Coturnix japonica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coturnix japonica
Paspallás xaponés
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Galliformes
Familia: Phasianidae
Subfamilia: Perdicinae
Xénero: Coturnix
Especie: C. japonica
Nome binomial
Coturnix japonica
Temminck & Schlegel, 1849
Exemplar sostido na man dun home.

Coturnix japonica, coñecida na bibliografía internacional como paspallás xaponés (coas modificacións propias de cada idioma) para diferencialo das outras especies do xénero, e dalgúns xéneros afíns, é unha especie de ave da orde das galiformes, familia dos fasiánidos e subfamilia dos perdicinos, unha das integran hoxe en día o xénero Coturnix.

É unha ave de pequeno tamaño, unha das poucas galiformes que son migratorias, que é moi apreciada gastronomicamente pola súa carne e os seus ovos. Foi domesticada (polas razóns anteditas, e tamén para introducila noutros países como ave de caza).

Orixinaria do leste de Asia desempeñou un papel activo na vida da humanidade desde o século XII, e continúa desempeñando hoxe papeis importantes na industria e na investigación científica.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1849 polo naturalista neerlandés Coenraad Jacob Temminck e o seu colaborador, o ornitólogo alemán Hermann Schlegel.[2] na obra Fauna Japonica, p. 103, pl. 61.[3]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Para a do xénero, ver Coturnix.

O epíteto específico, japonica, fai referencia a un dos países onde se atopa, e onde foi domesticada na Idade Media.

Subespecies[editar | editar a fonte]

Non se recoñecen subespecies.

Variacións taxonómicas[editar | editar a fonte]

O paspallás xaponés, moi semellante ao paspallás común (co que se pode hibridar), durante moitos anos foi considerado unha subespecie deste, e non foi confirmado como especie independente até o ano 1983.[4]

Características[editar | editar a fonte]

A morfoloxía do paspallás xaponés difire segundo a súa etapa de vida. Os pitos masculinos e femininos exhiben o mesmo tipo de plumaxe e coloración. As súas cabezas son de cor avermellada, con pequenas manchas negras que cobren a zona sobre el bico. As ás e a parte posterior del polo son de cor marrón pálida; a parte posterior tamén presenta catro raias pardas ao longo de toda a súa lonxitude. Unha raia pálida de cor amarela apardazada, rodeada por raias negras máis pequenas percorre a parte superior da cabeza.[4]

A plumaxe dos adultos presenta dimorfismo sexual, o que permite distinguir aos diferentes sexos entre si. Tanto os machos como as femias exhiben predominantemente unha plumaxe marrón. Porén, as marcas na garganta e o peito, así como a particular cor marrón da plumaxe, poden variar bastante.[4][5] As plumas do peito das femias están inzadas de manchas escuras entre outras plumas xeralmente pálidas. En contraste, as plumas das peitugas dos machos mostran unha cor parda avermellada escura uniforme, e sen manchas escuras. Esta coloración parda avermellada tamén aparece na meixela dos machos, mentres que as plumas das meixelas das femias son máis ben de cor crema. Algúns machos tamén exhiben un colar branco, o que non ocorre en ningún membro feminino da especie. Cómpre ter en conta que, aínda que esta coloración é moi típica das poboacións silvestres de Coturnix japonica, a domesticación e a reprodución selectiva desta especie deu lugar a numerosas cepas diferentes que exhiben unha ampla variedade de cores e patróns da plumaxe.[4]

Os machos tenden a seren máis pequenos que as femias.[5] Os adultos salvaxes pesan entre 90 e 100 g, mentres que os seus homólogos domesticados adoitan pesaren entre os 100 e os 120 gramos.[4] Porén, o peso entre as líñas domesticadas varía considerabelmente, xa que as cepas comerciais criadas para a produción de carne poden pesar até os 300 g.[4]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Sábese que as poboaciones dos paspallases xaponeses habitan principalmente no leste de Asia, inculíndo Rusia, a India, a península de Corea, o Xapón e a China.[6][7][8] É unha especie migratoria e, aínda que varias poboacións residentes deste paspallás invernan no Xapón e Manchuria, a maioría migra cara ao sur, a zonas como Vietnam, Camboxa, Laos, Myanmar, Bután, o extremo oriental da India e o sur da China.[9] Tamén se comprobou que este paspallás reside en moitas partes de África, incluíndo Tanzania, Malaui, Kenya, Namibia, Madagascar e o val do río Nilo, desde Kenya até Exipto.[8]

