Saltar ao contido

Cordilleira das Cascadas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía físicaCordilleira das Cascadas
Imaxe
Tipocordilleira Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaWashington, Estados Unidos de América, Columbia Británica, Canadá, Oregón, Estados Unidos de América e California, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Editar o valor en Wikidata Mapa
 46°51′02″N 121°45′36″O / 46.8505, -121.76
CordilleiraCadeas montañosas da costa do Pacífico Editar o valor en Wikidata
Composto por
Características
Altitude439.250 cm Editar o valor en Wikidata
Dimensións130 (ancho) × 1.100 (lonxitude) km
Punto máis altoMonte Rainier Editar o valor en Wikidata  (4.389 m Editar o valor en Wikidata )
Superficie150.000 km² Editar o valor en Wikidata
Historia
PeríodoPlioceno Editar o valor en Wikidata

A Cordilleira das Cascadas ou As Cascadas (Cascades en inglés) é a principal cordilleira do oeste de América do Norte, que se estende desde o sur da Columbia Británica a través dos estados de Washington e Oregón ata o norte de California. Comprende tanto montañas non volcánicas, como son moitas das Cascadas Setentrionais, coma os notables volcáns que forman as Altas Cascadas. A pequena parte da cordilleira na Columbia Británica denomínase Cascadas Canadenses ou, localmente, Montañas Cascadas. O pico máis alto da cordilleira é o Monte Rainier no estado de Washington con 4.392 m de altura.

As Cascadas forman parte do Anel de Lume do Pacífico, constituído polo anel de volcáns e montañas asociadas arredor do océano Pacífico. Todas as erupcións nos Estados Unidos continentais nos últimos 200 anos foron nos volcáns das Cascadas. As dúas máis recentes foron a do Pico Lassen de 1914 a 1921 e a grande erupción do Monte Santa Helena de 1980. Desde entón producíronse erupcións menores do Monte Santa Helena, as máis recentes de 2004 a 2008.[1] A Cordilleira das Cascadas forma parte da Cordilleira Americana, unha cadea de cordilleiras case continua que forma a "columna vertebral" do oeste de América do Norte, Central e do Sur.

As Cascadas albergan moitos parques nacionais e áreas protexidas, incluíndo o Parque Nacional das Cascadas Setentrionais, o Parque Nacional do Monte Rainier, o Parque Ncional do Lago Cráter e o Parque Nacional Volcánico Lassen. A metade norte do Sendeiro da Crista do Pacífico segue o percorrido desta cordilleira.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Volcáns importantes na porción estadounidense das Cascadas.

As Cascadas estándense cara ao norte desde o Pico Lassen (tamén chamado Monte Lassen) no norte de California ata a confluencia dos ríos Nicola e Thompson na Columbia Británica. O río Fraser separa as Cascadas das Montañas Costeiras no Canadá,[2] e o val Willamette sepáraas da porción superior da Cordilleira costeira de Oregón. Os volcáns máis altos das Cascadas, coñecidos como Altas Castadas,[3] dominan os seus arredores, moitas veces con alturas que dobran as das montañas veciñas. Adoitan ter unha altura visual (altura sobre as liñas de cristas próximas) de 1,6 km ou máis. Os picos máis altos, como o Monte Rainier de 4.392 m, dominan os seus arredores en 80-161 km.

A parte norte da cordilleira, ao norte de Monte Rainier, coñécese como Cascadas Setentrionais (North Cascades) nos Estados Unidos, pero máis ao norte, alén da fronteira Canadá-Estados Unidos, reciben formalmente o nome de Montañas Cascadas, chegando o extremo norte das Cascadas ata a Montaña Lytton.[4] En conxunto, as Cascadas Setentrionais e as Cascadas Canadenses son extremadamente abruptas; mesmo os picos máis pequenos son moi costentos e están glaciados, e os vales son bastante baixos en relación aos picos e serras, así que hai un gran relevo local.[5] A parte sur das Cascadas Canadenses, especialmente a cordilleira Skagit, é similar en xeoloxía e topografía ás Cascadas Setentrionais, mentres que as partes norte e noroeste están menos glaciadas e son máis achaiadas ou mesetarias, lembrando as áreas próximas da Meseta Thompson.[2]

