Da felicidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Séneca.

Da felicidade (De vita beata) é un diálogo escrito por Lucio Anneo Séneca cara ó ano 58. Está destinado ao seu irmán máis vello Galión, antes chamado Novato, ó que tamén adicou o seu primeiro diálogo, titulado Da ira.

Resumo[editar | editar a fonte]

Nesta obra Séneca fala, con respecto á felicidade, de que a pesar de que toda a humanidade desexa ser feliz, as persoas son cegas para saber que é o que as fai felices e que canto máis a buscan, máis a afastan. Por iso faise imprescindíbel saber que é o que queremos, parar poder tomar o camiño correcto e chegar a alcanzala, sen deixarnos levar polas influencias externas que nos levan cara distintas direccións.

Para Séneca, a senda máis transitada é a menos confiábel. Nada é menos aconsellable que seguir ó rabaño, é dicir, a opinión da maioría crendo que é o mellor para nós. Iso sería acomodarse e non actuar racionalmente, porque resulta enganoso seguir ós que van adiante, xa que nos poden dirixir ó precipicio. O mesmo pasa nas eleccións de gobernantes, conta Séneca, extránalles ós mesmos que votaron ó partido maior, que por iso é o peor, que gañaran os seus candidatos e aproban o mesmo que critican.

Hai que buscar o mellor, non o máis común e frecuente, para chegar a ser un pobo feliz e non o que aproba a maioría ou o vulgo, que non é fiel intérprete da verdade. Por que o home non busca o bo porque é bo e non para que o vexan? Unha vida feliz é só aquela que segue a súa propia natureza que se pode alcanzar coa alma sa e o corpo saudábel. Ten que ser unha vida sen angustias, que se adapte á época, atenta ás cousas pero sen deixarse levar por ningunha e disposta a gozar da fortuna sen ser o seu escravo, afastando as cousas que perturban. Sentiremos pracer continuado, paz e harmonía espiritual no canto de pequenos deleites.

Aquel que é honesto e virtuoso, que non se derruba polos cambios desfavorables, que ten unha alma libre, recta, audaz e estable, que non sente nin ambición nin medo, chegará a ser feliz. Todo o demais, que vén e se vai, non aumenta nin diminúe a felicidade, porque non ten ningún valor e son praceres que producen dor.

Ninguén pode ser feliz se non transita o camiño da verdade e está contento co que ten, porque vivir en plenitude lógrase co xuízo recto e seguro da razón. Moitos son infelices debido á mala vida, por causa dos praceres mesmos que son os que se encontran xeralmente en lugares tenebrosos.

A natureza é a que nos guía e a razón é a que observa. O home debe confiar na forza do seu espírito e ser o artífice da súa propia vida. Deberá manter as súas conviccións e non cambialas á hora de tomar decisións, obrando de forma xenerosa e afábel.

Estrutura[editar | editar a fonte]

O diálogo está dividido en 28 capítulos que representan o pensamento moral de Séneca en plena madurez.

  1. A opinión común e o acerto.
  2. Razón e opinión.
  3. A felicidade verdadeira.
  4. Definicións do sumo ben.
  5. A liberdade do sabio.
  6. Pracer e felicidade.
  7. Oposición da virtude e o pracer.
  8. Vivir segundo a natureza.
  9. O pracer sobrevido.
  10. A actitude ante o pracer.
  11. Impotencia da sabedoría epicúrea.
  12. O perigo do epicureísmo.
  13. O verdadeiro sentido da doutrina de Epicuro.
  14. O risco do pracer.
  15. Obedecer a Deus é liberdade.
  16. A felicidade do sabio.
  17. Os principios e a conduta.
  18. A malevolencia non respecta a ninguén.
  19. A envexa, orixe da maledicencia.
  20. O valor do esforzo filosófico.
  21. As preferencias do sabio.
  22. O papel das cousas preferíbeis.
  23. O uso das riquezas.
  24. A arte de dar.
  25. O apego ás riquezas.
  26. O necio e o sabio.
  27. O exemplo dos filósofos.
  28. A ameaza prevista.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]