Os lugares de reprodución dos paspallases xaponeses localízanse en gran medida na Asia oriental e central,[6][7] en zonas como Manchuria, o sueste de Siberia, o norte do Xapón e a península de Corea. Porén, tamén se observou que se reproduce nalgunhas rexións de Europa, así como en Turquía.[8]

Coturnix japonica é esencialmente unha especie terrestre, que tende a permanecer dentro de zonas de vexetación densa para pasar desapercibida e evitar a depredación.[10] Polo tanto, os seus hábitats naturais comprenden campos de herba, arbustos ao longo das beiras dos ríos e campos agrícolas con cultivos como a avea, o arroz e o orxo.[8][10] Tamén se informou que prefire hábitats abertos como estepas, prados e laderas de montañas cerca de lugares con auga.[1]

O paspallás xaponés foi introducido en Francia, Italia e Hawai.[11] En España tamén foi introducido para a caza.[12]

Domesticación[editar | editar a fonte]

Os primeiros rexistros de paspallás xaponess domesticados datan do Xapón, no século XII. Porén, hai evidencias de que a especie fora domesticada en realidade moito antes, xa no século XI.[4][13] Orixinariamente criáronse como paxaros cantores, e crese que se usaron adoito en concursos de canto.[4][5]

Cría en catividade[editar | editar a fonte]

No Xapón[editar | editar a fonte]

A principios da década de 1900, os criadores xaponeses comezaron a reproducilos selectivamente para aumentar a produción de ovos. En 1940 a industria de prodiución de ovos deste paspallás estaba florecendo. Porén, os acontecementos da segunda guerra mundial levaron á perda completa das liñas de paspallases criados para as variedades cantoras, así como a case todos os criados para a produción de ovos. Despois da guerra, os poucos paspallases que quedaban usáronse para reconstruír a industria, e considérase que todas as liñas comerciais e de laboratorio actuais se orixinaron a partir desta pequena poboación de paspallases.[4][5]

Noutros países[editar | editar a fonte]

Esta ave foi criada en catividade desde hai moitos anos na India e no sueste asiático pola súa carne e os seus ovos.[14] O paspallás xaponés tamén se cría en granxas para soltalo en coutos de caza. Debido ao seu potencial colonizador e constituír unha ameaza grave para as especies autóctonas de Europa, como o paspallás común, os hábitats ou os ecosistemas de España, foi incluído no catálogo español de especies exóticas invasoras, aprobado polo Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que en España está prohibida a súa introdución no medio natural, a posesión, transporte, tráfico e comercio.

Uso en estudos espaciais[editar | editar a fonte]

Os ovos do paspallás xaponés orbitaron a Terra en diversas ocasións en naves soviéticas e rusas, incluíndo o satélite Bion 5 e o Saliut 6, e a Estación Espacial Internacional.[15]

En marzo de 1990 logrouse incubar e que eclosionaran uns ovos na MIR.[16]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Ameazas[editar | editar a fonte]

Descoñécense as ameazas específicas para a especie, aínda que pode estar ameazada polos cambios agrícolas en Asia.[17] A caza é unha ameaza no Xapón,[18] e é probábel que esta actividade sexa tamén unha ameaza noutras partes da súa área de distribución.[1]

