Crucifixión Mond
| Crucifixión Mond | |||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||||||||||
A Crucifixión Mond, Crucifixión Gavari, Retablo de Gavari ou Cristo crucificado coa Virxe María os santos e anxos, é un pintura ó óleo sobre táboa de álamo[1] datado entre 1502 e 1503, o que o converte nunha das primeiras obras do artista renacentista italiano Rafael, quizais a segunda despois do Retablo de Baronci, de arredor de 1499-1500.
Orixinalmente constaba de catro elementos, dos cales tres sobreviven, agora todos separados: unha táboa principal de Cristo crucificado coa Virxe María, santos e anxos que foi legada á National Gallery de Londres por Ludwig Mond, e unha predela de tres táboas da que se perdeu unha; as dúas táboas que se conservan son Eusebio de Cremona resucitando tres homes de entre os mortos co manto de san Xerome, no Museu Nacional de Arte Antiga de Lisboa, e san Xerome salvando a Silvano e castigando o herexe Sabiniano, no Museo de Arte de Carolina do Norte.
Recibe o nome de Crucifixión Mond polo nome do derradeiro propietario, Ludwig Mond, quen a cedeu á National Gallery[2] como parte do seu legado en 1924.[1] Foi a única Crucifixión pintada por Rafael en toda a súa obra, e foi a súa primeira pintura asinada.[3]
Historia
[editar | editar a fonte]Esta obra temperá de Rafael foi encargada polo comerciante de la e banqueiro, Domenico Gavari como retablo para a súa capela funeraria no corredor sur da igrexa de San Domenico en Città di Castello, en Umbría,[2] preto da cidade natal de Rafael, Urbino. A capela lateral estaba dedicada a San Xerome, onde permanece a maior parte do marco orixinal de pietra serena da pintura, incluída a data inscrita de 1503. Gavari foi un socio de Andrea Baronci, para quen Rafael xa fixera anteriormente o denominado, retablo Baronci.
O panel principal foi comprado polo cardeal Fesch en 1808 por 2.500 escudos e substituído na capela por unha copia. Na poxa Fesch de 1845, foi vendido ao Príncipe di Canino e rapidamente comprado por Lord Ward (máis tarde conde de Dudley). Despois foi herdado por William Ward, segundo conde de Dudley, e vendido por el en Christie's en 1892, onde foi comprado por Ludwig Mond, tras cuxa morte en 1909 foi adquirido pola National Gallery en 1924.[4]
Os paneis da predela parecen ter sido retirados no século XVII e agasallados a un cardeal visitante. O panel de Carolina do Norte formaba parte da colección de Sir Francis Cook en Doughty House, Richmond, Londres.
Descrición
[editar | editar a fonte]Panel principal
[editar | editar a fonte]O panel principal representa a Crucifixión de Cristo, cun fondo de outeiros na campiña de Umbría, cunha vista de Città di Castello ao lonxe. Xesús ten unha faciana serena, mesmo mentres está a morrer na cruz, coroado de espiñas e vestido só cun taparrabos dunha inusual cor vermella. Arriba, un sol en pan de ouro e unha lúa en pan de prata aparecen xuntos no ceo, marcando o eclipse que se produciu na morte de Cristo.[5] Dous anxos con túnicas fluídas e cintas en espiral nas súas cinturas, cada un flotando a cada lado da cruz, usan cálices de ouro similares a vasos de comuñón para recoller o sangue que pinga das mans perforadas polos cravos de Xesús e que brota da ferida do seu costado. Á dereita (esquerda de Xesús) axeónllase María Madalena, con Xoán o Evanxelista de pé detrás dela. Á esquerda (dereita de Xesús) a súa nai María está detrás de San Xerome, tamén axeonllado, que sostén unha pedra coa que o eremita golpearía piadosamente o seu propio peito.
As dúas figuras axeonlladas contemplan reverentemente a Xesús na cruz, mentres que as dúas figuras de pé se retorcen as mans mentres miran ao espectador. Un panel na parte superior da cruz leva a inscrición "INRI", mentres que o pé da cruz ten unha inscrición latina en letras de prata: "RAPHAEL/ VRBIN / AS /.P.[INXIT]" ("Rafael de Urbino pintou isto"). A obra está iluminada pola esquerda, o que coincide coa iluminación do retablo polas fiestras da capela.
O panel principal mide 283,3 cm × 167,3 cm e agora está gardado nun marco do século XIX cun estilo que imita un marco italiano anterior do século XVII.[2] A precisión xeométrica da composición suxire que foi disposta mediante unha cuadrícula, usando unha regra e un compás para copiar a partir duns debuxos preparatorios.
