Cromátida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partes dun cromosoma:

(1) Cromátida
(2) Centrómero
(3) Brazo curto
(4) Brazo longo

Chamamos cromátida ou cromátide a cada unha das dúas copias idénticas que constitúen un cromosoma duplicado, que se manteñen unidas polo centrómero, e que se separan durante a división celular (anafase da mitose e anafase II da meiose). Reciben o nome de cromátidas mentres están unidas polos seus centrómeros, pero cando se separan na anafase cada unha xa se considera cromosoma. Noutras palabras, unha cromátida é "unha metade dun cromosoma replicado".[1]

Cando un cromosoma se duplica consta de dúas cromátidas que son idénticas entre si, que reciben o nome de cromátidas irmás.

Un cromosoma normal duplicado ten dúas cromátidas, pero os cromosomas politénicos que se observan nas glándulas salivares de certos insectos teñen moitas copias de cada filamento de ADN.[2]

Utilízase o termo díada para referirse a un par de cromátidas irmás durante a profase I da meiose. Nese momento as dúas cromátidas irmás están aliñadas e parecen ter un centrómero indiviso, a diferenza da profase da mitose na que parecen ter cada unha o seu propio centrómero individualizado. O termo díada tamén se usa na descrición da morfoloxía de proteínas.[3]

Utilízase o termo tétrada para referirse ás catro cromátidas dos dous cromosomas homólogos emparellados durante a meiose para facer a recombinación. Os dous cromosomas forman un bivalente e cada un ten dúas cromátidas, polo que o conxunto teñen catro cromátidas. As tétradas desaparecen na anafase I da meiose, momento en que os bivalentes se separan. O número de tétradas que se forman na meiose coincide co número haploide da especie de que se trate.

Cromátidas irmás[editar | editar a fonte]

Os cromosomas paterno (azul) e materno (rosa) son cromosomas homólogos. Cando se replican constan de dúas cromátidas idéntidas (cromátidas irmás). Durante a mitose estas sepáranse e acaban en células fillas distintas. Unha vez separadas xa se chaman cromosomas.

As dúas cromátidas dun mesmo cromosoma duplicado reciben o nome de cromátidas irmás. As cromátidas irmás son idénticas entre si (con iguais xenes e alelos), xa que son resultado dunha replicación do ADN. Con todo, na meiose as cromátidas dun cromosoma realizan o sobrecruzamento (intercambio de segmentos) coas cromátidas do cromosoma homólogo, o que ten como resultado a recombinación xenética entre elas, polo que as cromátidas irmás iniciais poden acabar tendo alelos distintos. Durante a mitose as cromátidas irmás sepáranse e van a parar a células fillas distintas.

Hai probas de que, nalgunhas especies, as cromátidas irmás son o molde preferido para facer a reparación do ADN (en lugar de utilizar os cromosomas homólogos).[4] A cohesión das cromátidas irmás é esencial para a correcta distribución da información xenética entre as células fillas e a reparación dos cromosomas danados. Os defectos neste proceso poden orixinar aneuploidías e cancro, especialmente cando fallan os puntos de comprobación para detectar danos no ADN ou cando os fusos mitóticos unidos incorrectamente non funcionan debidamente.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Chromatid - A Cell Biology Definition
  2. Ashburner M. (1970). "Function and structure of polytene chromosomes during insect development". Adv Insect Physiol 7: 3S4. http://books.google.co.uk/books?hl=en.
  3. dyad - 4 dictionary results
  4. Kadyk, Lc; Hartwell, Lh (Oct 1992). "Sister chromatids are preferred over homologs as substrates for recombinational repair in Saccharomyces cerevisiae" (Free full text). Genetics 132 (2): 387–402. ISSN 0016-6731. PMC 1205144. PMID 1427035. //www.pubmedcentral.nih.gov/articlerender.fcgi?tool=pmcentrez&artid=1205144.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]