Días contados (libro de 1991)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Días contados
Autor/aXosé Cid Cabido
OrixeGaliza
Linguagalego
ColecciónNarrativa
Xénero(s)Relatos
EditorialEdicións Xerais
Data de pub.Decembro de 1991
Páxinas158
ISBN978-84-7507-609-2
editar datos en Wikidata ]

Días contados é un libro de doce relatos de Xosé Cid Cabido, publicado por Edicións Xerais en 1991 logo de acadar o Premio Cidade de Lugo de Narrativa.

Trama[editar | editar a fonte]

"Impasse"[editar | editar a fonte]

Un home novo quere ir ver ao cinema o filme Miller's Crossing, e queda coa súa moza. Esta sempre chega tarde ás citas, polo que a convoca con tempo. Logo de prepararse, vai tomar unha cervexa na rúa Venezuela de Vigo. Espera por ela, mais non aparece até unha hora despois, cando a película xa comezaba. El, no canto de enfadarse como noutras ocasións por non poder ir ver o filme, sente unha apracible indiferenza. A moza marcha ao cabo dun anaco, e el permanece no coche en calma. Finalmente decide quedar a durmir alí.

"Bypass"[editar | editar a fonte]

Primavera de 1988. Nun piso unha muller prepara o xantar antes de que cheguen o seu home e os seus fillos. Mentres cociña pídelle ao fillo máis vello que vaia ao rocho do edificio a por unhas latas de alimentos en conservas. Como tarda en volver, o fillo máis novo sobe buscalo, pero atopa a porta do faiado pechada por dentro. O pai da familia sobe con outro xogo de chaves, e encontra o local baleiro. A familia vai á comisaría a poñer unha denuncia pola desaparición do fillo. Xusto un ano despois, o fillo aparece coas latas que lle pedira a nai.

"Estafetas con carne"[editar | editar a fonte]

Tres traballadores reciben o encargo de retirar trinta e dúas caixas do correo de toda a cidade. Proban a retirar unha preto do Estadio de Balaídos mais non son capaces, e proban con outra preto do parque de Castrelos, tamén sen fortuna. Intentan separala da base do chan, ao que está pegada con cemento. Desisten e van xantar. Piden lentellas, e un deles explícalles aos outros que tres anos atrás fora apreixado durante a folga de Hijos de J. Barreras, e que no cárcere lle deran de comer unhas lentellas que tiñan un bicho dentro.

"Téñome que me irme"[editar | editar a fonte]

Un comercial entra nunha farmacia da rúa do Príncipe. Logo de que marche a clientela, dúas señores e un rapaz con vergoña que vai mercar preservativos, ofrécelle á muller que atende un medicamento antihistamínico. Sae e para nun bar a tomar unha cervexa. Ao pouco entra a dependenta no bar, e pide un café. Ao comercial parécelle moi atractiva. Comezan a falar, e ela ofrécese a achegalo até a súa casa en coche, mais logo convídao a cear á súa casa, na prolongación da rúa Nicaragua. Alí no sofá está ceando xa un home fronte ao televisor, vendo un partido dos LA Lakers. A farmacéutica e o home do sofá comezan a discutir por un trade e unhas brocas. Cando o home sae do salón, a muller ensínalle os peitos ao comercial. Vai pasando o tempo, e xa de noite o home ponse a furar unha parede co trade. O comercial e a muller comezan a ter sexo, e o home do sofá aparece no salón vestido con lencería feminina. O comercial, aínda que bébedo de whisky, sente que ten que marchar de alí.

"Crebantamento de condena"[editar | editar a fonte]

Un rapaz novo ten que regresar ao cárcere de Vigo, na avenida de Madrid, despois dun permiso. Leva catro anos de condena e quédanlle outros seis meses. Logo de despedirse da súa irmá toma un café co seu cuñado na praza de España. Asume que debe volver ao centro penitenciario para rematar coa condena, pero antes de entrar lembra todos os sufrimentos que padece dentro. Desvíase cara aos edificios en construción.

"Unha palabra túa bastará para sanarme"[editar | editar a fonte]

Unha rapaza de vinte e oito anos traballa de pedagoga e vive coa súa nai. É virxe e determinista, e confía en atopar unha parella estable. Ten unha relación cun rapaz, que se leva moi ben coa súa nai. Esta, pola súa banda, vai casar con outro home. Un sábado a rapaza perde a virxindade co seu mozo, e confía en que vai ser o home da súa vida, e que poderá vivir con el agora que a nai vai marchar da casa. Porén, o rapaz decide non volver ter relación coa rapaza, e ela comeza a acosalo. Entra no seu coche e cóllelle a documentación para obrigalo a falar con ela, e a irmá do rapaz pon unha denuncia en comisaría. Declara ante o xuíz, que a condena a pagar unha multa ou pasar un día no cárcere, pero cando a pedagoga lle explica ao xuíz o seu ideal de parella, este déixaa marchar.

"Fracaso profesional"[editar | editar a fonte]

Un home recibe un encargo laboral. Para levalo a cabo vai a unha casa, prepáralle o almorzo ao home, e cando marcha queda a falar coa muller. Cun disco de Stephane Grappelli de fondo, vaille facendo preguntas a ela para descubrir información sobre o home. Ao cabo, métese na cama con ela, e considérao un fracaso profesional.

"Lugar adecuado"[editar | editar a fonte]

Aparece un morto. Hai diversas opinións sobre o seu falecemento, pero ningunha versión oficial. O Xefe manda ao grupo levar o cadaleito até un lugar para soterralo. Comezan a camiñar cara ao suroeste durante varios días, por lugares despoboados. Na terceira semana de marcha, o grupo rebélase e négase a seguir. O Xefe colle o cadaleito dunha asa e segue a tirar del.

