Corneda, O Irixo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Corneda
Igrexa de Corneda.jpg
Igrexa de Santiago de Corneda.
Concello O Irixo
Poboación 140 hab. (2017)
Entidades de poboación 10

Santiago de Corneda é unha parroquia do concello do Irixo na comarca do Carballiño, na provincia de Ourense. No ano 2007 tiña 186 habitantes, deles 87 eran homes e 99 eran mulleres, o que supón unha diminución de 3 habitantes en relación ao ano anterior, 2006.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

A igrexa parroquial foi construída en dúas etapas. A capela maior é do século XVI, mentres que a nave é do século XVIII. A nave ten arcos de medio punto rebaixados na tribuna, con cuberta de madeira a dúas augas. Accédese á capela maior desde a nave a través dun arco de medio punto, coa sancristía anexa no lado norte, cuberta con bóveda de canón. O templo ten porta principal e outra lateral, esta última coa imaxe da Nosa Señora das Dores. A torre campanario, na fachada principal, ten dous corpos: o inferior rectangular sobre balaustrada e o superior poligonal. A fachada é barroca, decorada con pilastras, roleos e placas de filiación santiaguesa e sobre a porta un frontón con adornos de pirámides aos lados. No centro hai un fornelo coa imaxe pétrea de Santiago o Maior, cos atributos do peregrino (bordón, manto e sombreiro de aba ancha) máis o do evanxeilsta (libro). A tribuna está iluminada ppor dúas ventás laterais, e na parte superior hai unha pedra lisa con coroa, concibida para labrar algún motivo heráldico.

O retablo maior é de finais do século XVI ou comezos do XVII, de estilo manierista, composto de banco, dous corpos con cinco rúas e ático, amais dun sagrario-expositor. Ten tallas de Santa Ana (s. XVI, repintada) e de Santiago peregrino no primeiro corpo, o Santiago ecuestre no ático e de San Bernardo e San Roque. O sagrario-expositor de tipoloxía monumental ten dous corpos; no superior (o expositor) hai bustos das tres virtudes teologais: no centro a fe, na esquerda a caridade, e na dereita a esperanza. No corpo inferior hai un busto do Pai Eterno. Na porta do sagrario hai un relevo do cordeiro místico e aos lados imaxes de vulto de dous Evanxelistas: á esquerda San Marcos, e á dereita outro do que se perdeu o atributo.

O retablo lateral dereito é rococó, da segunda metade do século XVIII, cun Cristo atado á columna no fornelo central e pinturas de símbolos relacionados coa paixón. O retablo lateral esquerdo é neoclásico, do século XIX, cunha imaxe de Nosa Señora das Dores.

O templo conserva unha cruz procesional de 1805 co crucificado no anverso da peza superior e con Santiago Matamouros no reverso. Na parte inferior hai representacións dos Evanxelistas. A xogo coa cruz está a custodia e un cáliz con punzón do mesmo autor. Hai tamén un copón e un cáliz.

A casa reitoral é de tipo pazo, do século XIII, con solaina con zapatas de pilastras de capiteis xónicos sobre columnas poligonais. Preto do templo hai un cruceiro de 1785.

No lugar de Coucieiro hai unha ermida adicada a Santo Amaro.

Outra construción de importancia é a Casa Grande de Campeliños, na actualidade moi deteriorada, cun hórreo de seis corpos.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Corneda[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Corneda no concello do Irixo (Ourense)

Campeliños | Coucieiro | Enfesta | Guimarás | Matelo | Outeiro | Pedriña | Souteliño | Vilameá | O Viso

Parroquias do Irixo[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias do Irixo

Campo (Santa María) | Cangues (Santo Estevo) | A Cidá (Santa Mariña) | Corneda (Santiago) | Dadín (San Pedro) | Espiñeira (San Pedro) | Froufe (San Xoán) | Loureiro (Santa Mariña) | Parada de Labiote (San Xulián) | Reádigos (Santa Baia) | O Regueiro (San Pedro) | San Cosmede de Cusanca (San Cosmede)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]