Delmira Agustini

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Delmira Agustini
Delmira Agustini.jpg
Nome completoDelmira Agustini Triaca
Nacemento24 de outubro de 1886
 Montevideo
Falecemento6 de xullo de 1914
 Montevideo
SoterradaCentral Cemetery of Montevideo
NacionalidadeUruguai
Ocupaciónescritora e poeta
editar datos en Wikidata ]

Delmira Agustini Triaca, nada en Montevideo o 24 de outubro de 1886 e finada en Montevideo o 6 de xullo de 1914, foi unha poeta modernista uruguaia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Delmira Agustini pertenceu a unha familia burguesa, de nai arxentina e pai uruguaio. Foi unha nena solitaria, educada no fogar, onde recibiu clases de francés, música e pintura, a cargo de mestres particulares. A nai de Delmira tiña un carácter autoritario e absorbente que marcou a personalidade da nova poeta que ante a súa familia tiña un carácter eminentemente dócil, pero paralelamente desenvolveu case en segredo a súa verdadeira personalidade de poeta, en versos dun erotismo aceso, triunfal e agónico o mesmo tempo.

Cando contaba só dezaseis anos apareceron publicados os seus poemas e relatos en coñecidas revistas de entón: Rojo y Blanco e A Pètite Révue. Aos dezaoito anos xa escribía columnas na Alborada, converténdose rapidamente nun personaxe da vida cultural, asistindo a tódolos actos públicos, sempre acompañada pola súa nai. Publicou en 1907 o seu primeiro libro: El libro blanco y, en 1910, Cantos de la mañana.

En 1912, Rubén Darío, o gran poeta de América, o creador do Modernismo, chegou a Montevideo e foi visitar á poeta e a visita o deixou marabillado: “De todas as mulleres que hoxe escriben en verso ningunha impresionou o meu ánimo como Delmira Agustini... é a primeira vez que en lingua castelá aparece unha alma feminina no orgullo da súa inocencia e do seu amor, a non ser Santa Teresa na súa exaltación... se esta bela nena continúa na lírica revelación do seu espírito como até agora, vai asombrar ao noso mundo de fala española.. .pois por ser moi muller di cousas exquisitas que nunca se dixeron”.

As contradicións do seu carácter tamén se dan na súa contorna familiar xa que os mesmos pais sobreprotectores que a chaman “la Nena”, son os mesmos que a alentan a publicar os seus versos acesos.

Delmira casou con Enrique Job Reyes, un comerciante novo, en 1913. Aos cincuenta e tres días de casada, volveu á casa familiar, quizais por estar namorada do escritor arxentino Manuel Ugarte, co que facía tempo que mantiña relación epistolar e ao que adoitaba ver en Montevideo; en calquera caso a relación co seu marido continuou como amantes furtivos, á vez que se divorciaban legalmente. Pero a tarde do 6 de xullo de 1914, o xa ex-marido citouna nunha habitación alugada. Nesa cita, Reyes asasinouna con dous balazos e logo suicidouse.

A súa poesía inscribiuse na corrente modernista da época, pero cando o soterrado sentimento que alentaba na alma da poeta podía expresarse sen trabas, as súas palabras alcanzaban unha dimensión máis auténtica, dando lugar aos seus poemas excelsos: Explosión, Íntima, Lo inefable, Visión, Otra estirpe, Plegaria, que bastaron para asegurarlle un lugar privilexiado, na súa curta vida, no parnaso literario.

Obra[editar | editar a fonte]

Os seus poemas seguen a corrente modernista e están cheos de feminismo, simbolismo, sensualidade e sexo. A alma de Delmira sen "filtros nin condicionamentos" queda patente no poemario Los cálices vacíos. A obra é, ademais unha invitación a desandar o camiño que a conduciu ao seu eu.[1] En 1924 publicáronse en Montevideo as súas obras completas. Entre os seus títulos destacan:

  • El libro blanco (1907).
  • Cantos de la mañana (1910).
  • Los cálices vacíos (1913).

Edicións póstumas:

  • El rosario de Eros (1924).
  • Los astros del abismo (1924).
  • Correspondencia sexual (1969).

Na Colección Delmira Agustini da Biblioteca Nacional de Uruguai, ademais de cartas, fotos e obxectos da poeta hai máis dun cento de follas soltas e sete cadernos de manuscritos.[2]

Memorial[editar | editar a fonte]

A cidade de Montevideo conta cun espazo memorial dedicado a Delmira Agustini, e a todas as vítimas da violencia de xénero, situado na rúa Andes 1206, onde Delmira foi asasinada polo seu ex-marido. É unha obra do artista Martín Xastre e foi inaugurado en 2014 ao cumprirse 100 anos do asasinato da poeta.[3]

Traducións[editar | editar a fonte]

  • Agustini, Delmira. Líricas: poesías seleccionadas. Tradución de Gleiton Lentz. Edições Nephelibata, 2005.
  • Agustini, Delmira. Alguns cálices d'Vos cálices vazios. Tradución de Gleiton Lentz. En: Cadernos de Literatura em Tradução, n. 8, 2007, pp. 179-201
  • Agustini, Delmira. Poetics of Eros. Tradución de Alejandro Cáceres. Illinois: Willis Barnstone, 2003.
  • Agustini, Delmira. Selected Poetry of Delmira Agustini. Poetics of Eros. Tradución ao inglés de Alejandro Cáceres. Southern Illinois University Press, 2008. ISBN 978-0809328680

Notas[editar | editar a fonte]

  1. García Gutiérrez, Rosa: Los cálices vacíos. Delmira Agustini, Sevilla, Point de Lunettes, 2014 ISBN 978 84 96508 73 9.
  2. "Delmira Agustini en Sus Papeles." (en castelán). Consultado o 2019-10-14. 
  3. Motevideo (2014). "A ella". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 5 de marzo de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Agustini. Alejandro Cáceres, ed. Poesías completas. Montevideo: Ediciones de la Plaza. 
  • Fernández dos Santos, Mirta (ed.) (2019). La recepción crítica de la obra de Delmira Agustini por sus contemporáneos : a través de su correspondencia inédita y poco difundida. Madrid: Iberoamericana / Frankfurt a.M.: Vervuert.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]