Dédalo (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dédalo e Ícaro.

Na mitoloxía grega, Dédalo (en grego Δαίδαλος Daídalos; en latín Daedalus), fillo de Eupálamo e Alcipe, foi un arquitecto e artesán moi hábil, que é visto como un símbolo de sabedoría, de coñecemento e de poder. Foi o pai de Ícaro e posibelmente tamén foi o pai de Lápixe, e tío de Pérdix. Entre as súas creacións máis famosas están a vaca de madeira de Pasífae, o labirinto para o rei Minos de Creta que encarcerou ao Minotauro (fillo de Pasífae), e as ás que el e o seu fillo Ícaro utilizaron para escapar de Creta. Foi durante esta fuxida cando Ícaro non fixo caso das advertencias do seu pai e voou demasiado preto do Sol; a cera que mantiña as súas ás xuntas ao seu corpo fundiuse e Ícaro caeu e morreu.

Mitoloxía[editar | editar a fonte]

Dédalo e Pérdix[editar | editar a fonte]

Dédalo no labirinto, de Rubens, Museo de Belas Artes da Coruña.
Artigo principal: Pérdix (mitoloxía).

Dédalo estaba tan orgulloso dos seus logros que non podía soportar a idea de ter un rival. Súa irmá deixara ao seu fillo Pérdix (ás veces chamado Talo ou Calo) ao seu cargo para que aprendese as artes mecánicas. O mozo era un alumno capaz e deu sorprendentes mostras de enxeño. Camiñando pola praia encontrou unha espiña de peixe. Imitándoa, tomou un anaco de ferro e cortouno nun bordo, inventando así a serra. Uniu dous anacos de ferro por un extremo cun remache e afiou os extremos opostos, facendo así un compás. Dédalo tiña tanta envexa dos logros do seu sobriño que, cando un día estaban xuntos no alto do templo de Atenea na Acrópole de Atenas, aproveitou a oportunidade e empuxouno ao baleiro. Pero a deusa que favorece ao enxeño, viuno caer e cambiou o seu destino transformándoo nun paxaro bautizado co seu nome, a perdiz. Este paxaro non fai seu niño nas árbores nin voa alto, senón que aniña nas sebes e evita os lugares elevados, consciente da súa caída. Por este crime, Dédalo foi xulgado e desterrado.

O labirinto de Creta[editar | editar a fonte]

Tras o incidente con Pérdix, Dédalo foi expulsado de Atenas. Dirixiuse entón á illa de Creta, o reino de Minos, onde se puxo ao servizo do monarca. Un dos seus cometidos foi a creación de Talos, un xigante animado de bronce que defendía a illa das invasións.

Segundo Homero, Dédalo tamén construíu unha ampla pista de baile para Ariadna,[1] filla do rei. Poseidón se irritara con Minos por non cumprir a promesa de sacrificarlle o mellor dos seus touros e, en consecuencia, provocou que Pasífae, a esposa do soberano se apasionara polo animal. A raíña pediu a Dédalo que a axudase a satisfacer os seus desexos e o artesán construíu unha vaca oca de madeira onde se colocou Pasífae en posición supina. O touro cubriu á raíña, que nove meses despois deu á luz ao Minotauro, un varón metade humano, metade touro.

Por orde de Minos, Dédalo construíu o labirinto para encerrar ao monstro. O labirinto era un edificio con incontábeis corredores e rúas sinuosas abríndose unhas a outras, que parecía non ter principio nin final.[2]

Minos encerrou a Dédalo co seu fillo Ícaro, que tiña por nai a Náucrate, unha escrava de Minos, no mesmo edificio. O motivo do encerro foi a colaboración de Dédalo na fuga de Teseo do labirinto.[3]

Dédalo e Ícaro[editar | editar a fonte]

Dédalo desexaba escapar da súa prisión, pero non podía abandonar a illa por mar, xa que o rei mantiña unha estreita vixilancia sobre todos os navíos do mar Exeo e non permitía que ninguén navegase sen ser coidadosamente rexistrado. Dado que Minos controlaba a terra e o mar, Dédalo decidiu fuxir polo aire. Así, el e máis xente puxéronse mans á obra para fabricaren ás para el o seu fillo Ícaro. Recolectou plumas de diferentes tamaños, atou as máis grandes con fío e as máis pequenas con cera, e deulle ao conxunto a suave curvatura das ás dun paxaro.

