Deimos (lúa)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Deimos ou Marte II é o satélite máis pequeno de Marte con 15 km de diámetro.

Descuberto o 12 de agosto de 1877 polo astrónomo norteamericano Asaph Hall, Deimos é probablemente un asteroide que viu a súa órbita perturbada pola gravidade de Xúpiter, de maneira que Marte o capturou, aínda que esta teoría aínda non está totalmente aceptada. Como a maioría dos corpos de tamaño comparable, Deimos posúe unha forma moi irregular, e mide 15x12x10 km.

Deimos componse de rocha rica en carbono, moi similar ós asteroides de tipo C (condrita carbonácea), e de xeo. Posúe cráteres, pero a súa superficie é notablemente máis lisa que a de Fobos, debido ao enchido parcial dos seus cráteres con regolito.

Visto desde Deimos, Marte sería 1.000 veces máis grande e 400 veces máis brillante que a lúa chea vista desde a Terra, ocupando 1/11 do largo dun hemisferio celeste.

Visto desde Marte, Deimos ten un diámetro angular non maior de 2,5', de modo que á primeira ollada aparece como unha estrela. No seu momento de máis brillo ("lúa chea") vese máis ou menos igual de brillante que Venus desde a Terra. No cuarto crecente sería tan brillante como Vega. Cando Deimos pasa por diante do Sol, o seu diámetro angular é só unhas 2,5 veces o diámetro angular de Venus durante o tránsito de Venus visto desde a Terra.

Ó contrario que Fobos, que orbita tan rapidamente que de feito sae polo oeste e se pon polo leste, Deimos sae polo leste e ponse polo oeste. Con todo, o período orbital de Deimos (aproximadamente 30,5 horas) excede o día solar marciano (unhas 24,5 horas) por tan pouco tempo que pasan 2,7 días desde a saída ata a posta, para un observador ecuatorial.

Debido á súa órbita, que é relativamente próxima a Marte e con só unha pequena inclinación respecto ó ecuador marciano, Deimos non pode ser observado desde latitudes marcianas superiores a 83,7 º. Con todo nas mellores oposicións (2003 e 2005) pode ser capturado con cámaras CCD nos seus maiores elongacións.