DeLorean DMC-12

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
DeLorean DMC-12
1981 Delorean DMC (29043312252).jpg
NomeDeLorean DMC-12
Construtor DeLorean Motor Company
Produción Máis de 8500 unidades
Montaxe Dunmurry, Irlanda do Norte (Reino Unido)
Tipo Automóbil deportivo
Segmento S
Motor V6 PRV
Carrozaría Cupé
Configuración Motor traseiro / tracción traseira
Dimensións 4215 mm / 1855 mm / 1140 mm / 2415 mm
Peso 1288 kg
Deseñador Giorgetto Giugiaro en Italdesign

O DeLorean DMC-12 é un automóbil deportivo fabricado por DeLorean Motor Company (DMC) dende 1981 ata 1982. É coñecido coma o DeLorean, xa que este foi o único modelo que fabricou dita compañía. O DMC-12 caracterízase polas súas portas de ás de gaivota e a súa carrozaría metálica de aceiro inoxidábel sen pintura. É moi coñecido pola súa aparición na triloxía de películas de Back to the Future. Despois de aparecer nestas tres películas, o DMC-12 converteuse nun obxecto de culto.[1]

O primeiro prototipo apareceu en outubro de 1976 e a produción empezou oficialmente en 1981 na fábrica que DMC tiña en Dunmurry, en Irlanda do Norte. Durante a súa produción cambiáronse varios aspectos do coche, coma o estilo do capó, as rodas e o interior.

Malia ter sido producidos en Irlanda do Norte, os DMC-12 estaban dirixidos, ante todo, para o mercado estadounidense. Por iso, tódolos modelos producidos tiñan o posto de condución á esquerda (deseñados para seren conducidos pola parte dereita da estrada). Algúns deles foron convertidos para seren conducidos dende o asento dereito por mecánicos especialistas do Reino Unido, mais nunca foron producidos así por DMC, así que a popularidade deste modelo no Reino Unido foi moi limitada. Canto menos 8500 exemplares do DMC-12 foron fabricados antes de que a produción rematase a finais de 1982. En 2007 estimábase que aínda existían 6500 deles.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

En outubro de 1976 completouse o primeiro prototipo do DMC-12, deseñado por William T. Collins, enxeñeiro xefe e deseñador (que anteriormente era o enxeñeiro xefe de Pontiac). Orixinalmente, o motor traseiro do DMC-12 ía ser un motor Wankel de Citroën, mais foi substituído por un deseño francés denominado PRV (Peugeot-Renault-Volvo), un motor V6 de inxección que melloraba a escasa eficiencia do motor Wankel, o cal era un aspecto importante pola escaseza de combustíbeis que estaba sufrindo o mundo enteiro por mor da crise do petróleo de 1973. William Collins e John DeLorean imaxinaron un chasis producido cunha tecnoloxía nova que nunca fora probada denominada Elastic Reservoir Moulding (ERM), que podería contribuír a reducir o peso do coche e por tanto suponse que tamén reduciría os custos de produción, mais esta tecnoloxía da que DeLorean mercara os dereitos da patente non resultou ser axeitada para a produción en masa.

O DMC-12 construíuse finalmente na fábrica de Dunmurry, Irlanda do Norte, a uns poucos quilómetros do centro de Belfast. A construción da fábrica empezou en outubro de 1978 e aínda que o comenzo da produción do DMC-12 foi planificado para 1979, cuestións de enxeñería e o exceso no presuposto atrasaron o comezo da produción até 1981. Durante esa época, a taxa de desemprego era moi alta en Irlanda do Norte e os residentes facían cola para pedir emprego na fábrica. A man de obra estaba composta por protestantes e católicos que estaban contentos de apartar as súas diferenzas relixiosas para traballar en equipo. Case todo o persoal de produción non tiña experiencia mais foron pagados con primas, o que proporcionou un equipo moi bo. A maioría dos aspectos de calidade foron resoltos durante 1981 e os DMC-12 vendéronse cunha garantía de 12 meses e un contrato de servizo dispoñíbel de 5 anos e 80000 km.