Status[editar | editar a fonte]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o status dsta especie como NT (case ameazada) porque se sospeita que está experimentando un declive de poboación moderadamente rápido, potencialmente debido á caza e aos cambios na agricultura.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 BirdLife International (2018): Japanese Quail. Coturnix japonica na Lista vermella da UICN. Versión 2018-2. Consultada o 22 de xaneiro de 2019.
  2. Coturnix japonica Temminck & Schlegel, 1849 no ITIS,
  3. Wikispecies.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 Hubrecht R. & Kirkwood, J. (2010): The UFAW Handbook on the Care and Management of Laboratory and Other Research Animals. Hoboken, Nova Jersey, Estados Unidos de América: John Wiley & Sons. ISBN 978-1-4051-7523-4, pp. 655–674.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Mills, A. D.; Crawford, L. L.; Domjan, M. & Faure, J. M. (1997): "The Behavior of the Japanese or Domestic Quail Coturnix japonica". Neuroscience and Biobehavioral Reviews 21 (3): 261–281. Resume.
  6. 6,0 6,1 Barilani, M.; Deregnaucourt, S.; Gellego, S.; Galli. L.; Mucci, N.; Piomobo, R.; Puigcerver, M.; Rimondi, S.; Rodriguez-Teijeiro, J. D.; Spano, S. & Randi, E. (2005): "Detecting hybridization in wild (Coturnix c. coturnix) and domesticated (Coturnix c. japonica) quail populations". Biological Conservation 126: 445–455. Resume.
  7. 7,0 7,1 Puigcerver, Manuel; Vinyoles, Dolors & Rodríguez-Teijeiro, José Domingo (2007): "Does restocking with Japanese quail or hybrids affect native populations of common quail Coturnix coturnix?". Biological Conservation 136 (4): 628–635. Resume.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Pappas, J. (2013): "Coturnix japonica". En: Animal Diversity Web. Consultada o 23 de xaneiro de 2019.
  9. "Species Factsheet: Coturnix japonica". Birdlife International. Consultada o 23 de xaneiro de 2019.
  10. 10,0 10,1 Buchwalder, T. & Wechsler, B. (1997): "The effect of cover on the behavior of Japanese quail (Coturnix japonica)". Applied Animal Behaviour Science 54: 335–343. Resume.
  11. Mapa de distribución na UICN
  12. "La RFEC recuerda que tanto el arruí como el muflón son especies naturalizadas". ABC.es. 6 de febreiro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 11 de agosto de 2014. Consultado o 22 de xaneiro de 2092. 
  13. Coturnix (Coturnix coturnix japonica): standards and guidelines for the breeding, care, and management of laboratory animals. Washington, D.C. (1959): National Academy of Sciences, pp. 1–47.
  14. "HC stays Environment ministry order over Japanese quails". NDTV (en inglés). 1 de febreiro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 10 de agosto de 2014. Consultado o 22 de xaneiroe de 2010. 
  15. Muneo Takaoki (2007): "Model Animals for Space Experiments — Species Flown in the Past and Candidate Animals for the Future Experiments", Biological Sciences in Space 21: 76-83.
  16. T. S. Guryeva et al. (1993): "The quail embryonic development under the conditions of weightlessness", Acta Vet. Brno, Suppl. 6, 62: 25-30.
  17. Duckworth, J. W. (2009): "Recent observations of Galliformes in degraded parts of Laos". G@lliformed 1: 18-20.
  18. Okuyama, M. (2004): "Current Status of the Japanese Quail Coturnix japonica as a Game Bird". Journal of the Yamashina Institute for Ornithology 35: 189-202.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • del Hoyo, J.; Collar, N. J.; Christie, D. A.; Elliott, A. e Fishpool, L. D. C. (2014): HBW and BirdLife International Illustrated Checklist of the Birds of the World. Volume 1: Non-passerines. Barcelona: Lynx Edicions / Cambridge, UK: BirdLife International. ISBN 978-84-9655-394-1.
  • Hennache, A. & Ottaviani, M. (2011): Cailles, Perdrix et Francolins de l’Ancien Monde. Clères, Seine-Maritime: Éditions W.P.A. France. ISBN 978-2-9512-4673-7.
  • Johnsgard, P. A. (1999): The Pheasants of the World. 2nd ed. Oxford, UK: Oxford University Press. ISBN 978-1-5609-8839-7.
  • Johnsgard, P. A. (1988): The Quails, Partridges, e Francolins of the World. Oxford, UK: Oxford University Press. ISBN 978-0-1985-7193-3.

Outros artigos[editar | editar a fonte]