Corallus caninus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Corallus caninus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Orde: Squamata
Suborde: Serpentes
Familia: Boidae
Xénero: Corallus
Especie: Corallus caninus
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia

Corallus caninus é unha especie de boa arborícola non velenosa de cor esmeralda que vive nas selvas de Suramérica. Desde 2009 a especie Corallus batesii distínguese de C. caninus.[3]

Descrición[editar | editar a fonte]

C. caninus

O adulto medra ata acadar os 1,8 m de lonxitude. Teñen uns dentes dianteiros moi desenvolvidos que proporcionalmente son maiores que os das doutras serpes non velenosas.[4]

O padrón de coloración é tipicamente un fondo verde esmeralda con liñas en zigzag brancas interrompidas irregulares, denominadas ás veces 'lóstregos', polo dorso e un ventre amarelo. A súa rechamante coloración e marcas son moi distintivas entre todas as serpes de Suramérica. Os individuos novos varían na cor entre varios tons de laranxa claro e escuro ou vermello ladrillo antes de que se establece a coloración ontoxenética e o animal se volva esmeralda, o que ocorre entre os 9 e 12 meses de vida.[5] Isto tamén ocorre na especie de pitón verde Morelia viridis, na cal as crías e individuos novos poden ser tamén de cor amarela canario ou vermella ladrillo. En contra do que se cre popularmente, na boa C. caninus os individuos novos amarelos, como os desta pitón, non se dan.

Algúns herpetólogos consideraron se sería conveniente crear algunha nova especie separándoa de C.caninus baseándose na localidade e diferenzas morfolóxicas. Un nome que se propuxo recentemente para a variante morfolóxica que vive na cunca amazónica sur e ao oeste do río Negro foi o de Corallus batesii [Henderson], nome que se lle deu en honra do naturalista e explorador inglés Henry Walter Bates, descubridor do mimetismo batesiano, pero que para outros é unha subespecie.[6] Deste modo a denominación C. caninus quedaría reservada aos espécimes do escudo güianés no norte da cunca amazónica e ao leste do río Negro.[5]

Os espécimes da cunca do río Amazonas tenden a crecer máis e son moito máis dóciles que os seus parentes do norte e chegan a lonxitudes de 2,1–2,7 m, mentres que o tamaño medio global é duns 1,8 m. Os que viven na parte sur da área de distribución deste animal no Perú adoitan ter unha cor máis escura. Os espécimes da cunca do Amazonas teñen xeralmente unha liña dorsal branca ininterrompida, mentres que as marcas brancas dos espécimes de Güiana e Suriname son bastante variables.[7] As escamas do fociño dos espécimes da cunca do Amazonas son tamén moito menores que as dos espécimes do norte, sur e oeste, que se encontran, por exemplo, en Suriname, Venezuela, Bolivia e Güiana Francesa. Sábese que existen formas híbridas entre as Corallus caninus do norte (do escudo das Güianas) e as da cunca do Amazonas.

C. caninus parece moi similar á pitón verde Morelia viridis do sueste asiático e Australia. Como só están moi distantemente emparentadas, este é un exemplo de evolución converxente. As diferenzas físicas entre elas inclúen as escamas da cabeza e a localización das fosetas termorreceptoras arredor da boca.

Un exemplar de C. caninus no zoo de San Diego, California

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Encóntrase en Suramérica na rexión norte de Colombia, Brasil e desde Venezuela a Suriname e nas Güianas no chamado escudo das Güianas. A localidade tipo que se lle deu é "Americae."[2] A especie da 'Cunca', como suxire o seu nome encóntrase na cunca do Amazonas, no sur de Suriname, sur da Güiana, sur de Venezuela a Colombia, o Perú e o Brasil e nas selvas que rodean o río Amazonas.

Dieta[editar | editar a fonte]

Exemplar nas coleccións vivas do Museo de Ciencias Naturais de Carolina do Norte en Raleigh, Carolina do Norte, forografada pouco despoiis de alimentarse.

A síua dieta consiste principalmente en pequenos mamíferos, pero tamén comen pequenos paxaros e lagartos e ras. Debido ao seu metabolismo extremadamente lento, aliméntase moito menos a miúdo que as especies que viven no chan e as súas comidas poden estar distanciadas varios meses.

Previamente, pensábase que a súa dieta principal eran os paxaros, mais os estudos do seu contido estomacal indicaron que a maioría da súa dieta eran os pequenos mamíferos. Os xuvenís e neonatos tamén se alimentan de pequenos lagartos e ras, especialmente de ras de cristal da familia Centrolenidae (observación feita por Henderson et al.).

Reprodución[editar | editar a fonte]

C. caninus é ovovivípara. As femias producen normalmente entre 6 e 14 crías cada vez, ás veces máis. As camadas que exceden estas cifras son extremadamente raras. As crías recentemente paridas teñen unha distintiva coloración de vermello ladrillo a laranxa e gradualmente cambian aá súa dor ontoxenética nun período de 12 meses, tornando esmeraldas.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Corallus caninus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2013. Consultado o 15 December 2014. 
  2. 2,0 2,1 McDiarmid RW, Campbell JA, Touré T. 1999. Snake Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference, Volume 1. Washington, District of Columbia: Herpetologists' League. 511 pp. ISBN 1-893777-00-6 (series). ISBN 1-893777-01-4 (volume).
  3. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Corallus caninus' (TSN 634792)" (en inglés). 
  4. Stidworthy J. 1974. Snakes of the World. Grosset & Dunlap Inc. 160 pp. ISBN 0-448-11856-4.
  5. 5,0 5,1 5,2 Henderson, Robert W.; Passos, Paulo; Feitosa, Darlan (3 September 2009). "Geographic Variation in the Emerald Treeboa, Corallus caninus (Squamata: Boidae)". Copeia 2009 (3): 572–582. JSTOR 25622941. 
  6. Beolens B, Watkins M, Grayson M. 2011. The Eponym Dictionary of Reptiles. Baltimore: Johns Hopkins University Press. xiii + 296 pp. ISBN 978-1-4214-0135-5. (Corallus batesii, p. 19).
  7. Walder, Rico. "Expert Care for the Emerald Tree Boa". Reptiles Magazine. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]