Cursive

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cursive
OrixeOmaha, Nebrasca,
Período1995 - 1998
1999 - presente
Xénero(s)post-hardcore, indie rock
Selo(s) discográfico(s)Saddle Creek
MembrosTim Kasher
Matt Maginn
Ted Stevens
Cully Symington
Antigos membrosClint Schnase
Gretta Cohn
Steve Pedersen
Cornbread Compton
Artistas relacionadosBright Eyes, Commander Venus, Lullaby for the Working Class, Mayday, Okkervil River, Slowdown Virginia, The Good Life, Tim Kasher
Na rede
cursivetheband.com
Facebook: cursive Twitter: cursivetheband Instagram: cursivetheband MySpace: cursive Youtube: UCcaBexDTDfj9i6vSVabLZHQ Bandcamp: cursiveSouncloud: cursive Spotify: 1sylmUjlKYsLA49YtkNHW3 iTunes: 150633966 Last fm: Cursive Musicbrainz: c4153c51-b4ac-4183-beb3-c5dbfce39176 Songkick: 251391 Discogs: 254433 Allmusic: mn0000138271 Deezer: 3913 Genius: Cursive Editar o valor em Wikidata

Cursive é unha banda estadounidense de indie rock procedente de Omaha, Nebrasca e formada no ano 1995 a partir das cinzas do grupo Slowdown Virginia. O grupo acadou a fama co seu álbum do ano 2000 Domestica e conseguiu éxito comercial e da crítica co de 2003 The Ugly Organ.[1] Cursive leva publicados oito álbums de estudio, un recompilatorio e varios sinxelos e EPs dende o ano 1997.

Entre as influencias de Cursive atópanse bandas como Fugazi, Shudder to Think, Archers of Loaf e Brainiac.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

A banda formárona na primavera de 1995 Tim Kasher, Matt Maginn, Steve Pedersen e Clint Schnase pouco despois de que Slowdown Virginia se separase. Kasher dixo que o nome do grupo inspirouse nunha pasaxe dun libro de V. S. Naipaul, na cal os británicos forzaban aos indios subxugados a aprender a escribir en inglés con letra cursiva, simbólico dun exercicio sen sentido nin valor, e Kasher compárao coa banda forzando a música como unha disciplina, tomándoo seriamente.[3]

Cun son inicial semellante ao de At the Drive-In,[4] o grupo lanzou en 1996 o EP The Disruption a través do selo Lumberjack Records, seguido en 1997 polo EP Sucker and Dry a través de Zero Hour Records e o seu álbum de estrea Such Blinding Stars for Starving Eyes, publicado por Crank! Records. A principios de 1998 apareceu un novo EP da banda, The Icebreaker, e a finais, despois dun par de anos de xira, Cursive anunciou a súa separación. A principal causa foi o matrimonio de Kasher e a súa mudanza a Portland, Oregón, coa súa muller, aínda que o guitarrista Pedersen tamén tiña en mente deixar a banda e estudar dereito en Carolina do Norte.[5]

Antes de separarse a banda gravouo álbum The Storms of Early Summer: Semantics como despedida, que sería lanzado no outono dese ano a través do selo Saddle Creek Records. The Storms of Early Summer foi o primeiro álbum conceptual de Kasher e Cursive, sendo o tema da primeira parte do álbum "Man vs. Nature" e o da segunda "Man vs. Self". O disco destacou polo seu intricado traballo de guitarra, letras profundas, e os inicios dunha estrutura de cancións math-rock/pop, características que se desenvolverían aínda máis en futuros álbums da banda.[6][7]

Reforma[editar | editar a fonte]

No verán de 1999 Cursive volveuse a reunir cando Kasher se divorciou e regresou a Omaha. Pedersen comezara a estudar na escola de dereito e posteriormente formou The White Octave, entón Ted Stevens, anteriormente en Lullaby for the Working Class, uniuse á banda. No ano 2000 publicaron o seu álbum conceptual Domestica, que falaba sobre a disolución dun matrimonio e gañou a atención dos seareiros e da crítica.[8]

Aínda que non se trataba dun relato autobiográfico do seu matrimonio, Kasher recoñeceu que a súa propia experiencia influenciou fortemente o álbum, a pesar de que algúns das dinámicas da relación, como a infidelidade, non eran autobiográficas.[9]

Cursive engadíua á chelista Gretta Cohn no ano 2001 xa que Kasher sentía que a súa inclusión podía axudar a evolucionar o son da banda. As cordas engadíronlle á banda sons complementarios ao seu EP Burst and Bloom, editado ese mesmo ano. En 2002 o grupo lanzou un álbum compartido cos xaponeses Eastern Youth chamado 8 Teeth to Eat You a través do selo Better Looking Records. No ano 2002 participou na xira Take Action Tour, destinada á prevención do suicidio entre a mocidade, ao lado de bandas como Jimmy Eat World, Le Tigre, Thursday, The Promise Ring, The (International) Noise Conspiracy, Cave In, Poison The Well e Anti-Flag.[10]

The Ugly Organ e hiato[editar | editar a fonte]

Saddle Creek Records editou The Ugly Organ no 2003. Rolling Stone deulle unha puntuación de 4 estrelas, mentres que a revista de música alternativa Alternative Press dñeulle unha puntuación de 5 sobre 5. No ano 2004 The Cure elixiu a Cursive para xirar con eles na súa xira Curiosa, xunto con Interpol, The Rapture, Mogwai, Scarling. e The Cooper Temple Clause. Despois diso a banda entrou en hiato sen especificar unha data de regreso.

O selo sacou un recompilatorio de cancións non editadas e caras-b, The Difference Between Houses and Homes, o 9 de agosto do 2005. Gretta deixou a banda a mediados dese ano para adicarse a outros proxectos musicais e formou a banda Twin Thousands, con base en Brooklyn. O grupo non lle buscou substituto e converteuse nun cuarteto.

