Crocodylus novaeguineae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Crocodylus novaeguineae
Espécime no Zoo de Wuppertal
Espécime no Zoo de Wuppertal
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Orde: Crocodilia
Familia: Crocodylidae
Xénero: Crocodylus
Especie: C. novaeguineae
Nome binomial
Crocodylus novaeguineae
(Schmidt, 1928)
Range shown in green

Range shown in green
Sinonimia[2]

C. n. novaeguineae

O Crocodylus novaeguineae, xeralmente chamado crocodilo de Nova Guinea, é unha pequena especie de crocodilo que vive na illa de Nova Guinea, onde hai dúas poboacións xeograficamente illadas no norte e sur da cadea montañosa que se estende pola parte central da illa. No pasado a especie incluía como subespecie o crocodilo de Filipinas, co nome C. n. mindorensis, pero hoxe este considérase unha especie separada chamada C. mindorensis. Os hábitats do crocodilo de Nova Guinea son principalmente os pantanos de auga doce e lagos. É máis activo de noite cando se alimenta de peixes e outros pequenos aimais. As femias poñen ovos en niños compostos de vexetación e descansan preto do niño para vixialo. Proporcionan algúns coidados parentais ás crías recentemente eclosionadas. Este crocodilo foi cazado en exceso pola súa valiosa pel a mediados do século XX, pero desde entón aplicáronse medidas de conservación, críase en granxas de crocodilos e hoxe a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) califícaa como en situación "pouco preocupante".

Taxonomía[editar | editar a fonte]

O crocodilo de Nova Guinea foi descrito por primeira vez polo herpetólogo norteamericano Karl Patterson Schmidt en 1928, que lle deu o nome Crocodylus novaeguineae.[3] Anteriormente pensábase que constaba de dúas subespecies, C. n. novaeguineae, nativa da illa de Nova Guinea, e C. n. mindorensis, natural das illas Filipinas. Porén, a maioría das autoridades considera agora que o crocodilo de Filipinas é unha especie distinta.[2] De feito, os datos de secuenciación do ADN publicados en 2011 mostraron que o crocodilo de Filipinas é parafilético con respecto ao crocodilo de Nova Guinea, e que este último constitúe unha poboación dentro do crocodilo de Filipinas.[4]

Filoxenia[editar | editar a fonte]

O cladograma que se mostra segue a topoloxía dunha análise de 2011 de secuencias de ADN mitocondrial feito por Robert W. Meredith, Evon R. Hekkala, George Amato e John Gatesy.[5]

 Crocodylus 
 Asia-Australia 


C. porosus




C. palustris



C. siamensis






C. johnsoni




C. novaeguineae



C. mindorensis





 Africa-Novo Mundo 

C. suchus




C. niloticus


 Novo Mundo 

C. rhombifer




C. moreletii




C. acutus



C. intermedius








Características[editar | editar a fonte]

O crocodilo de Nova Guinea medra ata os 3,5 m de lonxitude en machos e os 2,7 m en femias, aínda que a maioría dos espécimes son menores.[6] A cor do corpo vai de gris a marrón, con bandas máis escuras na cola e corpo que se fan menos distinguibles conforme o animal crece.[2] As cristas lonxitudinais en fronte dos ollos e algunhas escamas granulares no dorso do pescozo entre catro grandes escamas son características distintivas desta especie.[7] Hai algunhas diferenzas entre as poboacións do norte e do sur na morfoloxía do cranio e a disposición das escamas.[8] O morro é puntiagudo e relativamente estreito mentres o animal é novo e faise máis ancho a medida que o animal madura. O crocodilo de Nova Guinea ten unha semellanza física co veciño crocodilo de Filipinas (C. mindorensis) e co crocodilo siamés (C. siamensis). A coloración é similar á do crocodilo de auga doce australiano (Crocodylus johnsoni) do norte de Australia e áreas próximas, pero o moro é algo máis curto e máis ancho.[2][9]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Este crocodilo encóntrase en pantanos de auga doce e lagos, especialmente no interior da illa.[2] Sábese que entra en augas salobres como as do estuario do río Fly, pero é moi raro en zonas costeiras e nunca se encontra en competencia co crocodilo de auga salgada (C. porosus).[2][6] O animal foi descrito primeiramente na área do río Sepik no nore de Papúa Nova Guinea. Unha poboación separada encóntrase na metade sur da illa, cunha área de distribución que se estende desde o sueste de Papúa Nova Guinea ás provincias de Indonesia de Papúa e Papúa Occidental. Está separada da poboación do norte pola cadea montañosa que atravesa o centro da illa.[8][9] Análises de ADN revelaron que estas eran poboacións xeneticamene separadas.[10] Estímase que hai entre 50 000 e 100 000 crocodilos de Nova Guinea libres na natureza.[2]