A DeLorean Motor Company declarouse en quebra a finais de 1982 tralo arresto de John DeLorean en outubro dese ano por cargos de tráfico de drogas. Máis tarde descubriuse que non era culpábel, mais xa era demasiado tarde para o DMC-12. Aproximadamente 100 unidades parcialmente ensambladas foron completadas por antigos empregados da fábrica, que foron contratados por unha empresa chamada Consolidated International (agora coñecida coma Big Lots). As pezas que ficaron de serie na fábrica de DMC, as pezas do US Warranty Parts Center, así coma as pezas dos provedores orixinais que aínda non foran repartidas á fábrica foron todas enviadas a Columbus (Ohio, Estados Unidos) no ano 1983. A compañía KAPAC vendeu estas pezas aos clientes ao por menor e ao por maior mediante pedidos por correo. A DeLorean Motor Company de Texas adquiriu este inventario en 1997.[3] Entre xaneiro de 1981 e decembro de 1982 fabricáronse un total de 9.200 DMC-12 entre a DeLorean Motor Company e Consolidated International,[4] aínda que algunhas fontes indican que en total só se construíron 8.583 coches.[5][6] Unha quinta parte dos DMC-12 foi producida en outubro de 1981.[7] Entre febreiro e maio de 1982 foron producidas arredor de 1000 unidades xa que se produciu un decaimento na produción, fabricándose moi poucos coches, todos eles co VIN (Vehicle Identification Number) cambiado despois da compra realizada por Consolidated International para facelos aparecer coma modelos de 1983. Estes son os VIN 15XXX, 16XXX, e 17XXX que orixinalmente eran os VIN 10XXX, 11XXX e 12XXX. O derradeiro DMC-12 foi ensamblado o 24 de decembro de 1982.[4]

Mecánica e prestacións[editar | editar a fonte]

Motor PRV do DMC-12.

O DMC-12 é propulsado por un motor PRV atmosférico de 6 cilindros en V nunha disposición a 90 grados, que foi desenvolvido conxuntamente polas marcas Peugeot, Renault e Volvo.[8] Este motor deriva do Volvo B28F e conta cun sistema de inxección de combustíbel Bosch K-Jetronic. Está montado lonxitudinalmente detrás do eixe traseiro, cunha cilindrada de 2849 cc, un diámetro x carreira de 91 mm x 73 mm e unha relación de compresión de 8,8:1.[9] O bloque e as cabezas están feitos dunha aliaxe de aluminio lixeira, ten unha distribución SOHC cunha árbore de levas en cabeza e dúas válvulas por cilindro (12 en total). Para unha axeitada refrixeración do motor, o radiador está montado na parte dianteira.

Dúas caixas de cambios estaban dispoñíbeis para o DMC-12: unha automática de tres velocidades e outra manual de cinco velocidades (a máis utilizada), ambas da marca Renault[8] e cunha relación final de 3,44:1.

Cando os coches eran novos, a súa potencia foi calculada en 130 HP (132 CV) a 5.500 rpm e un par máximo de 208 Nm a 2.750 rpm.

John DeLorean tiña previsto orixinalmente que o DMC-12 produciría arredor de 200 HP, mais finalmente instalouse un motor de 170 HP. Porén, as regulacións de emisións de CO2 nos Estados Unidos requiriron que pezas tales coma convertedores catalíticos estivesen montadas nos coches antes de que fosen vendidos nese país. A montaxe destas pezas nas versións para Estados Unidos causou unha redución de 40 HP (41 CV) na entrega de potencia, unha perda que dificultou seriamente o rendemento do DMC-12, e cando isto se combinou cos cambios no sistema da suspensión do coche, a versión para os Estados Unidos foi considerada decepcionante.

