Conversa usuario:Cartografíaliteraria
Contidos e borrados
[editar a fonte]Ola, Cartografía.
Voume presentar primeiro: chámome Xabier Cid e estou aquí para botar unha man. Hoxe entrei e vin unha serie de edicións de usuarios, que quizais sexan usuarios da mesma persoa, ao redor dun artigo sobre Sica Romero. Eses artigos foron borrados de maneira urxente e é posible que nos equivocásemos ao facelo. Así que quería falar contigo, tentar entender o que pasou, e explicarche como se deben facer as cousas na Wikipedia para que todo funcione perfecto. Pídoche desculpas polos erros que cometemos.
Historia
[editar a fonte]O 23 de xaneiro creaches, dentro da túa páxina persoal, uns contidos relacionados coa escritora Sica Romero. Non hai nada mal niso porque ten xeito que fagas probas e ensaies na túa páxina persoal. Poderías facelo de maneira que quedase máis claro que son probas pero, mira, non é algo que me preocupe.
Eses contidos foron retirados o día 4 de febreiro, e publicados, ao mesmo tempo, e por outra usuaria, nun artigo. Ese artigo foi considerado promocional, e suprimiuse de maneira directa.
Ata aquí hai dous problemas que prefiro tratar á parte. Un é o do uso de múltiples usuarios, e outro é o dos contidos en si.
Múltiplos usuarios
[editar a fonte]Ao redor destes artigos detectamos a edición coordinada de distintos usuarios: Cartografíagalega, Lectoragalega, e Zoecarballo, ademais das IPs 90.166.134.119 e 90.166.156.100.
Un dos principios que rexen a Wikipedia é que non se deben usar personalidades múltiplas. A razón é que desde fóra parece que hai cinco persoas que están interesadas en facer estas edicións, e porén, quizá (só quizá) sexa só unha persoa. Iso crea unha imaxe irreal sobre a relevancia dos contidos (se moita xente traballa nun artigo "debe ser" que é importante para moita xente), e tamén dificulta a trazabilidade. Está algo mal visto facer iso. Se o fixeches, asumo que sen dúbida foi sen querer. Se non o fixeches, pois nada, desculpa.
Por que pode pasar iso? Sobre todo, porque esquezamos os contrasinais. Ou porque pensemos que tanto ten. Como saímos desta? Non te preocupes: se es ti a persoa que controla os tres perfís, só tes que dicilo publicamente e, a partir de agora, usar só un.
Unha das cousas que me levan a pensar que es a mesma persoa usando tres usuarias distintas (podo estar errado) son as edicións nas túas páxinas de usuario. Na nosa páxina de usuario só podemos actualizar cousas nós. Que entren outros a tocar nada é interpretado automaticamente como vandalismo e revértense as edicións ipso facto. :) Ten lóxica que sexa así; pensa que na túa páxina só debes mandar ti; ti decides qué sae nela e como, con poucas limitacións. É a única parte da Wikipedia que é contido "privado", e por iso somos moi coidadosos que non haxa mala xente facendo aduanadas nas páxinas dos demais.
Os contidos
[editar a fonte]Non sei xa cantas veces falei disto :) así que non te preocupes: hai moita xente que non sabe isto que vou dicir agora, e é frecuente este tipo de correccións. Básicamente: se Putin vise que na Galipedia falta a páxina sobre el e decidise creala, sería borrada inmediatamente. Independentemente de que a Galipedia deba ter unha páxina sobre Putin, o único criterio é que non pode escribila el (nin a filla, nin o secretario, nin a paisana de prensa do goberno ruso, etc.). É un principio de imparcialidade fundamental.
Eu non sei se ti es Sica Romero, pero a teor das informacións publicadas no artigo hai xente que pensou que si, e por iso borrou o artigo directamente. Quizais non foi o procedemento de borrado máis adecuado, pero en todo caso o problema de base, e que de calquera xeito pode levar ao borrado, está aí: pareces ti escribidno sobre ti mesma. Razóns que levan a que pensemos isto? Pois que estas usuarias só actualizaron cousas nese artigo, e non en ningún outro; que algúns dos contidos son bastante persoais (como as fotos) e parece que só unha persoa moi, moi achegada pode ter acceso a eles; o ton de redacción, quizais non demasiado neutro; a ausencia de fontes e referencias. Tamén é algo que fai moita xente :)
Crear de segundas un artigo que xa foi borrado, ademais, non está moi ben visto. Pode ben ser que se faga coa mellor intención, incluso con toda a razón do mundo, pero pídoche que entendas que facer iso sen explicalo moito (si que vin unha frase de explicación, pero quizais non moi concluínte) pode que encabuxe a algún encabuxable.
En todo caso, só quería explicar por que pasou o que pasou. Agora cóntoche qué amaño se lle pode dar.
Que vou facer agora?
[editar a fonte]- Vou reducir o artigo moito, e vouno deixar onde está. Vou quitar os avisos de atención.
- Vou abrir unha proposta de borrado. Ao igual que creo que non se debeu borrar rapidamente, tamén creo que é posible que a comunidade entenda que é ben borralo igualmente. Pásate pola votación cando a cree, e opina, se o ves axeitado.
- Vou mandarlle aviso ás contas de Lectoragalega e Zoecarballo, para que esteamos todos na mesma páxina.
Estou aquí para axudar. Estou seguro de que todo o fixeches por ben, e desculpa se sentiches que che dábamos un calambrazo. Non foi a nosa intención. Pregunta todas as dúbidas que teñas. Faino na miña páxina de conversa, ou se o fas nesta, cítame para que me decate de que falas comigo. :)
E máis nada. Desculpas de novo. Xabier Cid Talk 2 me, please 4 de febreiro de 2023 ás 21:11 (UTC)
- Boas tardes, Xabier!
