Cronoestratigrafía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ficha cos fósiles caraterísticos de diferentes épocas xeolóxicas.

A cronoestratigrafía é unha disciplina que se encarga de estudar a idade das rochas e das capas xeolóxicas dando lugar a unha escala estratigráfica onde se representan as idades, relativas e absolutas, das unidades estratigráficas e dos procesos xeolóxicos que quedan rexistrados nas rochas. Podería por iso definirse como a "ordenación secuencial de sucesos xeolóxicos, facendo uso da información bioestratigráfica, isotópico-radiométrica, e paleomagnética". O concepto foi introducido por Schenck e Muller (1941) para resolver un problema que xurdira ós estratígrafos ó levar a cabo a correlación directa entre corpos de rochas (unidades litostratigráficas) e as unidades de tempo (unidades cronolóxicas).

Unidades estratigráficas e tempo xeolóxico[editar | editar a fonte]

Todo fenómeno xeolóxico ten unhas dimensións espazo-tempo. De feito, a maior dificultade que implican os estudos estratigráficos consiste na determinación das escalas de espazo e tempo do rexistro estratigráfico, ambas cun grao de variabilidade enorme, dende magnitudes moi pequenas a outras moi grandes.

Para unha disciplina que pretende datar tódolos fenómenos e procesos acontecidos na Terra, e ordenalos nun calendario, é imprescindible introducir no rexistro estratigráfico a coordenada tempo. A ordenación pódese realizar establecendo a idade relativa dos fenómenos e procesos (de máis antigos a máis novos), ou ben, coñecendo a magnitude en anos do intervalo de tempo no que aconteceu un fenómeno xeolóxico con respecto o momento actual, ó que se lle chama idade absoluta. Termos coma Primario, Secundario, Terciario, Cuaternario, establecidos vai máis de dous séculos, e outros introducidos na nomenclatura xeolóxica dende máis dun século coma Carbonífero, Devónico, Xurásico etc., son expresións da idade relativa.

A cronoestratigrafía é a ciencia encargada da ordenación relativa dos materiais do rexistro estratigráfico, e a introdución de medidas numéricas en anos mediante a xeocronometría (ciencia iniciada a principios do século XX co desenvolvemento das técnicas radiométricas coma métodos de datación de rochas).

Deste xeito, distínguense: as unidades cronoestratigráficas, que fan referencia a unidades materiais, estratos que foron depositándose ó longo dun determinado tempo, e, as unidades xeocronológicas, que fan referencia a divisións temporais e por iso son intanxibles. Ambas unidades están relacionadas e recóllense na táboa 1.

Táboa 1: Xerarquía de unidades cronoestratigráficas e xeocronolóxicas
Divisións cronoestratigráficas Divisións xeocronolóxicas
  • Eonotema
  • Eratema
  • Sistema
  • Serie
  • Piso
  • Eón
  • Era
  • Período
  • Época
  • Idade

A pesar da estreita correlación existente entre as unidades cronoestratigráficas e as xeocronolóxicas, é importante resaltar que estas últimas non son unidades estratigráficas propiamente ditas, xa que son unidades de tempo xeolóxico (propiedade intanxible) mentres que as unidades estratigráficas están constituídas por estratos de rochas (materiales e tanxibles). Dito doutro xeito, a cronoestratigrafía diferenciase da xeocronoloxía en que pretende ordenar temporalmente materiais concretos (unidades estratigráficas), mentres que a xeocronoloxía delimita intervalos de tempo sucesivos non necesariamente representados en materiais.

Ó ordenar as unidades cronoestratigráficas de máis antigas a máis novas, obtemos a Escala Cronoestratigráfica Universial de Referencia. Aínda que teoricamente o conxunto de unidades cronoestratigráficas non debería ter lagoas, aínda existe a posibilidade de encontrar materiais correspondentes a intervalos de tempo non representados.

As subdivisións cronoestratigráficas son as reparticións fundamentais sobor das cales está baseada a cronoloxía xeolóxica relativa. Definense coma unidades rochosas establecidas en función dun intervalo de tempo xeolóxico, no cal se formaron, e polo tanto, o continuo estudo distas, permite perfeccionar constantemente a escala cronoestratigráfica universal, así como as escalas rexionais e locais.