Dólar de prata do bicentenario de Lewis e Clark

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outras moedas dun dólar relacionadas coa expedición de Lewis e Clark, véxase Dólar de ouro da Exposición de Lewis e Clark e Dólar Sacagawea
Dólar de prata do
bicentenario de Lewis e Clark
A/: Lewis e Clark de corpo enteiro, coa beira dun río ao fondo. Data e marca da gravadora (DW).

Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST / LEWIS & CLARK BICENTENNIAL / 1804-1806

R/: Medalla da paz e a amizade no centro. Dúas plumas e 17 estrelas. Marca de ceca (P).

Lenda: E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR / UNITED STATES OF AMERICA

O dólar de prata do bicentenario de Lewis e Clark é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 2004 e cuñada pola Ceca de Filadelfia.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 106-126, do 6 de decembro de 1999,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda conmemorativa do bicentenario do comezo da expedición de Lewis e Clark (1804-1806).[2]

Deseño[editar | editar a fonte]

Os deseños deste dólar conmemorativo foron presentados en maio de 2004 no Museo de Historia de Missouri, pola directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos Henrietta Holsman Fore.[3]

No anverso da moeda, deseñado e gravado pola gravadora da US Mint Donna Weaver, reprodúcese unha imaxe de corpo enteiro do comandante Meriwether Lewis (esquerda) e do tenente William Clark (dereirta) planificando unha nova xornada da súa expedición; Lewis sostén un rifle e un diario, e Clark apunta a distancia cun dedo. Ao fondo vese a beira dun río. A escena destá rodeada por lendas alusivas ao bicentenario do inicio da expedición. Neste anverso amósanse tres datas: a do inicio da expedición (1804) a do seu remate (1806) e a de emisión da moeda (2004).[2][4]

Pola súa banda, o reverso, obra da mesma gravadora, reproduce no seu centro a "medalla da paz e a amizade", coa que Lewis e Clark agasallaron os nativos no transcurso da súa viaxe. Aos seus lados hai dúas plumas, símbolo das culturas indíxenas americanas, e na parte superior 17 estrelas, que representan o número de estados no momento do inicio da expedición.[2][4]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 500.000 de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia[2][4] e estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación desde o mesmo día da súa presentación no Museo de Historia de Missouri, o 12 de maio de 2004.[3][5]

A súa produción foi de 142.015 moedas na súa condición estándar e 351.989 en versión con acabamento especial (proof), o que fai un total de 494.004 exemplares, practicamente no límite de cuñaxes autorizado.[4][6]

A moeda comercializouse aos prezos de 35 dólares en condición estándar e 39 en versión proof,[4] e o beneficio conseguido coa súa venda destinouse conxuntamente ao Consello Nacional do Bicentenario de Lewis e Clark —dous terzos— e ao Servizo de Parques Nacionais —un terzo—, para financiar as actividades de conmemoración do bicentenario.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]