Cando finalmente terminou o traballo, Dédalo bateu as súas ás e se encontrou subindo e suspendido no aire. Equipou entón ao seu fillo da mesma maneira e ensinoulle como voar. Cando ambos os dous estiveron preparados, Dédalo advertiu a Ícaro que non voase demasiado alto para que a calor do Sol non derretese a cera, nin demasiado baixo para evitar que a escuma do mar mollara as ás impedíndolle voar.

Despois deste consello, ambos bateron as súas ás e fuxiron voando do labirinto.

No se voo pasaron sobre Delos e Paros. Logo, cando sobrevoaban o mar tendo a un lado a illa de Samos e ao outro as de Lévitha e Kálimnos, Ícaro comezou a ascender cada vez máis alto até que o ardente Sol abrandou a cera que mantiña unidas as plumas e estas se despegaron. Ícaro axitou os seus brazos, pero no quedaban suficientes plumas para sostelo no aire e caeu ao mar. Seu pai chorou e, lamentando amargamente as súas artes, chamou Icaria á illa próxima en memoria do seu fillo. Cóntase que, mentres Dédalo enterraba ao seu fillo, escoitou o canto alegre da perdiz na que Atenea transformara ao seu sobriño.[4]

En Sicilia[editar | editar a fonte]

Finalmente Dédalo chegou san e salvo a Sicilia, onde púxose baixo la protección do rei Cócalo, de Cámico, onde construíu un templo dedicado a Apolo no cal colgou as súas ás como ofrenda. Mentres tanto, Minos buscaba a Dédalo de illa en illa; para dar co hábil artífice, propoñía aos seus anfitrións o seguinte desafío: había que enfiar un fío a través das circunvolucións dun caracol espiral. Ao arribar a Cámico, Minos invitou a Cócalo a resolver a adiviña. Este, como o rei de Creta esperaba, solicitou a axuda de Dédalo, quen atou o fío a unha formiga a cal recorreu todo o interior da cuncha, previamente untada con mel, enfiándoa completamente. Minos soubo entón que só Dédalo era capaz de idear esa solución e exixiu que lle fose entregado. Cócalo prometeu facelo pero, antes, convenceu ao seu hóspede para que tomara un baño quente. Por consello do rei, ou do propio Dédalo, as fillas do soberano siciliano queimaron a Minos con auga fervendo. Os cretenses da frota, sen o seu rei, decidiron non retornar a Creta e establecéronse en Iapixia.

Innovador[editar | editar a fonte]

Dédalo deu o seu nome eponimamente a calquera artesán grego e a moitos artefactos gregos que representaban hábiles técnicas. En Platea (Beocia) había un festival, as Dédalas menores, no que se derribaba un carballo no que se tallaba unha imaxe que se vestía con roupas nupciais e que se levaba nun carro tirada por bois cunha muller que facía de noiva até o río Asopo. A figura chamábase dédala e o arcaico ritual explicábase cun mito: Hera, enfadada, abandonara a Zeus e este, para lograr que volvese, anunciou que ía a casar e vestiu un boneco para imitar unha noiva. Hera uniuse á procesión da voda, rachou o veo da falsa noiva e, ao descubrir o engano, reconciliouse co seu marido. As imaxes se gardaban tras cada festa, e cada sesenta anos un gran número delas levábanse en procesión ao alto do monte Citerón, onde se construía un altar de madeira e se queimaban xunto con animais e o propio altar.

Cráter na súa honra[editar | editar a fonte]

En alusión a esta figura mitolóxica en 1970 chamouse Daedalus a un cráter lunar situado no centro da cara oculta da Lúa.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Homero, Ilíada XVIII, 591.
  2. Apolodoro, Biblioteca mitolóxica, III, 1, 3 - 4: texto italiano.
  3. Apolodoro, Epítome, I: texto francés.
  4. Ovidio, Las metamorfosis VIII, 180-259: texto español en Wikisource.
  5. Ficha do cráter luar «Daedalus», Gazeteer of Planetary Nomenclature Consultado o 11 de maio de 2022.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]