Saltar ao contido

Cosme Vázquez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaCosme Vázquez

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento15 de xaneiro de 1904 Editar o valor en Wikidata
Mondariz, España Editar o valor en Wikidata
Morte27 de agosto de 1976 Editar o valor en Wikidata (72 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1925 Editar o valor en Wikidata - 1931 Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDianteiro Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de eventos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1921–1922   Atlético de Madrid
1922–1925   Celta de Vigo
1925–1929   Atlético de Madrid
1929–1931   Real Madrid CF

Cosme Vázquez Subiabre, nado en Mondariz o 15 de xaneiro de 1904 e finado en Madrid o 27 de agosto de 1976, foi un futbolista galego, que xogaba de dianteiro. Foi o primeiro galego en marcar un gol na Primeira División, na primeira xornada da tempada 1928/29 que enfrontaba ao seu equipo, o Atlético de Madrid, co Arenas de Getxo.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Procedía dunha familia moi numerosa, fillo de Emelina Subiabre Peña, de nacionalidade chilena. Comezou a estudar enxeñaría, pero deixouno polo fútbol. Xogou no Real Vigo Sporting e logo no novo Celta de Vigo, e axiña destacou pola súa capacidade goleadora, por exemplo xa xogando no Celta na Copa do Apóstolo en Santiago de Compostela, en novembro de 1925, fronte ao Real Madrid.

Logo duns anos en Vigo fichou polo Athletic de Madrid. Na tempada 1925-26 proclamouse subcampión rexional co equipo madrileño e foi tamén subcampión do Campionato de España. No campionato estatal tivo unha destacada actuación, anotando 11 goles e rematando como o terceiro máximo goleador da competición, cun gol menos que os tamén galegos Ramón González e Ramón Polo, do Deportivo da Coruña e do Celta respectivamente. Cosme marcou dous goles nos cuartos de final contra o Espanyol, outros dous nas semifinais contra o Celta (un deles o gol da vitoria na prórroga), e outro na final contra o FC Barcelona que gañaron os cataláns. Na seguinte campaña proclamouse campión do Campionato Rexional Centro.

Entre 1925 e 1927 pasou tamén tempadas en Cuba, onde coincidiu con numerosos futbolistas galegos. Nas filas do Fortuna SC compartiu equipo cos irmáns Luis e Emilio Borrazás e participou na primeira xira estranxeira dun club cubano, disputando varios encontros en Costa Rica.[1] Xogou tamén no Real Iberia, coincidindo con Pepe Torres, Cachán e os irmáns Gonzalo, Edelmiro e O'Donell Lorenzo. Coa camiseta do Iberia enfrontouse en xuño de 1927 ao Nacional de Montevideo, no que militaban varios campións olímpicos coa selección uruguaia (Mazali, Scarone, Lorenzo Fernández, Ghierra, os irmáns Antonio e Santos Urdinarán, Castro, Cea e Saldombide).[2]

En xuño de 1928 Cosme defendeu de novo a elástica celeste do Celta nunha xira pola Arxentina e o Uruguai, pero regresou a Madrid coa creación da Liga española de fútbol na tempada 1928-29. Foi o primeiro galego en marcar un gol na Primeira División. Aconteceu xa no primeiro encontro de liga contra o Arenas de Getxo, onde bateu ao gardameta vasco José María Jáuregui.[3] Foi titular no centro do campo xunto a Arteaga, Santos, Ordóñez e o tamén galego Lecube e rematou a tempada como segundo máximo goleador da liga, con 15 goles en 17 partidos, só por detrás dos 16 de Paco Bienzobas.

Ao ano seguinte fichou polo Real Madrid xunto co seu compañeiro no Atlético Luis Olaso. Porén, non triunfou no equipo branco, xogando 16 partidos de liga en dúas tempadas e metendo 4 goles. En 1931 regresou a Vigo para xogar na segunda división co Celta, marcando dous goles fronte ao Murcia e o Cataluña.

Tras rematar a súa carreira como xogador, foi directivo e delegado do Atlético de Madrid, residindo nesa cidade o resto da súa vida.

  1. Echazábal Acosta, Enio (21 de outubro de 2021). "Historias por contar (II)" (en castelán). Consultado o 22 de abril de 2025. 
  2. Carmona Herrera, Alexis Alberto (31 de xullo de 2023). "Cuando los cubanos les ganaron a los uruguayos campeones de fútbol" (en castelán). Consultado o 22 de abril de 2025. 
  3. "Cosme abrió el camino en 1929 al batir la meta del Arenas". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de xaneiro de 2008. p. 42. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]