Saltar ao contido

Conversa:Reserva da biosfera Río Eo, Ozcos e Terras de Burón

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Oscos e Ozcos

[editar a fonte]

Ogaiago, acabo de ver o movemento deste artigo, e a pesares de que podida ser correcto, o problema é que non atopo referencias en galego para ese nome. Se busco en google "Reserva da biosfera Río Eo, Ozcos e Terras de Burón", literalmente, as únicas páxinas que aparecen son as dúas da Galipedia. Pola contra, se busco "Reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón", saen uns 1600 resultados. É dicir, parece que non hai referencias para a denominación que modificaches, polo tanto non se pode cambiar así o nome, xa que se non a Galipedia sería fonte primaria e iso vai en contra da política Wikipedia:A Wikipedia non é unha fonte primaria.

Polo tanto Ogaiago, se non hai referencias axeitadas para ese cambio, haberá que desfacelo. Se hai algún erro no nome, Oscos/Ozcos, e hai referencias para documentalo, o que se podería facer sería engadir unha nota ó comezo do artigo que explique ese problema. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 1 de setembro de 2020 ás 08:15 (UTC)[responder]

A maiores, no DOGA, a denominación oficial parece ser Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Saúdos, Elisardojm (conversa) 1 de setembro de 2020 ás 08:19 (UTC)[responder]
Ola Elisardojm! Grazas polo teu comentario e punto de vista. Comprendo perfectamente os argumentos que achegas en relación con que a Wikipedia non é unha fonte primaria e as dúbidas que presenta a muda de nome do artigo. A razón pola que a fixen é a seguinte.
O territorio asturiano e galegofalante de Ozcos ten un nome de seu en galego (Ozcos) que difire do castelán (Oscos), e que aínda non sendo ásturfalante tamén é o recoñecido pola Academia de la Llingua Asturiana. Isto pódese comprobar nas páxinas dos concellos que abrangue (Santalla de Ozcos, Vilanova de Ozcos e San Martín de Ozcos) así como as referencias que aboan esa ortografía. Sobre a súa etimoloxía, estudada por Menéndez Pidal e Dámaso Alonso entre outros, fálase nesta páxina: https://mas.lne.es/toponimia/index.php?leer=425&palabra=dco
Agora xa concretando no nome da Reserva da Biosfera en cuestión, hai que lembrar que esta está compartida polas comuninades autónomas de Galicia e Asturias, e que nesta última a única lingua oficial é o castelán, de aí que os nomes que aparecen por internet sexan un híbrido que inclúen a única forma oficial do topónimo (a castelá Oscos, por estar en Asturias) canda a sempre en galego "Terras" de Burón (pois están en Lugo): http://www.unesco.org/new/en/natural-sciences/environment/ecological-sciences/biosphere-reserves/europe-north-america/spain/rio-eo-oscos-y-terras-de-buron/ .
Tamén a Xunta de Galicia supoño que non pode empregar o nome en galego para unha zona que queda fóra da súa xurisdicción e que, efectivamente, ten como nome oficial 'Oscos'.
Con todo, a Galipedia é unha enciclopedia en galego que usa o vocabulario e toponimia galegos. Polo tanto, nin sequera estou baseando a escolla de 'Ozcos' con ceta na realidade de que este sexa un territorio historicamente galegofalante, senón no mero feito de ter un nome propio en galego, igual que A Rioxa, Estremadura, Castela-A Mancha, Cataluña, Londres, Nova York ou Xenebra, formas que encabezan os artigos da Galipedia sobre estes lugares non galegofalantes e que nunca imos atopar en fontes oficiais.
Polo tanto, coido que o nome do artigo debe seguir sendo "Reserva da biosfera Río Eo, Ozcos e Terras de Burón" polo mesmo motivo polo que na páxina en castelán sobre a mesma pon "Reserva de la biosfera Río Eo, Oscos y Tierras de Burón".
É certo que non hai fontes primarias nas que apareza o nome completo da reserva da biosfera en galego, pero si hai abondas fontes que sosteñen que Ozcos, e non Oscos, é a forma en galego para esta bisbarra.Ogaiago (conversa) 2 de setembro de 2020 ás 10:41 (UTC)[responder]
Ogaiago, entendo o que dis e para min é correcto, pero baseándonos na política da Galipedia non o é. A ver se outros usuarios dan a súa opinión e vemos como debemos facer. Polo momento pídoche que non modifiques outras cousas que poidan estar relacionadas co título deste artigo (se é que hai algo máis que modificar) mentres non se aclare o asunto. Saúdos, Elisardojm (conversa) 2 de setembro de 2020 ás 12:01 (UTC)[responder]
Por outra banda, ten en conta que os topónimos que comentas teñen cada un, ou deben ter, a súa referencia axeitada, cousa que non pasa co título do artigo tal e como está agora... Polo tanto eu inclínome por volver ó antigo título de "Oscos" e engadir unha nota explicativa dicindo que ese non é o nome correcto en galego desa zona. Saúdos, Elisardojm (conversa) 2 de setembro de 2020 ás 12:12 (UTC)[responder]
Coméntovos outra cuestión que creo que axuda. Unha "reserva da biosfera" é unha iniciativa do programa MaB da Unesco na que se crea unha entidade local (figura legal) que promove iniciativas sociais e de conservación dun territorio. Ademais do DOGa que comentaba Elisardo, os datos legais da entidade pódense ver aquí e a descrición da RB aquí (gl) e aquí(ast). Así que creo que neste caso cómpre que o título siga a política de nomes de entidades e sexa "Oscos". Deica! Mgl.branco (conversa) 2 de setembro de 2020 ás 21:11 (UTC)[responder]

