Covivenda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Patio da covivenda á beira da Casa convivencia na costa da Comuna

A covivenda,[1] tamén coñecida polo seu nome inglés, cohousing, é unha comunidade de casas privadas agrupadas en torno a un espazo compartido. Cada casa familiar, independente ou acaroada a outra, ten as comodidades tradicionais, incluída unha cociña privada. Dos espazos compartidos destacan normalmente unha casa común, que pode incluír unha cociña grande e comedor, lavandaría e áreas recreativas. O espazo exterior compartido pode incluír aparcadoiro, espazos para camiñar, espazos abertos e xardíns. A veciñanza tamén comparte outros recursos como ferramentas de bricolaxe e de xardín ou vehículos.

As e os habitantes da covivenda teñen ingresos independentes e vidas privadas, mais organizan actividades colaborativamente e comparten espazos. Malia que a estrutura legal depende de cada comunidade e varía tamén dun país a outro, unha fórmula moi estendida é a cooperativa de vivenda. As actividades da comunidade inclúen comidas compartidas, reunións e días de traballo. A veciñanza reúnese para festas, xogos, ver películas e outros acontecementos.

A covivenda facilita a interacción entre a veciñanza e proporciona beneficios sociais e prácticos ademais de beneficios económicos e medioambientais.[2][3]

Características comúns[editar | editar a fonte]

Relacións

As veciñas e veciños comprométense a formar parte dunha comunidade para beneficio mutuo e para o beneficio de todo o mundo. A covivenda cultiva a cultura de compartir e coidar. As características do deseño, así como o tamaño do barrio (normalmente 20-40 casas) promoven a interacción frecuente e as relacións estreitas.

Intimidade e comunidade

Os recintos de covivenda están deseñados tanto para a privacidade como para a comunidade. As e os residentes estabelecen o equilibrio entre a intimidade e a comunidade escollendo o seu propio nivel de compromiso.

Participación

A toma de decisións faise dun xeito participativo e moitas veces baseándose no consenso . A autoxestión dálle poder ás e aos residentes, construíndo comunidade e aforra cartos.[4]

Valores compartidos

As comunidades de covivenda dan apoio aos seus residentes por medio dos valores compartidos e normalmente adoptan formas de vida e enfoques ecolóxicos e sustentábeis.

Orixes[editar | editar a fonte]

A teoría moderna da covivenda ten a súa orixe en Dinamarca na década de 1960 entre grupos de familias que estaban insatisfeitas co tipo de aloxamento e que sentían que na forma en que vivían non se abordaban as súas necesidades. En 1967, Bodil Graae escribiu un artigo no xornal titulado "Os nenos deberían ter cen proxenitores", animando a un grupo de 50 familias a organizarse ao redor dun proxecto comunitario.[5] Este grupo desenvolveu o proxecto de covivenda Sættedammen, que é a comunidade moderna de covivenda máis antiga do mundo. Outro dos organizadores clave foi Jan Gudmand Høyer que se inspirou nos seus estudos de arquitectura de Harvard e a súa interacción con comunidades experimentais nos Estados Unidos daquela época.

O termo danés bofællesskab (comunidade de vida) foi traducido en América do Norte como cohousing por dous arquitectos estadounidenses, Kathryn McCamant e Charles Durrett, que visitaron diversas comunidades de covivenda e escribiron un libro sobre elas.[2] O libro tivo eco nalgunhas comunidades existentes, como Sharingwood no estado de Washington e N-Street en California, que adoptaron esa denominación como cristalización do que xa eran. Aínda que a maioría dos grupos de covivenda buscan desenvolver comunidades multixeracionais, algúns céntranse na creación de comunidades para séniors. Charles Durrett escribiu máis tarde un manual sobre como crear unha covivenda sénior.[3] A primeira comunidade dos Estados Unidos deseñada, construída e ocupada especialmente como covivenda foi Muir Commons en Davis, California.[2][6] Os arquitectos, Kathryn McCamant e Charles Durrett foron os responsábeis do proxecto e deseño do lugar, a casa común e as casas privadas.

Hai precedentes de covivenda nos anos vinte en Nova York con apartamentos de aloxamento cooperativo, con instalacións e recursos compartidos e unha boa interacción social. Outro exemplo son os Siheyuan na China que teñen un patio compartido e dalgún xeito son similares nalgúns aspectos á covivenda.

