Saltar ao contido

Criptograma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Criptograma
 Subclase de
Códigos e identificadores
Freebase/m/0j4tm Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
 Descrito pola fonte
Wikidata
Exemplo de criptograma.

Un criptograma é un fragmento de mensaxe cifrada cuxo significado resulta inintelixible até ser descifrado. Por regra xeral, o contido da mensaxe modifícase seguindo un determinado padrón, de maneira que só é posible comprender o significado orixinal despois de coñecer ou descubrir ese padrón.

O método empregado adoita ser o suficientemente sinxelo como para que o criptograma poida resolverse manualmente. O máis habitual é o cifrado por substitución, no que cada letra se substitúe por outra diferente ou por un número. Para resolver o criptograma cómpre recuperar o alfabeto orixinal empregado. Nun principio concibiuse para aplicacións máis serias, mais hoxe é sobre todo un pasatempo difundido en revistas e xornais.

Tamén se poden crear criptogramas empregando outros métodos de cifrado clásico, por exemplo o libro de cifrado, no que se utiliza un libro ou artigo como chave para cifrar a mensaxe.

Os criptogramas non se crearon inicialmente con fins lúdicos, senón para gardar segredos de carácter militar ou privado.

O primeiro uso coñecido con finalidade de entretemento tivo lugar na Idade Media, cando algúns monxes preparaban enxeñosos pasatempos. Un manuscrito atopado en Bamberg indica que os visitantes irlandeses á corte de Merfyn Frych ap Gwriad (finado no 844), rei de Gwynedd en Gales, recibiron criptogramas que só podían resolverse transpoñendo as letras do alfabeto latino ao grego. Cara ao século XIII o monxe inglés Roger Bacon escribiu un libro no que listou sete métodos de cifrado e afirmou que

Un home está tolo se, para escribir un segredo, escolle unha forma que poida ser coñecida polo vulgo.

No século XIX, Edgar Allan Poe popularizou os criptogramas mediante a publicación de numerosos artigos en revistas e xornais.

Resolución

[editar | editar a fonte]

Os criptogramas baseados en cifrado por substitución poden resolverse, por regra xeral, mediante análise de frecuencias e o recoñecemento de patróns nas palabras cifradas.

Criptogramas famosos

[editar | editar a fonte]

O criptograma que aparece no relato O escaravello de ouro (1843) do escritor estadounidense Edgar Allan Poe.

O criptograma da novela Viaxe ao centro da Terra de Xulio Verne.

Os enigmas criptográficos recollidos en O código Da Vinci de Dan Brown.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Martín Gil, F. J.; Martín Ramos, P.; Martín-Gil, J. «A cryptogram in the compass roses of the Majorcan portolan charts from the Messina-Naples mapmakers school». Almogaren, nº 36, 2005, pp. 285-296.