Cortes de Alasca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Capitolio Estatal de Alasca, sede da Lexislatura

As Cortes de Alasca (en inglés, Alaska Legislature) é a institución que exerce o poder lexislativo no estado de Alasca nos Estados Unidos. As súas facultades están determinadas polo artigo 2 da constitución de Alasca de 1956, que tamén establece a súa división entre unha cámara de representantes e o senado. A súa sede está no Capitolio Estatal de Alasca, en Juneau.

Composición[editar | editar a fonte]

As Cortes de Alasca están integradas por dúas cámaras:

  • A Cámara de Representantes: é a cámara baixa do parlamento e está composta por corenta membros escollidos cada dous anos.
  • O Senado: é a cámara alta e está composto por 20 membros escollidos cada 4 anos. Renóvase por metades cada dous anos.

As persoas que se presenten ás eleccións para ser lexislador do estado debe contar con tres anos de residencia no estado e, polo menos, un no distrito polo que se presenta. Existen requisitos de idade para ser membro do lexislativo: así para senador débese contar, como mínimo, con 25 anos, mentres que para ser deputado débense ter, polo menos, 21.[1]

Procedemento lexislativo[editar | editar a fonte]

Grupo de senadores conversan na sala do Senado de Alasca o 24 de maio de 2020.

As leis poden ser propostas por un dos lexisladores ou por algún dos seus comités. Unha vez proposta, a iniciativa pasa ao comité correspondente que se encarga de valorara, tomar os testemuños públicos e facer as modificacións que considere. Tamén pode ser que o comité renuncie a estes pasos coa finalidade de impulsar o proceso. Unha vez superado o comité, a proxecto de lei pasa á consideración dos plenarios das cámaras: no caso de seren modificados nunha das cámaras, a outra debe ratificalos para aprobar o mesmo texto. Unha vez votada nas cámaras, a lei é remitida ao gobernador de Alasca para que a asine e entre en vigor.

Se o gobernador veta unha lei, as Cortes poden revogar o veto se nunha sesión conxunta de ambas as dúas cámaras se consegue o voto favorable de dous terzos dos seus membros. O quorum é máis elevado en determinadas cuestións, como os orzamentos, nas que se precisan tres cuartos para salvar o veto.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Alaska’s Constitution". ltgov.alaska.gov. Consultado o 2022-08-25. 
  2. "Alaska Legislature - The Alaska Center" (en inglés). 2021-02-26. Consultado o 2022-08-25. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]