Crecemento[editar | editar a fonte]

As comunidades de covivenda forman parte da nova economía cooperativa dos Estados Unidos de finais do século XX - inicios do século XXI cunha previsión de expansión rápida nas seguintes décadas, debido a que tanto os individuos como as familias buscan vivir de xeito máis substentábel e en comunidade cos veciños e veciñas. Desde que se completou a primeira comunidade de covivenda nos Estados Unidos - Muir Commons en Davis, California, en 1991 - en 2016 se estableceran máis de 160 comunidades en 25 estados máis o distrito de Columbia, con máis de 125 en proceso. A maioría das comunidades eran a esa altura interxeracionais, tanto con nenos como con persoas maiores; mais cun crecemento da covivenda de maiores, centrada nas necesidades das persoas maiores. No Canadá, había en 2016 11 comunidades xa rematadas, e aproximadamente 19 en fase de conformación ou desenvolvemento. Estas comunidades adoitan ser respectuosas co medio ambiente e socialmente sustentábeis.[7]

En Dinamarca en 2016 existían centenares de comunidades de covivenda así como noutros países da Europa do norte.[8] A esa altura había máis de 300 comunidades de covivenda nos Países Baixos (73 interxeracionais e 231 sénior), e aproximadamente 60 máis en planificación ou en fase de construción.[9][10]

No Reino Unido a covivenda comezou a desenvolverse a finais dos 90. O movemento foise construíndo paulatinamente e en 2016 había 14 propostas de comunidades de covivenda por construír. Os grupos 40+ nesa altura estaban desenvolvendo novos proxectos e estaban a formar novos grupos continuamente. As comunidades de convivencia no Reino Unido adoitaban ter entre 8 e 30 casas, a maioría delas son comunidades mixtas con persoas solteiras, parellas e familias, mais algunhas só son para maiores de 50 anos e unha só para mulleres de máis de 50 anos. As propias comunidades varían entre desenvolvementos novos construídos cos estándares ecolóxicos modernos e as reconversións de granxas e edificios de antigos hospitais, e poden estar nun contorno urbano, rural ou semirrural.[11]

Deseño[editar | editar a fonte]

Como cada comunidade de covivenda está planificada no seu contexto, unha característica clave deste modelo é a súa flexibilidade para asumir as necesidades e os valores dos seus residentes e as características do lugar. Unha covivenda pode ser urbana, suburbana ou rural. A forma física é normalmente compacta, pero varía de bloques de apartamentos a vivendas unifamiliares agrupadas. Adoitan manter os coches na periferia, o que promove camiñar a través da comunidade e a interacción entre veciños e veciñas así como a seguridade dos nenos nos xogos na rúa. O espazo verde compartido é outra das características, tanto para xardinería, xogos ou lugares de reunión. Cando se dispón de máis terreo que o que se precisa para as construcións, normalmente se agrupan de xeito que se deixe libre o máximo espazo posíbel para uso compartido.

A comunidade Sunward Cohousing ilustra a preservación do espazo verde cos aloxamentos agrupados e o aparcadoiro na periferia, Ann Arbor, Míchigan, 2003

Na covivenda, os e as residentes non teñen unha economía compartida nin un conxunto común de crenzas ou relixión, senón que no seu lugar procuran crear unha comunidade socialmente rica e interconectada. É común que a xestión destas comunidades se basee nunha estrutura non xerárquica que utilice un modelo de toma de decisións por consenso. Os individuos collen funcións protagonistas e asumen responsabilidades individuais, como pode ser coordinar un xardín ou organizar unha reunión.

Forma de propiedade[editar | editar a fonte]

As comunidades de covivenda adoitan ter unha das tres formas legais de propiedade existentes: propiedade privada con zonas comúns en propiedade da asociación de residentes; condominios e cooperativas de vivenda.

A propiedade dun condominio é a máis común porque se axusta aos modelos de entidades financeiras e rexistro público de propiedade para estruturas de vivenda con múltiples propietarios. As entidades financeiras conceden créditos máis facilmente en réximes de propiedade privada ou condominio que en copropiedade. A covivenda difire dos desenvolvementos de condominios tradicionais ou subdivisións de condominio nas que o desenvolvemento é deseñado por ou cunha contribución considerable achega dos seus futuros residentes. O proceso de deseño enfatiza conscientemente as relacións sociais entre as persoas residentes. As instalacións comunitarias baséanse nas necesidades reais dos residentes, máis que nas ideas do desenvolvedor pensando en facer atractiva a súa venda. A especulación inmobiliaria no covivenda é normalmente moi baixa, e normalmente hai listas de espera para as unidades dispoñibles.

Situación en España[editar | editar a fonte]

As primeiras iniciativas das comunidades de covivenda en Cataluña desenvolvéronse a inicios do século XXI.[12] Entre as pioneiras está La Muralleta, en Santa Oliva (Baixo Penedès), a cooperativa foi creada en 2001, a partir de 2012 construíronse sete vivendas na primeira fase e en 2016 estaba en marcha a segunda fase que constaba de seis vivendas máis e a finalización das instalacións comúns.[12][13] Outros proxectos de éxito son La Borda en Can Batlló[14] Torrent Viu no distrito de Sarrià,[15] ambos os dous na cidade de Barcelona.