A cordilleira está preto do océano Pacífico e na rexión onde prevalecen os ventos do oeste, razón pola que recibe cantidades significativas de chuvia e neve, especialmente nas ladeiras oeste debido á elevación orográfica, con precipitacións de neve anuais de ata 2.500 cm (25 m) nalgunhas áreas. No Monte Baker en Washington rexistrouse unha marca nacional de acumulación de neve nunha soa estación no inverno de 1998–99 con 2.900 cm (29 m).[6] Antes dese ano, o Monte Rainier era o que tiña a mellor marca de acumulación de neve en Paradise en 1978. Non é raro que algúns luares das Cascadas haxa unha acumulación anual de neve de 1.300 cm (13 m), como no Lago Helen, preto do Pico Lassen.[7] A maior parte das Altas Cascadas está, por tanto, cuberta de branco pola neve e o xeo todo o ano. As ladeiras occidentais están densamente cubertas dos abetos Pseudotsuga menziesii, as tsugas Tsuga heterophylla e os ameneiros Alnus rubra,[8] mentres que as ladeiras orientais, máis secas, presentan principalmente os piñeiros Pinus ponderosa, con algúns alerces Larix occidentalis, as tsugas Tsuga mertensiana e, a maiores alturas, os abetos Abies lasiocarpa e os alerces Larix lyallii.[9] Nas ladeiras leste a precipitación de chuvia anual é de só 230 mm debido ao efecto de sombra orográfica.[10]

A garganta do Columbia marca o punto onde o río Columbia divide a cordilleira das Cascadas entre os estados de Washington e Oregón.

Alén das ladeiras orientais hai unha meseta árida que se formou en gran parte hai 17 a 14 millóns de anos polos moitos fluxos de lava do Grupo Basáltico do Río Columbia. Xuntos, estas secuencias de rocha volcánica fluída formaron a Meseta de Columbia de 520.000 km2 no leste de Washington, Oregón e partes do oeste de Idaho.[11]

A garganta do río Columbia é a única interrupción importante da cadea nos Estados Unidos. Cando as Cascadas comezaron a se elevar hai uns 7 millóns de anos a finais do Mioceno, o río Columbia drenaba a relativamente baixa meseta de Columbia. A medida que a cordilleira gañou altura, a erosión do río Columbia escavou a un ritmo similar, creando a garganta e o paso principal que vemos hoxe. A garganta fluvial tamén deixou expostas capas levantadas e deformadas de basalto da meseta.[12][13]

Xeoloxía

[editar | editar a fonte]
Xeoloxía da cordilleira das Cascadas relacionada coa Tectónica de placas.

A cordilleira das Cascadas está constituída por unha banda de miles de volcáns moi pequenos e de curta vida que construíron unha plataforma de lava e restos volcánicos. Uns poucos volcáns impresionantemente grandes érguense por riba desta plataforma volcánica, como o Monte Hood e o Monte Santa Helena, que dominan a paisaxe.[14]

Os volcáns das Cascadas definen a sección do noroeste do Pacífico do Anel de Lume do Pacífico, un conxunto de volcáns que abeiran o océano Pacífico. O Anel de Lume tamén se coñece polos seus frecuentes terremotos. Os volcáns e terremotos orixínanse dunha fonte común, que é a subdución. Neste caso, a densa placa Juan de Fuca introdúcese por debaixo da placa norteamericana na zona de subdución de Cascadia.[15] A medida que a porción da placa oceánica que se introduce chega a zonas profundas do interior da Terra baixo a placa continental, as altas temperaturas e presións fan que escapen as moléculas de auga encerradas nos minerais das rochas sólidas. A auga ascende no manto maleable que hai por riba da placa subducente, causando certa fusión no manto. Isto de novo forma magmas que ascenden cara á superficie terrestre e fan erupción, formando unha cadea de volcáns (o arco volcánico das Cascadas) por riba da zona de subdución.[15]

Antes da exploración europea, as tribos das Primeiras Nacións déronlle nome a moitos picos, como o "Seekseekqua" (Monte Jefferson),[16] "M'laiksini Yaina" (Monte McLoughlin),[16] "Tahoma" (nome en lingua lushootseed do Monte Rainier),[17] e "Louwala-Clough" (que significa "montaña fumegante" para o Monte Santa Helena).[18]

