Demografía de Israel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Israel posúe unha poboación de 8.002.300 de habitantes (marzo de 2013); deles un 75,5% son xudeus, un 20,6% son árabes e un 4% restante que inclúe cristiáns non árabes, musulmáns non árabes, familiares de xudeus non rexistrados como tales e residentes sen adscrición relixiosa ou étnica.[1] Nos territorios ocupados de Cisxordania, a Franxa de Gaza e Xerusalén Leste, en 2001 a poboación era de 3,3 millóns. Segundo o Ministerio do Interior israelí viven uns 270.000 cidadáns israelís nas cidades e asentamentos establecidos en Cisxordania, e outros 20.000 nos Altos do Golán.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1948, cando nace o novo Estado, a poboación total de Israel era de 914.700 habitantes, 156.000 deles non xudeus. Entre 1948 e 1960 a poboación inmigrante xudía incrementouse en 1,1 millóns de persoas, procedente do éxodo desde os países árabes, por temor ás represalias pola fundación do novo estado de Israel, como Iemen (60.000), Iraq (140.000), Siria (35.000), Líbano (5.000), Tunes (120.000), Marrocos (300.000), Libia (150.000), Irán (200.000) e Alxeria (150.000). Tamén emigrou ao novo estado a exigua comunidade xudía de Europa tras o Holocausto, menos dun cuarto de millón de persoas. Outros fluxos inmigratorios posteriores producíronse tras a desintegración da Unión Soviética, tras a cal moitos xudeus de Rusia, Ucraína e Belarús decidiron emigrar a Israel, e o de moitos xudeus da Arxentina tras a grave crise económica que sufriu este país no 2001.

Emigración[editar | editar a fonte]

Xudeus dos países árabes en Israel (1948-2002)[2]
País Poboación xudía 1948 Emigrados a Israel Poboación xudía 2002
Alxeria 140.000 24.000 20
Exipto 66.000 37.000 50
Iraq 140.000 130.000 100?
Líbano 5.000 4.000 70
Libia 38.000 35.800 0
Marrocos 285.000 266.300 3.500
Siria 35.000 8.500 120
Tunes 130.000 52.000 1.500
Iemen e Adén 60.000 50.600 500
Total 899.000 608.200 5.860

Distribución actual[editar | editar a fonte]

Actualmente a poboación está desigualmente repartida polo territorio, sendo a rexión central e a costeira do Mediterráneo as máis poboadas, con índices superiores aos 300 habitantes por km². No sur a media non supera os 55 hab/km². Apréciase unha dobre ocupación do territorio: por unha banda as grandes cidades (Xerusalén, Tel Aviv, Haifa, Beersheva e Eilat son as principais), e doutra banda unha ocupación rural en forma de kibutz e moshav, establecementos agrícolas cunha forma de explotación do terreo e convivencia comunal.

Idiomas en Israel[editar | editar a fonte]

Israel ten dous idiomas oficiais: o hebreo e o árabe, aínda que o inglés tamén se usa a nivel oficial. O hebreo foi resucitado a finais do século XIX despois de case 2000 anos de considerarse idioma morto e hoxe é falado por máis de 3 millóns de israelís (case todos xudeus) como idioma materno e este número vai crecendo. O árabe é falado principalmente polos árabes e os drusos e pola vella xeración de xudeus chegados de países árabes. Entre outros idiomas falados por xudeus nados fóra de Israel cabe mencionar o ruso (de Rusia, Ucraína e Belarús), o inglés (por inmigrantes dos Estados Unidos), o francés (inmigrantes de Francia e Bélxica), o amhárico (de Etiopía), o español (da Arxentina, o Uruguai, Costa Rica, o Perú, Colombia, España, Marrocos Español, Chile e México), o persa, o romanés (de Romanía e Moldavia), o xeorxiano, o húngaro, o polaco, o yídish, o xudeoespañol, o armenio, o arameo (de Kurdistán, tamén se usa na liturxia), o portugués (do Brasil), o hindi, o neerlandés, o serbio, o búlgaro, o chinés (de Taiwán) e outros.

Cidades principais[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Lista de cidades de Israel.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Main Indicators" (PDF). Central Bureau of Statistics. marzo de 2013. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de decembro de 2013. Consultado o 16 de abril de 2013. 
  2. Culla, Joan B. (2005). La tierra más disputada: el sionismo, Israel y el conflicto de Palestina (en español). Alianza Editorial S.A. p. 198. ISBN 84-206-4728-4. 
  3. (*) Inclúe os territorios de Xerusalén Leste e Cisxordania.