DC Gallego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
DC Gallego

O Deportivo Centro Gallego foi unha institución deportiva da Habana de principios do século XX, cuxa actividade principal era o fútbol. Participou no Campionato Nacional de Fútbol de Cuba, saíndo campión del en oito ocasións, o que o converte no segundo club máis laureado da historia do fútbol cubano, só por detrás do FC Villa Clara.[1] Eran alcumados os "alacráns".[2]

Historia[editar | editar a fonte]

A institución ten a súa orixe nos inmigrantes galegos que crearon a Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia o 21 de xaneiro de 1872 na Habana, dando lugar a diversas institucións culturais e deportivas, como a creación en 1878 do Centro Galego da Habana, unha escola en 1880, un centro de idiomas, unha biblioteca e a institución deportiva.

O equipo gañou o Campionato Nacional de Fútbol de Cuba en oito ocasións (1931, 1932, 1937, 1938, 1939,[2] 1940, 1945 e 1947).[3] Ademais en 1951 e 1954 gañou o Campionato Cubano Profesional, un campionato paralelo do que se celebraron 7 edicións. Foi un dos mellores equipos de toda América na súa época, chegando a realizar xiras internacionais como a que fixeron por Suramérica e Centroamérica en 1937, que durou catro meses,[4] e na que xogaron contra os mellores equipos de países como Colombia[5] ou Costa Rica.[6] Ademais participaron no Torneo Internacional de Cali, organizado como conmemoración polo 4º centenario da fundación de Cali, xunto ao Independiente Rivadavia, da Arxentina, o Deportivo Cali, de Colombia, a Selección Jalisco, de México e Ambato, de Ecuador entre outros. O Centro Gallego saíu campión, aínda que no partido fronte aos mexicanos, un dos xogadores "galaicos", Sergio Alonso, recibiu unha patada que o mandou ao hospital, onde faleceu pouco despois.[7] En 1938 venceron á selección de Euskadi por 3 a 0 nun partido disputado na Habana.[8]

Entre os xogadores destacados no club atopábanse o costarriqueño Alejandro Morera Soto, quen foi o primeiro costarriqueño en xogar no exterior, o colombiano Roberto Meléndez e o arxentino Amadeo Colángelo. Destacou tamén Mario López, notable figura da selección de fútbol de Cuba na década de 1930. Pero o xogador máis afamado do equipo foi Juan Tuñas, tres veces máximo goleador do Campionato Nacional co Centro Gallego e considerado por moitos como o mellor futbolista cubano de todos os tempos.[9][10] Algúns dos futbolistas que integraron a selección cubana que disputou a Copa Mundial de Fútbol de 1938 pertencían ao Centro Gallego, como o propio Tuñas ou o coruñés Manuel Chorens.

Mantiña unha gran rivalidade co tamén habaneiro Juventud Asturiana.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Cuba - Lista de campións". www.rsssf.com (en inglés). Consultado o 9 de outubro de 2019. 
  2. 2,0 2,1 "Campeones los alacranes del Centro Gallego al perder el Hispano con el Iberia, 3x1". Diario de la Marina (en castelán). 22 de maio de 1939. p. 10. Consultado o 10 de outubro de 2019. 
  3. "Palmarés do Campionato Nacional cubano" (PDF). www.inder.gob.cu (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de novembro de 2019. Consultado o 9 de outubro de 2019. 
  4. "Tópicos Futbolísticos". Diario de la Marina (en castelán). 3 de novembro de 1937. p. 15. Consultado o 10 de outubro de 2019. 
  5. "Llegaron a Barranquilla los miembros del equipo". Diario de la Marina (en castelán). 2 de setembro de 1937. p. 15. Consultado o 10 de outubro de 2019. 
  6. "Tópicos futbolísticos". Diario de la Marina (en castelán). 15 de outubro de 1937. p. 13. Consultado o 10 de outubro de 2019. 
  7. "Los Panamericanos de 1937" (en castelán). 26 de setembro de 2014. Consultado o 10 de outubro de 2019. 
  8. "Sufrió la selección vasca su primera derrota a manos del Centro Gallego". Diario de la Marina (en castelán). 24 de xaneiro de 1938. p. 10. Consultado o 10 de outubro de 2019. 
  9. "El once ideal de futbolistas del Caribe" (en castelán). Consultado o 10 de outubro de 2019. 
  10. "Los cubanos en el Real Madrid" (en castelán). 12 de xaneiro de 2019. Consultado o 10 de outubro de 2019.