A inicios de 1792, o navegante británico George Vancouver explorou o esteito de Puget e deulle nomes ingleses ás altas montañas que viu. O Monte Baker foi nomeado así polo terceiro lugartenente de Vancouver, Joseph Baker, aínda que o primeiro navegante de orixe europea que o viu foi o hispano-peruano Manuel Quimper, que o nomeou la gran montaña del Carmelo ("a gan montaña do Carmelo") en 1790.[19] O Monte Rainer foi nomeado en honra do almirante Peter Rainier. Posteriormente en 1792, Vancouver mandou ao seu lugartenente William Robert Broughton a explorar o curso baixo do río Columbia, quen lle deu nome ao Monte Hood en honra de Lord Samuel Hood, un almirante da Mariña Real británica. O Monte Santa Helena foi enxergado por Vancouver en maio de 1792, desde preto da desembocadura do río Columbia. Puxéronlle un nome en lembranza do diplomático británico Alleyne FitzHerbert, primeiro Barón de Santa Helena.[20] Porén, a expedición de Vancouver non lle deu nome á cadea montañosa que contiña estes picos. Denominábaa simplemente como a "cordilleira nevada do leste". Os primeiros exploradores españois chamáronlle Serra Nevada.[19] (para a cordilleira máis ao sur que agora se chama así ver Serra Nevada, Estados Unidos de América).

Vista do lado oeste do Monte Shuksan en verán ollado desde o Artist Point en Washington.

En 1805, a expedición de Lewis e Clark pasou polas Cascadas polo río Columbia, que durante moitos anos foi o único paso practicable para atravesar esa parte da cordilleira. Eles foron as primeiras persoas non indíxenas en ver o Monte Adams, pero pensaron que era o Monte Santa Helena. Cando posteriormente viron o Monte Santa Helena pensaron que era o Monte Rainier.[21] Na súa viaxe de retorno, Lewis e Clark albiscaron un pináculo nevado alto pero distante que nomearon en honra do patrocinador da expedición, o presidente dos Estados Unidos Thomas Jefferson.[22] Lewis e Clark chamábanlle á cordilleira das Cascadas "Montañas Occidentais".[23]

A expedición de Lewis e Clark, e os moitos colonos e comerciantes que chegaron despois, atopaban o seu último obstáculo na súa viaxe nos Rápidos das Cascadas na garganta do río Columbia, un accidente no curso do río que agora quedou mergullado baixo as augas do encoro Bonneville. Desde hai moito tempo, as grandes montañas de cumio nevado que se erguían sobre os rápidos chamábanse as "montañas polas cascadas" (mountains by the cascades) e despois, simplemente, as "Cascadas". O primeiro uso rexistrado do nome "cordilleira das Cascadas" é nos escritos do botánico David Douglas en 1825.[24][25]

O Monte Hood é o punto máis alto do estado de Oregón.

En 1814, Alexander Ross, un comerciante de peles coa North West Company, buscando unha ruta viable a través das montañas, explorou e cruzou as Cascadas do norte entre Fort Okanogan e o estreito de Puget. O seu informe da súa viaxe é vago sobre a ruta que seguiu. Seguiu o curso baixo do río Methow cara ás montañas. Pode que usase o Paso das Cascadas para chegar ao río Skagit. Ross foi o primeiro americano de orixe europea en explorar a zona do río Methow e probablemente o primeiro en explorar o río Stehekin e a rexión de Bridge Creek. Debido á dificultade de cruzar as Cascadas do norte e a escaseza de castores, as compañías que comerciaban con peles só fixeron unhas poucas exploracións polas montañas do norte do río Columbia despois de Ross.[26]

A exploración e colonización da rexión das Cascadas polos europeos e americanos acelerouse co establecemento dun importante posto de comercio da Hudson's Bay Company (HBC) en Fort Vancouver preto do que hoxe é Portland, Oregon. Desde esta base partidas de trampeiros da HBC viaxaban polas Cascadas buscando castores e outros animais de interese peleteiro. Por exemplo, usando o que se acabou por coñecer como senda ou camiño de Siskiyou, os trampeiros da Hudson's Bay Company foron os primeiros non-nativos en exploraren as Cascadas do sur nas décadas de 1820 e 1830, establecendo camiños que pasaban preto do lago Cráter, Monte McLoughlin, volcán do lago Medicina, Monte Shasta e Pico Lassen.[27]

O río Coquihalla nas Cascadas Canadenses.

