Saltar ao contido

Delphinus capensis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Delphinus capensis
 Nome taxon
    Delphinus capensis
John Edward Gray 1828 Editar o valor en Wikidata
 Nome curto
    D. capensis (mul) Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
 Categoría taxonómica
Clasificación taxonómica
SuperreinoHolozoa
ReinoAnimalia
FiloChordata
ClaseMammalia
OrdeArtiodactyla
FamiliaDelphinidae
XéneroDelphinus
EspecieDelphinus capensis Editar o valor en Wikidata
Gray, 1828 Delphinus capensis Editar o valor en Wikidata
Localización
 Mapas
Distribución
Códigos e identificadores
Freebase/m/04n7h7b Editar o valor en Wikidata
ITIS555654 Editar o valor en Wikidata
OTT1094064 Editar o valor en Wikidata
CoL34JWC Editar o valor en Wikidata
EOL313022 Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons
Grupo de Dlephinus capensis.

Delphinus capensis (Gray, 1828) é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos. É un golfiño oceánico propio as augas tropicais e subtropicais achegadas ás costas de do Pacífico, as costas africanas e suramericanas, o mar Vermello e o océano Índico.[1][2] Durante moitos anos non se considerou unha especie, senón como unha subespecie do golfiño común (Delphinus delphis).

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A especie foi definida por John Edward Gray en 1828 (Spicilegia Zoologica, 1: 1-2, tab. 2)[1], pero até 1994, cando se recoñeceu como especie diferente a Delphinus capensis,[2][3] críase que era a única especie do xénero Delphinus.

Posteriormente, en 1971, van Bree definiu unha terceira especie, Delphinus tropicalis, pero na actualidade non é admitida pola comunidade científica, e os ictiólogos considérana como unha subespecie de Delphinus capensis, clasificada hoxe como Delphinus capensis tropicalis Jefferson & Van Waerebeek, 2002.[3]

Características

[editar | editar a fonte]

Delphinus capensis é un golfiño oceánico de mediano tamaño, en xeral máis pequeno que o golfiño común. Os adultos miden entre 1,9 e 2,5 m de lonxitude, e poden pesar entre 80 e 235 kg; porén, o peso máis frecuente flutúa entre os 80 e os 150 kg.[4] Os machos son lixeiramente máis grandes e pesados que as femias.

O corpo é esvelto, hidrodinámico, delgado, máis que o do golfiño común, e ten un fociño longo, tamén máis longo que o daquel, e de cor gris escura ou negra, aínda que pode ter a punta branca; hai unha pregadura ben marcada entre o bico e a fronte, que descende desde o alto da cabeza en suave declive.[5] Na boca teñen entre 80 e 120 dentes cónicos, pequenos, similares (homodonte), en cada maxilar.

Presentan unha aleta dorsal alta, situada no centro do lombo, e de forma que pode variar entre a falciforme á case triangular, e a súa cor pode oscilar entre a negra a practicamente a branca agrisada, cos bordos máis escuros, grises ou negros. As aletas pectorais son relativamente pequenas, anchas, de cor negra ou gris, e cos extremos lixeiramente acabados en punta; os bordos da punta son convexos. O pedúnculo caudal é fino, de cor gris clara, e a aleta caudal é de cor gris escura ou negra, cunha lixeira fendedura separando os dous lobos, que teñen os extremos dirixidos cara a atrás e están rematados en punta.[5]

A coloración é moi vistosa, semellante á de Delphiunus capensis, pero máis apagada, co lombo gris, negro, negro purpúreo ou apardazado, que forma unha "V" ou unha "X" debaixo da aleta dorsal, como debuxando a súa sombra (deseño denominado "en reloxo de area"), que se vai aclarando no pedúnculo caudal. O ventre é branco ou de cor crema, que se ve interrompida por unha ou dúas liñas amarelas ou grises, descontinuas; na rexión torácica dos flancos presenta unha mancha (o chamado parche torácico) de cor amarelada ou crema torrada. Ao redor dos ollos levan un anteface negro, que se prolonga ata o bico. Presentan, tamén, unha estreita banda escura desde a aleta pectoral ata o centro do maxilar inferior.[5][6][7]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Golfiño común#Bioloxía.