Aínda que as novas pezas que calificaron o coche para a súa venda nos Estados Unidos causaron reducións serias na entrega de potencia, a 130 HP (132 CV), algunhas fontes indican que con esta potencia o coche alcanza unha velocidade máxima de 209 km/h.[10] Porén, outras indican que a súa velocidade máxima é de só 175 km/h ou 177 km/h.[9][5] DeLorean declarou que o DMC-12 podía acelerar de 0 a 60 mph (96 km/h) en 8,5 segundos,[6] respectábel a principios dos anos 80, mais a revista Road & Track cronometrou un tempo de 10,5 segundos,[11] o cal naquela época xa se consideraba demasiado lento para un deportivo.

DeLorean especiais[editar | editar a fonte]

DMC-12 Twin Turbo[editar | editar a fonte]

A DeLorean Motor Company encomendoulle dous DMC-12 Twin Turbo a unha empresa chamada Legend Industries, os cales tiñan as placas VIN 502 e VIN 530. Estes coches estaban equipados cun motor biturbo de 350 CV de potencia. Aceleraban de 0 a 60 mph (96 km/h) en 5,8 segundos e percorrían 1/4 de milla (402 m) nun tempo de 14,7 segundos.[12]

DMC-12 dourado[editar | editar a fonte]

Un dos tres DMC-12 bañados en ouro no Museo Nacional do Automóbil de Reno, Nevada, Estados Unidos.

A DeLorean Motor Company realizou unha pequena serie especial do DMC-12, na cal os paneis de aceiro inoxidábel foron chapados en ouro de 24 quilates.[13] Tíñase planexado fabricar cen unidades desta serie especial, mais finalmente só se construíron tres unidades.[14] Dous destes DMC-12 foron usados nunha promoción das tarxetas de crédito American Express no Nadal de 1981 e despois foron vendidos por US$ 85.000 cada un.

O primeiro DMC-12 dourado (VIN 4300) de American Express foi adquirido por Sherwood Marshall, un empresario e ex-oficial da Mariña Real Canadense. Marshall doou o seu DeLorean á Fundación William F. Harrah, e é exposto no Museo Nacional do Automóbil en Reno, Nevada.[15] Este é o único dos tres DeLorean chapados en ouro que foi equipado cunha transmisión manual, e ten un interior de cor bronceada.

O segundo DeLorean dourado (VIN 4301) de American Express foi adquirido por Roger Mize, o presidente do Banco Nacional de Snyder en Snyder, Texas.[13] Este DeLorean estivo exposto no banco durante máis de 20 anos antes de ser doado ao Museo Automotriz Petersen dos Ánxeles.[14] Ten un interior de cor negra, e está equipado cunha transmisión automática.[13]

O terceiro e derradeiro DMC-12 chapado en ouro ten a placa VIN co número 20105, e foi vendido en La Vale (Maryland) por US$ 250.000 e con só 636 millas (1024 km) no seu hodómetro.[16] Está equipado cunha transmisión automática e, ao igual ca o VIN 4300, o seu interior é de cor bronceada.[16]

O DMC-12 en Back to the Future[editar | editar a fonte]

Réplica dun dos DMC-12 utilizados na rodaxe das dúas primeiras películas da triloxía.
DeLorean orixinal usado na terceira película.

O DeLorean DMC-12 é moi coñecido pola súa aparición como máquina do tempo na triloxía de Back to the Future (Regreso ó futuro na dobraxe feita en Galiza), unhas películas de ciencia ficción dirixidas por Robert Zemeckis e protagonizadas por Michael J. Fox e Christopher Lloyd. A razón principal de que fose elixido o DMC-12 foi que estaba deseñado de xeito idóneo para incluír a broma sobre a familia de granxeiros que o confunden cun OVNI na primeira película.