O curso da historia política do noroeste do Pacífico fixo que se propuxese a dorsal da cordilleira das Cascadas como fronteira acordada durante a Disputa de Oregón de 1846 entre Reino Unido e os Estados Unidos. Os Estados Unidos rexeitaron a proposta e insistiron no paralelo 49 norte, que cortaba a cordilleira xusto ao norte de Monte Baker. Durante o período de disputa e ata a creación da colonia da Coroa da Columbia Británica en 1858, a ruta York Factory Express da Hudson's Bay Company, así como a ruta das brigadas de trampeiros peleteiros, seguían o río Okanogan ao longo do lado leste das Cascadas e o río Columbia a través da cordilleira. Os pasos para cruzar a cordilleira non se coñecían ben e usábanse pouco. O Paso Naches utilizouse para conducir gando vacún e cabalos a Fort Nisqually. O Paso Yakima tamén o usou a Hudson's Bay Company.[28]

O asentamento de colonias americanas nos flancos da Cordilleira Costeira non ocorreu ata inicios da década de 1840, ao principio só de maneira marxinal. Despois do Tratado de Oregón, que fixou definitivamente as fronteiras entre Reino Unido e os Estados Unidos, o fluxo interior de migración desde o camiño de Oregón intensificouse e os pasos e vales do que agora é o estado de Washington foron explorados e poboados, e pouco despois chegou o ferrocarril. Malia ser atravesado por varias importantes autoestradas e vías ferroviarias, e de estaren os seus flancos máis baixos sometidos a unha intensa actividade de corta de madeira nas décadas recentes, gran parte da cordilleira permanece como unha zona silvestre alpina intensa e prohibida. Boa parte da metade norte das Cascadas, desde o norte do Rainier, foi preservada polo Servizo de Parques Nacionais dos Estados Unidos ou polos parques provinciais da Columbia Británica (como o Parque Provincial E.C. Manning), ou outras formas de protección de áreas naturais.[29]

O Pico Lassen nas Cascadas de California. É o volcán máis ao sur da cordilleira das Cascadas e parte do Parque Nacional Volcánico Lassen.

O lado canadense da cordilleira ten unha historia na que salienta a Febre do Ouro do Canón Fraser de 1858–60 e a súa famosa Estrada Caribú, así como o vello Camiño da Brigada da Hudson's Bay Company desde dito canón ao interior, o Camiño Dewdney, e as vellas rutas que conectaban o leste cos vales dos ríos Similkameen e Okanagan.

A liña principal cara ao sur do Ferrocaril do Pacífico Canadense penetra na cordilleira polos pasos do río Coquihalla, ao longo dunha das rutas con máis pendente e nevadas de toda a Cordilleira do Pacífico. Preto de Hope, Columbia Británica, o ferrovía de balastro e os túneles Othello, agora retirados do servizo, son destinos recreativos turísticos populares para o sendeirismo e ciclismo. O paso úsao a autovía de Coquihalla, un megaproxecto gobernamental construído como parte do boom de gasto da Expo 86 da década de 1980, a cal agora é a principal ruta desde a costa ao interior da Columbia Británica. O tráfico anteriormente pasaba polo Canón Fraser, cara ao oeste, ou polo Paso Allison e o Parque Manning ao longo da Autoestrada 3 cara ao sur, preto da fronteira.

A erupción de 1980 do Monte Santa Helena.

A estrada Barlow foi o primeiro camiño por terra (non fluvial) establecido para os colonos estadounidenses a través da cordilleira das Cascadas en 1845, e formou a conexión terrestre final do camiño de Oregón (previamente, os colonos tiñan que ir en balsa polos traizoeiros rápidos do río Columbia). A estrada separábase do río Columbia no que hoxe é o río Hood e pasaba ao longo do lado sur do Monte Hood no que agora é Government Camp, rematando en Oregon City. Agora hai un sitio interpretativo alí no "Final do camiño de Oregón". A estrada foi construída como unha estrada de peaxe  – 5 dólares por carreta – e tivo moito éxito.

Ademais, creouse o camiño Applegate para que os colonos puidese evitar baixar en balsa polo río Columbia. O camiño usaba o itinerario do camiño de California que ía ao centro-norte de Nevada. Desde alí, o camiño dirixíase ao noroeste cara ao norte de California, e continuaba cara ao noroeste en dirección ao que hoxe é Ashland, Oregon. Unha vez alí, os colonos dirixíanse ao norte ao longo do camiño Siskiyou para ir ao val de Willamette.