Pois eu pensaba que en galego era Os Oscos… One2 (conversa) 2 de setembro de 2020 ás 18:17 (UTC)[responder]

Que o nome en galego é Ozcos entendo que xa está fóra do debate (https://www.lingua.gal/o-galego/proxectalo/areas-galegofalantes-fora-de-galicia). O que se discute é se se debe poñer a forma en castelán Oscos no nome deste artigo que alude a toda a reserva da biosfera. Creo que neste caso se lle está dando unha relevancia desproporcionada ao de "nome legal" ou "oficial", antepoñéndoo ao concepto de "nome en galego". Esta discusión non se ve noutros artigos semellantes cos seus títulos en perfecto galego. Coido que pedir unha referencia completa en galego do nome da Reserva é desproporcionado. Acaso é Deputación Foral de Biscaia o nome legal desa institución? Non parece haber problema ningún con que ese sexa o nome no artigo correspodende da Galipedia, dado que Biscaia é o nome galego para ese lugar. A tradución é inmediata, non sé esixen referencias a textos externos nos que apareza "Deputación Foral de Biscaia" nin deixa por iso de respectarse a Norma de que a Wikipedia non é unha fonte primaria. Tampouco hai na rede textos legais nos que se poida ler en galego Residencias da casa real de Savoia ou Cidade vella de Xerusalén e con todo, estes son os nomes dos artigos da Galipedia para estes lugares patrimonio da humanidade pola UNESCO porque está xa referenciado dabondo que en galego se di Savoia e Xerusalén. Ogaiago (conversa) 2 de setembro de 2020 ás 22:55 (UTC)[responder]