Comportamento[editar | editar a fonte]

Crocodilo de Nova Guinea no Zoo de Bandung, Xava Occidental, Indonesia

Os crocodilos de Nova Guinea teñen un estilo de vida principalmente acuático e son en gran medida nocturnos. Pasan moito do seu tempo diario baixo a auga, a miúdo asomando só os ollos e orificios nasais da auga. Os poderosos movementos laterais da súa cola impúlsanos pola auga e usan tanto a cola coma as patas como temóns. Cando están en terra, gustan da sombra, nas áreas densas de vexetación.[2] Adoitan tomar o sol en grupo durante o día, dispersándose pola noite para alimentarse.[9]

As femias son sexualmente maduras cando medraron ata 1,6 a 2 m de longo e os machos ata uns 2,5 m. Poñen os ovos uns 14 días despois do apareamento. Na poboación do norte, o apareamento ten lugar durante a estación seca entre agosto e outubro. Constrúen un niño flotante composto de vexetación en lugares de augas pouco profundas como nunha canle fluvial cuberta de vizosa vexetación, nas beiras dun lago, sobre depósitos sedimentarios nos meandros ou a carón dun regato. Poñen de 22 a 45 ovos que quedan cubertos con máis vexetación. A poboación do sur, elixe a estación húmida para a reprodución. Ás veces constrúen o niño en localizacións similares ás utilizadas pola poboación do norte, pero máis frecuentemente constrúenos en terra, e poñen un pequeno número de ovos bastante grandes. En ambas as poboacións, a nai permanece preto do niño durante o período de incubación, que dura uns 80 días. Cando os ovos empezan a eclosionar, as crías que saen son bastante ruidosas, emitindo moitas vocalizacións, e tanto o macho coma a femia foron observados transportando delicadamente nas súas bocas as crías a augas abertas.[2][9]

As crías que hai pouco saíron do ovo aliméntanse de insectos acuáticos, arañas, cágados, caracois de auga doce, ras, peixes e pequenos mamíferos. A medida que crecen, tamén aumenta o tamaño das súas presas e o seu consumo de peixes é maior, pero aínda comen calquera cousa do tamaño axeitado que poidan atopar. A dieta dun adulto consta principalmente de peixes, capturados dando varridos laterais co morro e collendo a presa, pero tamén inclúe camaróns, cangrexos, ras, serpes, aves e mamíferos de mediano tamaño. Un crocodilo captura as súas presas con sixilo cun movemento rápido da súa cabeza, empalándoos cos seus agudos dentes e agarrándoas e aplastándoas. As mandíbulas non poden moverse para os lados para mastigar a comida; en vez diso, a cabeza do crocodilo é sacudida cara ariba para mover a presa cara á parte de atrás da boca e despois tragala enteira. Este crocodilo é sorprendentemente áxil e pode saltar lanzando o seu corpo cara arriba no aire para coller morcegos, aves voadoras, e peixes que saltan.[9] Tamén sondea o barro no fondo dun río ou pantano co seu morro na procura de cangrexos e moluscos.[9] Os individuos adultos e novos de crocodilo de Nova Guinea realizan diversas vocalizacións. Unha femia adulta pode producir un "ruxido" gutural repetido cando se lle aproxima outro adulto. As crías empezan comunicándose unhas con outras cando aínda están dentro do ovo; isto pode axudar a sincronizar a eclosión. As crías acabadas de eclosionar usan varios ganidos e gruñidos. Cando son asustados, o son de advertencia emitido por un deles fai que todas as crías se mergullen ata o fondo da auga. Os adultos que están na veciñanza responden con gruñidos, ameazas e ataques.[9] Os ruídos de angustia dunha cría cando se collen na man nas instalacións das granxas de crocodilos causan que todos os animais maiores empecen a realizar frenéticas actividades, e algúns corren cara as crías e outros dan voltas pola auga e golpean coas cabezas na superficie.[9]

Status e conservación[editar | editar a fonte]