Coa excepción da erupción de 1915 do afastado Pico Lassen no norte de California, a cordilleira estivo tranquila durante máis dun século. Pero o 18 de maio de 1980, unha tremenda erupción no Monte Santa Helena rompeu esa tranquilidade e atraeu a atención do mundo á cordilleira. Os xeólogos estaban tamén preocupados de que a erupción do Santa Helena fose un signo de que a cadea de volcáns das Cascadas tanto tempo dormentes puidese empezar a ter actividade unha vez máis, como no período de 1800 a 1857 cando un total de oito volcáns entraron en erupción. Ningún deles fixo erupción desde o Santa Helena, mais malia todo están a tomarse precaucións, como a vixilancia realizada polo Observatorio dos Volcáns das Cascadas e o Sistema de Alerta do Lahar do Volcán de Monta Rainier en Pierce County, Washington.[30]

Usos humanos

[editar | editar a fonte]

As condicións do solo para a agricultura son xeralmente boas, especialmente na dirección do vento desde os volcáns. Isto débese en gran medida a que as rochas volcánicas adoitan ser ricas en minerais que conteñen potasio como o ortoclasio, e erosiónanse de forma relativamente doada. Os restos volcánicos, especialmente lahares, tamén axudan a espallar o material volcánico rico en minerais, que son bos nutrientes para o crecemento das plantas, e o almacenamento de auga en forma de neve e xeo é tamén importante para a agricultura. A montañas de cumes nevados, como o Monte Hood e o Monte Bachelor, utilízanse como estacións de esquí a final do inverno, mentres que en verán son un popular lugar para facer sedeirismo e montañismo. Moita da auga de desxeo acaba fluíndo ata os encoros existentes, onde se usa para o recreo, e a súa enerxía potencial aprovéitase para xerar enerxía hidroeléctrica antes de que a auga se use río abaixo para regar as colleitas.

Debido á abundancia de correntes fluviais poderosas, moitos dos principais ríos que flúen cara ao oeste das Cascades teñen encoros que proporcionan enerxía hidroeléctrica. Un deles é o encoro Ross no río Skagit esténdese ata o bordo sueste de Hope, Columbia Británica 3,2 km dentro do Canadá. Ao pé da ladeira sueste do Monte Baker, en Concrete, Washington, o río Baker foi represado para formar os lagos Shannon e Baker.

As Cascadas teñen un gran potencial apenas aproveitado para a enerxía xeotérmica. O Programa de Investigación Xeotérmica do Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos estivo investigando este potencial. Parte desta enerxía está xa utilizándose en lugares como Klamath Falls, Oregón, onde se usa unha corrente volcánica para quentar os edificios públicos.[31] A temperatura subterránea máis alta rexistrada na cordilleira foi de 266 °C a 937 m baixo o piso da caldeira do volcán Newberry.

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]
Vaccinium ovalifolium en Monte Pilchuck.

A cordilleira das Cascadas está dominada na súa maior parte por grandes bosques de coníferas (tuias, abetos, tsugas, piñeiros, píceas e outros). Os invernos fríos e húmidos e os veráns cálidos e secos (debido sobre todo á influencia oceánica) favorecen as especies perennes, mentres que as temperaturas suaves e os solos ricos promoven un rápido e prolongado crecemento vexetal.[32][33]

A cabra das Montañas Rochosas Oreamnos americanus no Pico Wallaby nas Cascadas Setentrionais.

Cando un viaxeiro pasa pola cordilleira das Cascadas, o clima faise primeiro máis frío, despois máis cálido e seco ao leste da crista.[34] A maioría das alturas medias e baixas das Cascadas están cubertas por bosques de coníferas; as maiores alturas teñen amplas pradeiras e tundra alpina e glaciares. A parte sur das Cascadas está dentro da Provincia Florística de California, unha área de alta biodiversidade.[Cómpre referencia]

O abeto Abies amabilis predomina por riba dos 762 m, mentres que hai páramos, pradeiras e arboredos de Tsuga mertensiana/Abies lasiocarpa desde os 1.371 aos 1.828 m no lado oeste. A liña das árbores está a ~1.828 m. No lado oeste, os bosques subalpinos de alerces cambian gradualmente a piñeiros e bosques de abetos interiores por debaixo dos 1.280 m, que son substituídos progresivamente por bosques de Pinus ponderosa por debaixo dos 762 m, que despois cambian a un mato semidesértico preto do nivel do mar. Por riba dos 2.286 m, a paisaxe é erma con case ningunha planta ou só musgos e liques.[35]

Nas Cascadas viven osos negros, coiotes, linces, pumas, castores, cervos, uapitís, alces, cabras montesas e algunhas mandas de lobos que retornan do Canadá. Menos de 50 osos grizzly viven nas Cascadas do Canadá e Washington.[36]