Despois do hiato, Saddle Creek anunciou que Kasher deixara temporalmente de traballar no seu proxecto paralelo, The Good Life, para comezar a gravar un disco con Cursive. O álbum, Happy Hollow, foi editado o 22 de agosto do 2006, e o seu primeiro sinxelo foi "Dorothy at Forty", aparecido o 11 de xullo. Con este álbum, Kasher deixou atrás as súas letras auto-reflexivas para concentrarse na política, as vidas baleiras e a hipocrisía relixiosa.[11] As revistas musicais Spin, URB, Time Out New York e Blender déronlle ao disco catro estrelas, e a Rolling Stone outorgoulle un 3,5,[12] mentres que a revista alternativa Alternative Press deulle un 5 sobre 5.

En outubro, despois da edición, a banda revelou plans de ofrecer ao seu público a posibilidade de que remesturase o tema "Bad Sects" nun concurso a través da súa páxina. O tema do gañador aparecería como cara-b nun novo sinxelo de Cursive.

O sexto álbum de Cursive Mama, I'm Swollen, editouse o 10 de marzo do 2009 a través do selo Saddle Creek Records. Tres días despois Cursive realizou a súa rimeira actuacición en televisión, tocando "From The Hips" no programa Late Show with David Letterman.[13] O álbum foi o primeiro gravado sen o batería Clint Schnase, que deixou a banda en outubro de 2007. Schnase foi substituído por Matt "Cornbread" Compton, que xa xirara anteriormente co grupo.[14]

O seu sétimo álbum, I Am Gemini, foi publicado o 21 de febreiro de 2012 a través de Saddle Creek Records. Cornbread Compton foi substituído por Cully Symington antes da gravación do disco. Cunhas letras descritas por Ian Cohen de Pitchfork Media como un "libreto completo", I Am Gemini está presentado como unha obra de teatro, contando a historia de "irmáns xemelgos separados ao nacer, un bo e outro malo, a súa inesperada reunión nunha casa que non é un fogar inicia unha loita clásica pola alma".[15] O álbum caracterízase por ser de acceso musical difícil, con Tyler Kain de Paste Magazine dicindo "as partes distintivas [de Cursive] aínda están aí con esas partes de guitarra retorcidas e sinuosas, e as liñas de baixo melódicas e aterciopeladas de Matt Maginn. Pero a exploración de cambios extravagantes, tempos divertidos e rupturas próximas ao metal poden facer difícil de escoitar a Gemini de primeiras".

The Ugly Organ foi reeditado por Saddle Creek en 2014, contando con catro temas adicionais editados no álbum compartido 8 Teeth to Eat You e catro máis aparecidos en sinxelos e recompilatorios. Cursive realizou unha breve xira na primavera dese ano para promocionar o lanzamento.[16]

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbum Ano Selo
Such Blinding Stars for Starving Eyes 1997 Crank!
The Storms of Early Summer: Semantics of Song 1998 Saddle Creek
Domestica 2000 Saddle Creek
The Ugly Organ 2003 Saddle Creek
Happy Hollow 2006 Saddle Creek
Mama, I'm Swollen 2009 Saddle Creek
I Am Gemini 2012 Saddle Creek, Big Scary Monsters
Vitriola 2018 15 Passenger
Get Fixed 2019 15 Passenger

Notas[editar | editar a fonte]

  1. PopMatters (ed.). "Cursive - The Ugly Organ (Reissue)". Consultado o 16 de febreiro de 2017. 
  2. "Songs Perverse and Songs of Lament: Reflections on Cursive's Accidental Masterpiece, 'The Ugly Organ'". www.vice.com (en sueco). Consultado o 2020-08-04. 
  3. "Cursive". freewilliamsburg.com. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 2020-08-04. 
  4. Punknews.org. "Cursive - The Difference Between Houses And Homes (Lost Songs And Loose Ends 1995-2001)". www.punknews.org (en inglés). Consultado o 2020-08-04. 
  5. "Solving a Million and One Philosophical Dilemmas with Tim Kasher of Cursive | Welcome to Flavor Country". web.archive.org. 2013-12-19. Archived from the original on 19 de decembro de 2013. Consultado o 2020-08-04. 
  6. "The Storms of Early Summer: Semantics of Song - Cursive | Songs, Reviews, Credits | AllMusic" (en inglés). Consultado o 2020-08-04. 
  7. Punknews.org. "Cursive - The Storms of Early Summer: Semantics of Song". www.punknews.org (en inglés). Consultado o 2020-08-04. 
  8. Punknews.org. "Cursive - Burst And Bloom". www.punknews.org (en inglés). Consultado o 2020-08-04. 
  9. "Lazyeye Interview: Cursive - Domestica". www.timmcmahan.com. Consultado o 2020-08-05. 
  10. Punknews.org. "Plea For Peace / Take Action Tour 2002". www.punknews.org (en inglés). Consultado o 2020-08-05. 
  11. Punknews (ed.). "Cursive - Happy Hollow". Consultado o 29 de decembro de 2017. 
  12. Metacritic (ed.). "Happy Hollow by Cursive". Consultado o 29 de decembro de 2017. 
  13. Punknews (ed.). "Cursive: “From The Hips” live on Letterman". Consultado o 29 de decembro de 2017. 
  14. Altpress (ed.). "Clint Schnase leaves Cursive". Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2017. Consultado o 29 de decembro de 2017. 
  15. "Cursive: I Am Gemini". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2020-08-04. 
  16. Minsker, Evan. "Cursive Announce The Ugly Organ Reissue, Tour". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2020-08-05. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]