Correos, oficialmente Sociedade Estatal Correos e Telégrafos (en castelán Sociedad Estatal Correos y Telégrafos S.A., S.M.E.) é unha empresa pública, xestionada polo Goberno de España, a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), unha persoa xurídica de dereito privado.
Territorialmente, estrutúrase en sete zonas. O grupo inclúe as seguintes filiais: Correos Express Urgent Package Delivery (antiga Chronoexprés), Nexea Document Management (antiga Hybrid Mail) e Correos Telecom. É o operador responsable da prestación do servizo postal universal en España.
En xaneiro de 2011 pasou a denominarse Grupo Correos, como consecuencia da fusión de Correos e as súas filiais: Correos Express, Correos Telecom e Nexea (anteriormente Correo Híbrido).
En abril de 2019, Correos entrou en Portugal co segmento expresso, mediante a compra dunha participación na compañía Rangel.