  1. "Mount St. Helens: 2004–2008 Renewed Volcanic Activity". Cascades Volcano Observatory. U.S. Geological Survey. 7 de febreiro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 28 de abril de 2015. Consultado o 9 de novembro de 2013.
  2. 1 2 Beckey 2008, pp. 191–200.
  3. Martin 2002, p. 31.
  4. Duffell & McTaggart 1951, p. 8.
  5. Beckey 2003, pp. 9–12.
  6. "National Climate Extremes". National Oceanic and Atmospheric Administration. Arquivado dende o orixinal o 6 de xuño de 2012.
  7. McLaughlin, Mark (14 de outubro de 2010). "Weather Window: The snowiest spot in California is Lake Helen near Lassen Volcanic National Park". Sierra Sun (Truckee, California). Arquivado dende o orixinal o 06 de maio de 2016. Consultado o 9 de novembro de 2013.
  8. Beckey 2008, p. 16.
  9. Mueller & Mueller 2002, p. 99.
  10. Ernst 2000, p. 479.
  11. Straub, Kristen; Link, Paul. "Columbia River Basalt Province". Digital Geology of Idaho. Idaho State University. Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro 2013. Consultado o 3 de novembro de 2013.
  12. Harrison, John (31 de outubro de 2008). "Columbia River Gorge". Columbia River History. Northwest Power and Conservation Council. Consultado o 9 de novembor de 2013.
  13. "The Cascade Episode: Evolution of the Modern Pacific Northwest". Burke Museum of Natural History and Culture, University of Washington. Consultado o 9 de novembro de 2013.
  14. Public Domain Este artigo incorpora material en dominio público de "Pacific – Cascades Volcanic Province". Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos. O valor |mode=configuración é incorrecto (Axuda)
  15. 1 2 Public Domain Este artigo incorpora material en dominio público de "Pacific – Cascades Volcanic Province". Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos. O valor |mode=configuración é incorrecto (Axuda)
  16. 1 2 Hale, Jamie (17 de maio de 2019). "The native names of Pacific Northwest mountains". The Oregonian. Consultado o 25 de outubro de 2021.
  17. "Mount Rainier, Washington". Naming the Cascade Range Volcanoes. U.S. Geological Survey. Consultado o April 23, 2012.
  18. "Northwest Legends". Mount St. Helens Volcano, Washington. U.S. Geological Survey. Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2012.
  19. 1 2 Beckey 2003, pp. 3–7.
  20. "Naming the Cascade Range Volcanoes: Mount St. Helens, Washington". U.S. Geological Survey. Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2012. Consultado o 15 de xuño de 2012.
  21. Beckey 2003, pp. 38–39.
  22. "The Volcanoes of Lewis and Clark, Mount Jefferson, Oregon". U.S. Geological Survey. Consultado o 15 de xuño de 2012.
  23. Beckey 2003, p. 28.
  24. Beckey 2003, p. 48.
  25. Majors, Harry M. (1975). Exploring Washington. Van Winkle Publishing Co. p. 150. ISBN 978-0-918664-00-6.
  26. Beckey 2003, pp. 41–45.
  27. "Museum of the Siskiyou Trail". Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2012.
  28. Beckey 2003, pp. 63–64, 98.
  29. "North Cascades Ecoregion". Land Scope America. Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2020. Consultado o 15 de xuño de 2012.
  30. "Pilot Project – Mount Rainier Volcano Lahar Warning System". Volcano Hazards Program. U.S. Geological Survey. Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2008.
  31. "Geothermal Utility". City of Klamath Falls. Arquivado dende o orixinal o 6 de outubro de 2010.
  32. Public Domain Este artigo incorpora material en dominio público de "Pacific Northwest" (PDF). Status and Trends of the Nation's Biological Resources. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de abril de 2019. Consultado o 03 de agosto de 2025.
  33. Waring, RH; Franklin, JF (1979). "Evergreen coniferous forests of the Pacific Northwest". Northwest Science 204 (4400): 1380–1386. Bibcode:1979Sci...204.1380W. PMID 17814182. doi:10.1126/science.204.4400.1380.
  34. "Ecoregions of Western Washington and Oregon" (PDF). U.S. Environmental Protection Agency. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2017-05-25. Consultado o 4 de novembro de 2013.
  35. "Life Zones in Washington".
  36. Rice, Nathan (14 de novembro de 2011). "The forgotten North Cascades grizzly bear". High Country News (Paonia, Colorado).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]