En España, unha comunidade xa consolidada é o centro Trabensol en Torremocha del Jarama (Madrid), iniciado en 2002 como resposta ao problema das persoas xubiladas que querían envellecer sen depender da familia e estivo operativo desde 2013.[16][17][18] En febreiro de 2016 abriuse o Centro Residencial, en Horcajo de Santiago (Cuenca).[19]

En 2016 avaliábase un incremento de iniciativas de covivenda, tanto a través da creación de novas comunidades, empresas e cooperativas que pretenden dar soporte a esa demanda, como a cooperativa Sostre Cívic, ou proxectos de investigación para estudar o fenómeno, como o proxecto MOVICOMA, ou o de colocar no mapa as comunidades tendo en conta a fase do proceso na que se atopan.[20][21][22] Tres anos despois, en 2019, malia as dificultades de financiamento, chan e lexislación, avaliábase que houbera unha multiplicación das iniciativas.[23]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lessico panlatino della smart city (PDF). Milano: EDUCatt. 2018. ISBN 978-88-9335-329-8. OCLC 1079371016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Kathryn McCamant, Charles Durrett, Ellen Hertzman. Cohousing: A Contemporary Approach to Housing Ourselves (en inglés) (2ª ed.). Berkeley, California: Ten Speed Press. p. 288. ISBN 0-89815-539-8. 
  3. 3,0 3,1 Charles Durrett (2015). El Manual del Senior Cohousing. Autonomía personal a través de la comunidad (en castelán). Madrid: Dykinson, S.L. p. 416. ISBN 978-84-9085-525-6. 
  4. Frederic Laloux (2016). Reinventar las organizaciones (en castelán). Barcelona: ARPA EDITORES. p. 420. ISBN 9788416601059. 
  5. Graae, Bodil (1967). "Børn skal have Hundrede Foraeldre". Politiken (en Danés) (Copenhagen). 
  6. Reconstruint Comunitat dins Amèrica: Allotjament per Ecològic De vida, Personal Empowerment, i la Família Estesa Nova.
  7. Dick Urban Vestbro. Living together: cohousing ideas and realities around the world. (PDF) (en inglés). Proceedings from the International Collaborative Housing Conference in Stockholm 5-9 May 2010. 
  8. Ertil Egerö (2012). "Four decades of Swedish cohousing. What chances of a real take off?" (PDF). Tours,France: Self Managed Cohousing: born out of need or new ways of life?’. 
  9. Gemeenschappelijk.nl (ed.). "Gemeenschappelijk Wonen. Community addresses" (PDF) (en inglés). Consultado o 6 de novembro de 2016. 
  10. Matthieu Lietaert (2010). "Cohousing’s relevance to degrowth theories" (PDF) (en inglés) 18. Journal of Cleaner Production: 576–580. 
  11. John Killock (2014). Is cohousing a suitable housing typology for an ageing population within the UK? (PDF) (en inglés). Royal Institute of British Architects. p. 190. 
  12. 12,0 12,1 Martinez, Isabel (25 de febreiro de 2015). "El 'cohousing': otro modelo de vida para la vejez activa". La Vanguardia. Consultado o 14 de novembro de 2016. 
  13. Vargas LLamas, Víctor (2014-02-23). "Las nuevas comunas". El Periódico. Consultado o 14 de novembro de 2016. 
  14. El Diario, ed. (12 novembro 2018). "Ni comprar ni alquilar vivienda: usar y compartir" (en castelán). Consultado o 2019-01-17. 
  15. betevé, ed. (2017-02-14). "16 famílies s’associen per crear un habitatge cooperatiu a Sarrià". Consultado o 2019-01-17. 
  16. "Viviendas colaborativas, una alternativa a la tradicional jubilación". ELMUNDO. 8-2-2016. Consultado o 14 de novembro de 2016. 
  17. Valdés, Isabel (2013-07-07). "La república de los abuelos" (en castelán). EL PAÍS. Consultado o 14 de novembro de 2016. 
  18. "Proyecto de arquitectura del Centro de Mayores Trabensol" (en castelán). eCOHOUSING. Consultado o 14 de novembro de 2016. 
  19. Laborde, Antonia (2016-11-01). "Vivir la jubilación entre amigos" (en castelán). EL PAÍS. Consultado o 14 de novembro de 2016. 
  20. "Cómo vivir en una casa sin comprarla ni alquilarla: el derecho de uso llega a España". idealista/news. 13-4-2015. Consultado o 14 de novembro de 2015. 
  21. "En marcha la primera investigación sobre la vivienda colaborativa de personas mayores en España" (en castelán). Geriatricarea.com. 2016-04-25. Consultado o 14 de novembro de 2016. 
  22. "Mapa cohousing vivienda colaborativa en España" (en castelán). eCOHOUSING. 
  23. Vilnitzky, Mariana. "'Cohousing', un modelo que se abre camino". eldiario.es (en castelán). Consultado o 2019-08-07. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]