Durante a rodaxe da triloxía, utilizáronse sete unidades do DMC-12,[17] ademais dun modelo de fibra de vidro a tamaño real para simular o voo no ar e outro a escala para rodar varias tomas. Os DMC-12 usados en Back to the Future tiñan o motor V6 orixinal (cuxo son na película provén do motor V8 dun Porsche 928).[18] En Back to the Future Part III foron usadas dúas unidades equipadas con motores Volkswagen e chasis de buggy,[18] e nunha terceira unidade foron colocados explosivos para destruila no final da película, cando un tren golpea a máquina do tempo e a destrúe.[18]

Soamente tres dos sete coches usados nas películas aínda existen.[19] Universal Studios posúe dous dos coches restantes, os cales usa de cando en vez en exposicións ou para outras producións.[19] O derradeiro coche, usado en Back to the Future Part III, foi restaurado e saíu a poxa en novembro de 2011,[17][20] sendo vendido por US$ 541.200 en decembro dese mesmo ano.[21]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Un coche que se adelantó a su tiempo". El Mundo. 23 de marzo de 2005. 
  2. Zimmerman, Martin (28 de xullo de 2007). "For the DeLorean, it's back to the present". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 9 de novembro de 2012. 
  3. "Where did you get all those parts?". Delorean (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 9 de xullo de 2011. 
  4. 4,0 4,1 Knut Grimsrud. "DeLorean FAQ - Historic Information - DeLorean Production Numbers". Dmcnews.com (en inglés). 
  5. 5,0 5,1 Melissen, Wouter (21 de marzo de 2005). "DeLorean DMC-12". Ultimatecarpage (en inglés). 
  6. 6,0 6,1 "DeLorean DMC-12 (1981)". Autozine.org. Consultado o 9 de novembro de 2012. 
  7. "DMC-12 Estimated Production Volumes by Month. Based on VIN Survey Information and Best Known Data" (PDF). Dmcnews.com. Consultado o 20 de novembro de 2012. 
  8. 8,0 8,1 Knut Grimsrud. "DeLorean FAQ - Powerplant and Drivetrain". Dmcnews.com (en inglés). Consultado o 9 de novembro de 2012. 
  9. 9,0 9,1 D, Nick (10 de abril de 2016). "DeLorean DMC-12". Supercars.net (en inglés). Consultado o 14 de novembro de 2012. 
  10. "Especificacións do DeLorean DMC-12". Conceptcarz.com (en inglés). Consultado o 27 de maio de 2008. 
  11. "DMC DeLorean Motor Company - Road Tests". home.no. Consultado o 12 de decembro de 2012. 
  12. "LEGEND TURBO - VIN 502". Enter my world. Consultado o 12 de agosto de 2014. 
  13. 13,0 13,1 13,2 "The 24-Karat Gold Plated DeLorean Car". Big Texas. Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2011. Consultado o 03 de xuño de 2020. 
  14. 14,0 14,1 Tamir's DeLorean Site (ed.). "Gold DeLoreans". Enter my world. Consultado o 13 de decembro de 2012. 
  15. "DeLorean Owners Association Regional Chapter 41 (páxina 2)" (PDF). Dmcnews.com. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 1 de decembro de 2012. 
  16. 16,0 16,1 "Delorean for sale in La Vale, Maryland". Big Texas (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2011. Consultado o 03 de xuño de 2020. 
  17. 17,0 17,1 "BTTF3 DeLorean - Which car is this?". Bttf3delorean.com (en inglés). Consultado o 1 de decembro de 2012. 
  18. 18,0 18,1 18,2 "CREATING THE TIME MACHINE". Bttf.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2014. Consultado o 28 de agosto de 2014. 
  19. 19,0 19,1 "BTTF3 DeLorean: Where Are They?". Bttf3delorean.com (en inglés). Setembro de 2010. Consultado o 1 de xaneiro de 2011. 
  20. "DeLorean used in Back to the Future III going up for auction". Egmcartech (en inglés). 23 de novembro de 2011. Consultado o 1 de decembro de 2012. 
  21. "El mono de Steve McQueen se vende por un millón de dólares; el DMC-12 de Regreso al Futuro 3, por medio". Es.autoblog.com. Consultado o 12 de agosto de 2014.