Saltar ao contido

Cronoespecie

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
En paleontoloxía, as probas da evolución dunha especie proceden principalmente da anatomía comparada de fósiles. Unha cronoespecie defínese nunha soa liñaxe (liña sólida) cuxa morfoloxía cambia co tempo. Unha soa liñaxe evoluciona co tempo dando dúas formas morfoloxicamente distintas (A e B). Se se recoñece a conexión entre elas, asígnanse a unha soa especie, pero se só aparecen no rexistro fósil exemplos esporádicos, as formas parecerán abruptamente distintas e pode que se asignen a especies distintas.[1]

Unha cronoespecie é unha especie derivada dun padrón de desenvolvemento secuencial que implica cambios continuos e uniformes desde unha forma ancestral extinta nunha escala evolutiva. A secuencia de alteracións finalmente produce unha poboación que é fisicamente, morfoloxicamente, e/ou xeneticamente distinta dos seus antepasados orixinais. Ao longo do cambio, hai unha soa especie na liñaxe en calquera momento do tempo, o que é o oposto dos casos nos que a evolución diverxente produce especies contemporáneas cun antepasado común. O termo relacionado paleoespecie indica unha especie extinta só identificada por material fósil. Esa identificación depende das semellanzas entre os espécimes fósiles máis antigos e algún descendente proposto, aínda que a relación exacta coa última especie non está sempre definida. En concreto, o rango de variación dentro de todos os espécimes fósiles antigos non excede o rango observado que existe coa última especie.

Unha paleosubespecie identifica unha subespecie extinta que evolucionou á forma actualmente existente. A conexión con variacións relativamente recentes, usualmente do Plistoceno tardío, a miúdo depende da información adicional dispoñible no material subfósil. A maioría das especies actuais cambiaron de tamaño e así adaptáronse aos cambios climáticos durante o último período glacial (ver regra de Bergmann).

A identificación de espécimes fósiles como parte dunha "cronoespecie" fundaméntase tamén en semellanzas adicionais que indican máis fortemente unha relación específica cunha especie coñecida. Por exemplo,[2] espécimes relativamente recentes, cunha antigüidade de centos de miles a uns poucos millóns de anos con variacións consistentes (como ser cada vez máis pequenos pero coas mesmas proporcións) respecto a unha especie viva poderían representar o paso final da cronoespecie. A posible identificación do devanceiro inmediato do taxon vivo pode tamén depender de información estratigráfica para establecer a idade dos espécimes.

O concepto de cronoespecie está relacionado co modelo de gradualismo filético da evolución, e tamén depende dun amplo rexistro de material fósil, dado que os cambios morfolóxicos se acumulan co tempo, e dous organismos moi diferentes poderían estar conectados por unha serie de organismos intermedios.

  1. Evolutionary species vs. chronospecies do Dr. Steven M. Carr, Memorial University of Newfoundland biology department
  2. Howard, Hildegarde (1947). "An ancestral Golden Eagle raises a question in taxonomy" (PDF). The Auk 64 (2): 287–291. JSTOR 4080550. doi:10.2307/4080550. 
  3. Systematics and Biodiversity5: 123–131 doi 10.1017/S1477200006002179

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Stanley, S. M. (1978) "Chronospecies' longevities, the origin of genera, and the punctuational model of evolution," Paleobiology, 4, 26–40.