- Xa pasei a ver o fío da conversa xerado na páxina (Sica Romero) que escribín onte. Antes de nada, descúlpome pola actuación pouco acertada. É a primeira vez que fago isto (xa sei que se nota), e estou a aprender sobre os meu erros. A miña intención era a de introducir na Galipedia información de relevancia sobre unha serie de persoas novas (escritores como Sica Romero, Brais Lamela ou Nuria Vilán, e actrices como Mariña Sampedro), que inda tendo unha traxectoria curta, baixo o meu criterio están a facer ou fixeron achegas importantes á nosa cultura.
- En primeiro lugar, grazas pola explicación e o ton de comprensión que mostras no debate. Se elaborei a mesma entrada dende diferentes contas foi por total descoñecemento do que estaba a facer (repito, que é a primeira vez) e no momento en que o primeiro artigo me foi mal, decidín borrar (ou iso pensei eu que facía) e comezar dende unha nova conta. Síntoo, porque entendo (agora) que é aumentar o traballo das persoas que vos encargades de manter isto limpo e con sentido.
- Por outra banda, vexo que as contas non poden ser eliminadas, mais esta será a única que manterei activa.
- Por último, podo dicir que a información que acheguei sobre a autora provén de diversas fontes e entrevistas. Eu mesma asistín a un coloquio na Biblioteca de Galicia, "Elas teñen a palabra" no cal a autora deu información que eu puxen onte por escrito, e que entendo que non é de relevancia enciclopédica.
- Se saco azos, achegareime a dar a cara no debate sobre o borrado da páxina (non estou segura de se me podo meter aí).
- Graciñas. Zoecarballo (conversa) 5 de febreiro de 2023 ás 15:32 (UTC)
- @Xabier Cid Esquecera mencionar.
- Quería preguntar se existiría a posibilidade de desbotar a páxina creada de forma inmediata e crear dende esta mesma conta unha nova, sen os erros anteriormente cometidos que é o que parece realmente imperdonable para algúns membros. Zoecarballo (conversa) 5 de febreiro de 2023 ás 21:24 (UTC)
Ola, Zoecarballo, que tal estás? Fago primeiro un prólogo e logo vou punto por punto respondéndoche.
Primeiro de nada, grazas pola túa comprensión e paciencia. Non fixeches nada mal: trabucácheste, como nos trabucamos todos as primeiras veces (e máis adiante). O resto da comunidade, da que agora xa formas parte, deberiamos ser máis comprensivos, máis explicativos, máis abertos. Lamentablemente, o proceso repítese tantas veces no baleiro (sen respostas positivas) que imos perdendo amabilidade e paciencia... e non debería ser así. Pídoche desculpas por iso.
Sobre as contas que non vas usar: se ti as editas e pos unha mensaxe explicativa ao comezo, do tipo "esta conta de usuaria creeina por erro: agora que sei como se fai usarei só a conta principal Zoecarballo" ou aalgo así, sería xenial. Así se alguén mira os arquivos da páxina verá por que o fixeches.
Sobre as fontes: o principio básico das fontes que uses é que teñen que ser accesibles a calquera(*) e que non poden copiar textos ou imaxes que estean protexidos polo copyright (que son case todos). Se collemos información dun libro, temos que transformala, redactala distinta, coller os datos e desprendernos do texto... e citalo! ;). E se collemos dalgún material audiovisual, pois temos que poñer a cita tamén. E que pasa se sabes algo que se dixo, mesmo publicamente, pero que non está recollido en ningures... Ben, pois iso non se pode usar: non é verificable porque non é accesible. Outra cousa, lóxicamente, é que saibas que a autora é dunha parroquia concreta porque o escoitaches nunha conferencia... e despois busques en Google ese dato e que che apareza (dato que non che aparecería se non o soubeses por outras vías). Pero ten que haber unha fonte (escrita ou audiovisual) que sexa consultable. (*) Se unha determinada fonte é consultable, pero pouco accesible (imaxina, un postit escrito por Cunqueiro e gardado nos arquivos dun museo, só consultable cun permiso especial) poderías citalo (é difícil, pero é consultable); en calquera caso sería sempre mellor que esa memsa información fose citada a partir dunha fonte accesible.
Sobre o debate: está ben que participes e creo que o fixeches ben. Podes facelo de novo ou podes escoitar e agardar. Como ti queiras. O que non podes é participar na votación de momento. Ten lóxica que as persoas acabadas de chegar teñan un alcance limitado na toma de decisións. Pero é un prazo relativamente breve (non lembro de memoria canto) Se tes moito interese busco.
Sobre o teu plan: paréceme xenial que dediques esforzo a artigos de autores noveis. Para todo o que necesites tesme a min ou ao resto da comunidade; podemos ser un pouco ríspetos de entrada, pero se se pide axuda sempre hai palabras amables.
Sobre crear unha páxina de novo: non, :) unha vez que comezou o debate, debemos agardar. Se a conclusión do debate é suprimir o artigo, que espero que non, podes escribir outro sempre que non haxa os mesmos erros da primeira vez. En realidade, as razóns para borrar unha páxina sen que exista un debate previo antes son poucas e contadas. Pero como digo, ás veces estamos tan "emocionados" borrando lixos que mete a xente por divertirse que se nos escapa algo que non está perfecto, pero non é un lixo. Sinto que che tocase a ti.
E máis nada por hoxe :) Saúdos!--Xabier Cid Talk 2 me, please 5 de febreiro de 2023 ás 22:26 (UTC)