Máis crocodilos de Nova Guinea no Zoo de Bandung

A IUCN consideraba este crocodilo "especie vulnerable" na súa Lista Vermella de Especies Ameazadas en 1986 e 1988, pero cambiou a súa valoración a "pouco preocupante" en 1996. Nese momento afirmouse que o animal tiña unha grande área con hábitats axeitados e parecía ser abundante. O seu status non foi reavaliado desde entón. Está incluída no Apéndice II da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies en Perigo de Fauna e Flora Silvestres (CITES).[1]

A pel do crocodilo de Nova Guinea é valiosa e nas décadas de 1950 e 1960 os animais da poboación do norte foron intensamente cazados ata o punto de que estiveron a piques de extinguirse. Arredor de 1970, entrou en vigor nova lexislación pola cal recibiron algunha protección.[2] No período de 1977 a 1980, obtíñanse unhas 20 000 peles silvestres ao ano pero na década de 1980 a cifra baixou a 12 000. Ademais diso, recollíanse anualmente de 2 500 a 10 000 ovos e crías para ser incubados e criados en granxas de crocodilos. Porén, en 1995, a maior destas instalacións na illa iniciou un cambio de estratexia e pasou a concentrarse na crianza do crocodilo de auga salgada, e a demanda de ovos e crías do crocodilo de Nova Guinea cesou. Desde entón, a colleita de animais silvestres foi controlada tanto en Indonesia coma en Papúa Nova Guinea. En Indonesia está limitada a peles cun grosor de ventre de 25 a 51 cm en peles húmidas e en Papúa Nova Guinea a peles salgadas cun ventre de 18 a 51 cm.[8] Aínda se recollen dos niños algúns ovos e crías no norte para crialas en recintos pechados e iniciouse un programa similar recentemente coas poboacións do sur.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Crocodile Specialist Group (1996-08-01). "Crocodylus novaeguineae". IUCN Red List of Threatened Species. Version 2013.1. Consultado o 2013-10-22. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 Britton, Adam (2009-01-01). "New Guinea Crocodile". Crocodilians: Natural History & Conservation. Florida Museum of Natural History. Consultado o 2013-10-22. 
  3. Schmidt, Karl P. (1928). "A new crocodile from New Guinea". Field Museum of Natural History Publication 247 12 (14): 177–181. Consultado o 2013-11-06. 
  4. Oaks, Jamie R. (2011). "A time-calibrated species tree of Crocodylia reveals a recent radiation of the true crocodiles". Evolution 65 (11): 3285–3297. PMID 22023592. doi:10.1111/j.1558-5646.2011.01373.x. 
  5. Robert W. Meredith, Evon R. Hekkala, George Amato and John Gatesy (2011). "A phylogenetic hypothesis for Crocodylus (Crocodylia) based on mitochondrial DNA: Evidence for a trans-Atlantic voyage from Africa to the New World". Molecular Phylogenetics and Evolution 60: 183–191. PMID 21459152. doi:10.1016/j.ympev.2011.03.026. 
  6. 6,0 6,1 Groombridge, Brian, ed. (1982). "New Guinea crocodile". The IUCN amphibia-reptilia red data book (Fully rev., expanded ed.). Gland, Switzerland: IUCN. pp. 355–362. ISBN 9782880326012. 
  7. Naish, Darren (2012-06-24). "Tetrapod Zoology: Crocodiles of New Guinea, crocodiles of the Philippines". Scientific American. Consultado o 2014-05-13. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Cox, Jack H. (2010). "New Guinea Freshwater Crocodile: Crocodylus novaeguineae" (PDF). Crocodiles. Status Survey and Conservation Action Plan. Third Edition, ed. by S.C. Manolis and C. Stevenson. Crocodile Specialist Group, Darwin. pp. 90–93. Consultado o 2014-04-13. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 Ross, Charles A. (ed.) (1992). Crocodiles and Alligators. Blitz. pp. 71–81, 104. ISBN 9781853910920. 
  10. Zhang Man; Wang Yishu; Yan Peng; Wu Xiaobing (2011). "Crocodilian phylogeny inferred from twelve mitochondrial protein-coding genes, with new complete mitochondrial genomic sequences for Crocodylus acutus and Crocodylus novaeguineae". Molecular Phylogenetics and Evolution 60 (1): 62–67. PMID 21463698. doi:10.1016/j.ympev.2011.03.029. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]