Por outra bnada, no Museo Ashmolean de Oxford, consérvase un debuxo dunha persoa axeonllada que, quizais, fose un estudo para a figura de María Madalena.[6]

A pintura seguramente recibiu influencia de Perugino, a quen Rafael coñeceu mentres vivía en Perugia, dado que é bastante semellante ao retablo de Monteripido de Perugino, realizado arredor de 1502 no convento de San Francesco al Monte en Monteripido, preto de Perugia. Neste último, represéntase unha escena de crucifixión similar que presenta dous anxos parecidos con cintas que recollen o sangue de Xesús nos seus cálices, acompañados por catro figuras, dúas de pé e dúas axeonlladas, incluíndo a Virxe María, Xoán o Evanxelista e María Madalena, mais a cuarta é Francisco de Asís en lugar de San Xerome.
Na Crucifixión Mond, Rafael empregou a técnica de sombras raiadas de Perugino, pero tamén usou os dedos para untar e suavizar a pintura húmida nalgúns lugares, deixando algunhas pegadas dixitais perceptibles. Vasari comentou posteriormente, como é ben sabido, que ninguén crería que fora pintada por Rafael en lugar de Perugino se non a tivese asinada.
Predela
[editar | editar a fonte]Os dous paneis superviventes da predela miden aproximadamente 26 cm × 43 cm cada un e representan milagres da historia da vida de San Xerome do Hierominianum de Giovanni d'Andrea. San Xerome viviu a finais do século IV e principios do V, polo que non puido asistir á crucifixión, pero aquí está retratado como o santo patrón da capela.
Un dos paneis superviventes da predela está no Museo Nacional de Arte Antiga de Lisboa desde 1866. Representa a Eusebio de Cremona resucitando a tres homes de entre os mortos coa capa de San Xerome.[7] Eusebio de Cremona foi un estreito colaborador e partidario activo de Xerome contra as ensinanzas de Oríxenes.
O outro panel supervivente da predela está no Museo de Arte de Carolina do Norte en Raleigh, Carolina do Norte. Representa a San Xerome salvando a Silvano e castigando ao herexe Sabiniano. San Xerome está a suxeitar o brazo do verdugo disposto a decapitar ó bispo Silvano, pero o herexe Sabiniano foi milagrosamente decapitado no seu lugar.[8]
- Milagre de Santo Eusebio de Cremona (Eusebio de Cremona resucitando tres homes de entre os mortos coa capa de San Xerome), obra de Rafael no Museo Nacional de Arte Antiga de Lisboa.
- San Xerome salvando a Silvano e castigando ao herexe Sabiniano (Museo de Arte de Carolina do Norte; Raleigh, Carolina do Norte).
Materiais de pintura
[editar | editar a fonte]A táboa principal foi analizada na National Gallery de Londres[9] e identificáronse os pigmentos típicos do período renacentista. Pintou a Crucifixión, entre outros pigmentos, con azul ultramar natural, amarelo chumbo-estaño, verdigris, vermello e ocres.[10] Os aglutinantes empregados por Rafael foron aceite de noz para o ceo e aceite de liñaza para as cores máis escuras. O primeiro ten a característica de amarelar co tempo, mentres que o segundo tende a escurecer.
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 "The Mond Crucifixion.". nationalgallery.org.uk (en inglés). 2026. Consultado o 16 de xuño de 2026.
- 1 2 3 "Studying Raphael: frames". nationalgallery.org.uk (en inglés). 31 de marzo de 2019. Arquivado dende o orixinal o 31 de marzo de 2019. Consultado o 16 de xuño de 2026.
- ↑ Landsberg (2001), p. 111
- ↑ "The Mond Crucifixion. Key facts. Provenance". nationalgallery.org.uk (en castelán). Consultado o 16 de xuño de 2026.
- ↑ "The Mond Crucifixion. About the work. In depth". nationalgallery.org.uk (en inglés). 2026. Consultado o 16 de xuño de 2026.
- ↑ "Kneeling Figure of a Youth". ashmolean.org (en inglés). Consultado o 16 de xuño de 2026.
- ↑ "Milagre de Santo Eusébio de Cremona". museudearteantiga.pt (en portugués). Consultado o 16 de xuño de 2026.
- ↑ "St. Jerome Saving Sylvanus and Punishing the Heretic Sabinianus". ncartmuseum.org (en inglés). 1 de xuño de 2021. Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2021. Consultado o 16 de xuño de 2026.
- ↑ Roy, Ashok; Spring, Marika; Plazzotta, Carol (2004). "Raphael’s Early Work in the National Gallery: Paintings before Rome" (PDF). National Gallery Technical Bulletin (en inglés) (Londres) 25: 4–35. ISSN 0140-7430.
- ↑ "Raphael, The Mond Crucifixion". colourlex.com (en inglés). Consultado o 16 de xuño de 2026.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Crucifixión Mond |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Henry, Tom (2002). "Raphael’s Altar-Piece Patrons in Città di Castello". The Burlington Magazine (en inglés) 144 (1190): 268–278. ISSN 0007-6287. JSTOR 889454.
- Landsberg, Jacques de (2001). L'art en croix : le thème de la crucifixion dans l'histoire de l'art (en francés). Tournai: Renaissance du Livre. ISBN 978-2-8046-0498-1.