 1151 do 19 de xuño de 2000, adoptouse unha nova estrutura orgánica e posteriormente realizáronse axustes e modificacións á planta de persoal, a cal foi adoptada mediante o Decreto 1187 do 28 de xuño de 2000, no goberno de Andrés Pastrana Arango. Co Decreto 263 do 28 de xaneiro de 2004 modifícase a planta de persoal do Departamento Administrativo Nacional de Estatística e dítanse outras disposicións.