Demetrio Bilbatúa Rodríguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Demetrio Bilbatúa Rodríguez, nado en Vigo o 17 de xaneiro de 1935, é un cineasta galego que desenvolveu case toda a súa carreira profesional en México. Nacionalizouse mexicano en 1970, logo dun incidente na fronteira guatemalteca mentres acompañaba o presidente mexicano Adolfo López Mateos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Demetrio Bilbatúa Zubeldia, dunha familia de socialistas. Durante a guerra fusiláronlle ao pai e a dous tíos. A nai levou o neno cuns familiares que vivían na Coruña, onde pasou os seus primeiros anos de vida e onde aprendeu a ler e escribir na escola Concepción Arenal. Aos nove anos de idade chegou o exilio cara a México, onde forxou un intenso vencello coa cinematografía. En 1954 iníciase no cine mexicano ao carón do seu irmán Ángel e máis adiante asóciase con Agustín Barrios Gómez e funda a empresa 'Producciones Barrios Gómez Bilbatúa'. Nos anos 60 comeza a traballar para Telesistema Mexicano (de Emilio Azcárraga, embrión da posterior Televisa).

Fotógrafo, documentalista, director e produtor, Demetrio Bilbatúa participou en moi diversos proxectos audiovisuais, moitas veces ao servizo do goberno mexicano. Conta con diversos recoñecementos mexicanos e internacionais ao longo da súa traxectoria profesional de máis de 50 anos. A súa bagaxe cinematográfica é inmensa, con máis de 1.000 documentais filmados en 35 mm.

Homenaxes[editar | editar a fonte]

É membro de honra da Academia Mexicana de Artes y Ciencias Cinematográficas.

O X Festival de Cine de Ourense, Off Cinema, celebrado do 12 ao 19 de novembro de 2005 rendeulle homenaxe aos irmáns Bilbatúa.

Filmografía[editar | editar a fonte]

  • El triunfo de la razón, 1967
  • III informe presidencial del licenciado Gustavo Diaz Ordaz (director e fotógrafo), 1967
  • El mar de Cortés, 1967
  • Ayer y hoy (fotógrafo), 1968
  • Paz y libertad (fotógrafo), 1969
  • Plan Chontalpa (produtor e director), 1969
  • Alas de México (produtor, director e fotógrafo), 1969
  • Ruta de la amistad (fotógrafo), 1970
  • Aquí México 1970
  • Descubra México: Quintana Roo (director e fotógrafo), 1970
  • Desarrollo económico (director e fotógrafo), 1976
  • El Valle Sagrado del Urubamba (codirector), 1979. Por este filme recibiu o ariel da Academia mexicana á mellor curtometraxe educativa, científica ou de divulgación artística.

Libros[editar | editar a fonte]

  • Galicia-México. Imaxe máxica, 2006

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]