O cuco grallo é lixeiramente máis grande que o cuco común, cunha lonxitude de 35 a 39cm, aínda que parece moito máis grande polas súas anchas ás e a súa cola longa e estreita. Os adultos teñen as partes superiores de cor parda escura con moitas pintas brancas e co píleo gris, onde presenta un rechamante penacho eréctil. O seu pico anegrado é robusto e lixeiramente curvado cara a abaixo. As súas partes inferiores son principalmente brancas, aínda que a súa gorxa e parte superior do peito son de cor amarelado crema. Ambos os sexos teñen un aspecto similar. Os xuvenís teñen as partes superiores, incluído o píleo, anegradas en lugar de pardas, e segundo as idades carecen de penacho ou téñeno máis curto. O amarelo das súas partes inferiores é máis intenso e máis estendido que o dos adultos, e as súas plumas primarias son de cor castaño avermellado.
Clasifícase na familiaCuculidae dentro da ordecuculiformes. Os cuculiformes son aves de tamaño mediano, con plumaxes discretas e longas colas que teñen patas con dedos zigodáctilos (dous dirixidos cara a adiante e dous cara a atrás). Os membros da familia Cuculidae adoitan caracterizarse por poñer os seus ovos nos niños doutras especies.
O nome do seu xénero, Clamator, é a palabra latina que significa 'gritador'. O nome específico é tamén de etimoloxía latina, xa que glandarius procede da palabra glans, 'landra' e literalmente significa 'landreiro', aínda que era ese o termo do latín tardío usado para referirse ao gaio (que come landras),[6] o cal ten un parecido superficial co cuco grallo.
É unha ave que vive en zonas arboradas abertas cálidas. Aliméntase de insectos, especialmente eirugas peludas que desagradan a moitas outras aves, arañas e pequenos réptiles.
Ovo da especie da colección de ovos do Museo de Wiesbaden.Ovo de Clamator glandarius (esquerda) comparado co de Corvus cornix (dereita).
A diferenza do cuco común, nin a femia nin os pitos de cuco grallo sacan do niño os ovos do hóspede cuxo niño parasitan, pero a miúdo algunhas das pegas novas morren pola falta de alimento que ocasiona a presenza da cría de cuco grallo. En compensación sábese que os pitos de cuco grallo segregan un cheiro que repele os depredadores que os axexan, e este repelente protexe tanto a eles coma os pitos do hóspede.[7] Por exemplo, os pitos de corvo pequeno sobreviven máis se un pito de cuco grallo comparte o seu niño. As rapaces e os gatos depredan con menos frecuencia os niños con crías de cuco grallo. Pero os pitos de corvo pequeno benefícianse só se os depredadores son moi activos na zona e así se compensa a perda de alimento.[8][9]