"A maleta problemática"[editar | editar a fonte]

Un home chega a unha estación cunha maleta. Séntese vixiado e asume que o van despezar antes de chegar ao seu destino. Senta nun departamento, mais entran unha anciá e tres nenos, e busca outro lugar. Déitase nun corredor, coa maleta baixo a cabeza, e un home empeza a falarlle. Cando xa comeza a amencer, pola ventá observa que o perseguen en coches. Amosa a súa maleta pola ventá, e esta recibe un disparo. Bótase ao chan e os tiros continúan. O disparo que dera na maleta amortecera no libro de Indro Montanelli Storia di Roma. O protagonista queda durmido, e ao espertar está queimado.

"Soamente unha vez"[editar | editar a fonte]

Unha noite de domingo no inverno de 1971, na zona de viños de Vigo. Un zapateiro, que bebera viño branco, observa un home saír dunha caixa de corre verde, e introdúcese nela. A través dunha galería chega a uns corredores subterráneos onde hai diversos compartimentos: un teatro enorme, unha festa de disfraces nun gran salón, saunas. Detense noutro espazo onde varias mulleres atractivas e con pouca roupa atenden homes que beben e se deixan acariciar. Despois para noutro espazo onde varios homes lle dan un feixe de cartos. Ao cabo dun cacho atopa un home, e recoñece no seu ollar que el tamén se encontra alleo a aquel espazo, e este explícalle que el entrou polo oco dun ascensor. Se ben o zapateiro quere saír, o outro home está cómodo nas galerías subterráneas e quere seguir desfrutando.
Logo de durmir un anaco consegue dar coa saída, e vai á taberna de Elixio. Alí convida á xente a viño, e xúntase co seu amigo o Nécora, quen lle pregunta de onde sacou tantos cartos. Seguen tomando viño e van á casa de Nanita, na Ferrería. O zapateiro, xa moi borracho, non é quen de lle explicar ao Nécora de onde sacou os cartos. O Nécora comproba que un dos billetes de mil pesetas é verdadeiro, e cando o zapateiro esperta explícalle ben como os conseguira. Á noite os dous volven á caixa de correo para entrar nas galerías subterráneas. Primeiro entra o Nécora, e cando o zapateiro intenta abrir a porta non o dá conseguido, até que o atopan duns policías e o deteñen. A familia do Nécora denuncia a súa desaparición, mentres este desfruta dos praceres das galerías. O zapateiro, pola súa banda, vólvese alcohólico e intenta entrar nas caixas de correo. Ao cabo de case dous anos, atópano morto no foxo dun ascensor.

"Unha noite nos tellados"[editar | editar a fonte]

Tres amigos adolescentes quedan para roubar uns cómics nun quiosco, que está no interior do portal dun edificio. Sabían que o quiosqueiro estaría bebendo viño Coes. Logran entrar no quiosco e collen tres bolsas con diferentes cómics, como Thor, Spider-Man, Jabato, El Llanero Solitario, O Capitán América, Os Vingadores, Tom e Jerry, Pepe Gotera y Otilio ou El Capitán Trueno, amais dalgunhas revistas pornográficas.

Un deles propón regresar para coller cartos. Outro acepta para coller máis cómics. O quiosqueiro descóbreos e foxen polo edificio. Saen ao tellado, e pensan en saltar a outro edificio para escapar sen seren vistos. Finalmente logran saír por unha vivenda.

"Escola de seducción"[editar | editar a fonte]

Daniel é un home leva unha vida solitaria despois de deixar unha relación coa súa parella. Nun cartel no xornal ve que na súa cidade se vai abrir unha escola para aprender a seducir, e decide anotarse. Alí, da man do profesor, Anselmo, vólvese consciente da súa situación. Chama a Gloria, a súa ex parella. Días despois coñece unha muller, mais ao dicirlle que vai á escola de sedución esta decide deixalo.

Un venres, cando xa durmía, unha muller timbra na súa porta. Entra e dille que teñen un amigo común, e pídelle instalarse alí uns días. Ao día seguinte chega de volta á súa casa, e coa muller hai outro home, Xabier, tamén coñecido do seu amigo común. Unha noite Daniel explícalle á muller que estivo indo á escola de sedución, e que o profesor se chamaba Anselmo. Ela sobrecóllese, mais nega coñecer o tal Anselmo. Daniel emborráchase, e cando Xabier regresa a casa dálle unha malleira. A muller contáralle que Daniel intentara abusar dela. A policía deteno, mais logra convencer á policía de que non ten nada que ver coa muller e con Xabier, que fuxiran da cidade e que ao parecer estaban implicados nun caso de narcotráfico. Daniel regresa a casa, e decide que non precisa coñecer ninguén.

Narración[editar | editar a fonte]

A novela está ambientada en Vigo, en lugares como as rúas Venezuela e Nicaragua, Balaídos, Castrelos, A Ferrería ou a Avenida de Madrid. No relato "Soamente unha vez" parte da trama discorre na taberna de Elixiom, que tamén aparece nas novelas de Domingo Villar. O relato "Lugar adecuado" é nun lugar descoñecido e despoboado, e "A maleta problemática" desenvólvese nun tren. O relato "Soamente unha vez" ocorre nun espazo imaxinario nos subterráneos de Vigo.

Hai narrador en terceira persoa, ás veces omnisciente ("Impasse", coñecendo os sentimentos do protagonista) e que ás veces dialoga coa persoa lectora, e se autocorrixe ("Bypass"). Tamén hai relatos en primeira persoa ("Téñome que me irme", "Fracaso profesional", "Lugar adecuado", "A maleta problemática").

En ocasións hai recursos próximos á escritura automática, con ausencia de signos de puntuación e concordancia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]