Semellante á do golfiño común.

Diferenzas entre as dúas especies do xénero Delphinus

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Golfiño común.
Golfiños comúns.

As dúas especies do xénero Delphinus son moi semellantes; tanto que, como quedou dito, durante moito tempo se consideraron conespecíficas.

A diferenza máis evidente entre o Delphinus delphis e Delphinus capensis é a lonxitude e a anchura do peteiro. Porén, hai tamén outros trazos distintivos.

Delphinus delphis ten o corpo algo máis repoludo, a cabeza máis arredondada, un debuxo máis complexo no seu bico, o anteface máis rechamante, unha banda máis estreita entre a mandíbula interior e as aletas pectorais e unhas cores máis brillantes, e adoita vivir máis lonxe das costas.

Delphinus capensis ten un perfil máis fino, pouco ou nada de branco entre o ollo e a aleta pectoral, a fronte máis suave, o debuxo do bico moito máis simple e unhas cores máis apagadas, e normalmente vive máis cerca da costa. Tamén hai diferenzas de comportamento entra ambas as especies.[5]

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Recoñécense dúas subespecies:[8]

A primeira identificouse na costa leste de Suramérica, África occidental, suroeste do Xapón, Corea, noroeste de Taiwán, as costas de California até o sueste de México, o Perú e Suráfrica.[2]

A segunda distribúese polas costas do Índico|Indo-Pacífico, desde o mar Vermello e Somalia, até Taiwán occidental, suroeste da China e Indonesia, incluíndo o golfo Pérsico e o golfo de Tailandia.[2]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

Aínda que a especie está moi estendida e abundante, é probábel que os seus efectivos experimentaran nas últimas décadas aumentos ou descensos de centos de miles de individuos en diversas zonas (especialmente no oeste de África, nas costas orientais e occidentais de Sudaméica e do sueste de Asia) onde se sabe de capturas incidentais nas pescarías nun número descoñecido, pero que posibelmente sexa de gran magnitude, polo que é difícil facer unha avaliación fiábel dos efectos sobre a especie. Por iso, Delphinus capensis foi catalogado pola UICN en 2008 como DD (datos insuficientes).[2]

  1. 1 2 Don E. Wilson & DeeAnn M. Reeder, ed. (2005). Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference (3 ed.). Johns Hopkins University Press. p. 2.142. ISBN 0801882214.
  2. 1 2 3 4 5 Hammond, P. S., Bearzi, G., Bjørge, A., Forney, K., Karczmarski, L., Kasuya, T., Perrin, W. F., Scott, M. D., Wang, J. Y., Wells, R. S. & Wilson, B (asesores) (2008): Lista vermella Arquivado 18 de setembro de 2018 en Wayback Machine. de especies ameazadas da UICN.
  3. 1 2 WoRMS
  4. Shirihai, H. & Jarrett, B. (2006). Whales, Dolphins and Other Marine Mammals of the World. pp. 174–176. ISBN 0-691-12757-3.
  5. 1 2 3 4 Carwardine, M. (1995), pp. 164-167.
  6. Reeves, Stewart, Clapham, Powell (2002). Guide to Marine Mammals of the World. p. 388. ISBN 0-375-41141-0.
  7. "The Common Dolphin". Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2008. Consultado o 20 de setembro de 2013.
  8. Delphinus capensis Gray, 1828 en ITIS.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Carwardine, Mark (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1037-3.
  • Mead, J. G. e Brownell, R. L., Jr. (2005): "Order Cetacea en: Wilson, D. E. e Reeder, D. M. Mammal Species of the World (3rd ed.) Johns Hopkins University Press. pp. 723–743. ISBN 978-0-8018-8221-0.
  • Perrin, William F.; Bernd Wursig e J. G.M. Thewissen (Eds.) (2008): Encyclopedia of Marine Mammals, Second Edition. Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9.
  • Rice, Dale W. (1998): Marine mammals of the world: systematics and distribution. Society of Marine Mammalogy / Special Publication Number 4. ISBN 978-1-891276-03-3.
  • Stewart, Brent S.; Phillip J. Clapham, James A. Powell e Randall R. Reeves (2002): National Audubon Society Guide to Marine Mammals of the World. ISBN 0-375-41141-0.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]