Ogaiago, hai unha referencia completa do nome en galego, está no DOGA..., máis que unha varias, porque no DOGA está varias veces... Que non nos convence, é certo, pero existe...
Mgl.branco, nas ligazóns que puxeches non está a páxina en galego, nin atopo que teña a opción de escoller esa lingua (nin tampouco asturiano), está ben ou mirei mal? Saúdos, Elisardojm (conversa) 2 de setembro de 2020 ás 23:19 (UTC)[responder]
@Elisardojm, foi un erro meu coas ligazóns. Déixovos aquí as páxinas en turismo.deputacionlugo.gal, memoria da proposta da biosfera ante a Unesco, e na sección 4.4 a lexislación que a regula. @Ogaiago, comentaba o de en termos legais porque falamos duna entidade cun órganos xestores públicos ou público-privados, cuns estatutos e rexistrado. Sen bibliografía onde se vexa que a RB o usa doutras maneiras, no título e introdución eu suxiro manter "Oscos" cando se fale da RB. Xa en canto o topónimo, non sei a lexislación en Asturies como é, pero si vexo que a Academia de la Llingua Asturiana e empregan "Samartín d’Ozco" mais que o Nomenclátor asturiano emprega "San Martín de Oscos". Mgl.branco (conversa) 3 de setembro de 2020 ás 09:10 (UTC)[responder]

O primeiro que cómpre deixar aclarado é que o nome en galego é Ozcos: https://issuu.com/carlosva/docs/repertorio_toponimico ; https://www.udc.es/export/sites/udc/snl/_galeria_down/documentospdf/Libro_Criterios_lingua.pdf_2063069294.pdf ; https://core.ac.uk/download/pdf/229316275.pdf ; https://www.lingua.gal/o-galego/proxectalo/areas-galegofalantes-fora-de-galicia .

En segundo lugar, entrando xa no nome da Reserva da Biosfera, Elisardojm di que xa temos o nome en galego, o que vén no DOG. Eu sosteño que non. O que vén no DOG é o nome legal ou oficial, pero non o nome en galego. O DOG é un boletín oficial e nel figuran nomes oficiais. Se en Asturias, onde están os Ozcos, a lingua oficial é o castelán, ese lugar chamarase oficialmente "Oscos" e será "Oscos" en todos os documentos oficiais onde se faga referencia a ese lugar. Do mesmo xeito, no BOE fálase sempre do "Puerto de A Coruña" (exemplo: https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-B-2014-27861 ), nunca de "La Coruña", porque o nome oficial é A Coruña e así aparecerá grafado en calquera documento oficial en España, independentemente da lingua na que estea redactado. Pero non por iso o nome en castelán deixa de ser "Puerto de La Coruña" ou en catalán "Port de la Corunya" como se pode ver nos respectivos artigos da wikipedia en castelán e catalán.

En relación co feito de ser a Reserva da Biosfera que nos ocupa unha "entidade con órganos xestores públicos ou público-privados, cuns estatutos e rexistrado" como comenta Mgl.branco, remítome a política de nomes de entidades, na que se pode ler que "As institucións públicas ou semipúblicas adoitan traducirse". Sen ir máis lonxe, nun caso case idéntico como o do Parque Nacional do Arquipélago de Cabrera, o artigo en galego deste parque nacional recolle a forma galega "arquipélago", sen prexuízo de que o nome legal no BOE non sexa ese: https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-1991-10513 .

Estou lendo as ligazóns que achega Mgl.branco. Na memoria da proposta á UNESCO, en castelán, lese "Reserva de la Biosfera Río Eo, Oscos y Terras de Burón", cun "terras" alleo ao castelán e que evidentemente non aparece no nome do artigo respectivo no artigo en castelán desta RB, senón Tierras. E xa para rematar, case que como anécdota, pero para poñer de manifesto os extremos aos que pode chegar este purismo oficialista anti adaptación dos nomes, remítome á ligazón a lexislación que a regula. Nela lemos no punto 4.2 "Area de Allariz". En ningunha outra parte do documento na que se fale dela aparece Área con acento. E supoño que a ninguén se lle ocorre "corrixir" o artigo Reserva da biosfera Área de Allariz para que figure coa grafía "oficial" sen acento. Ogaiago (conversa) 3 de setembro de 2020 ás 11:09 (UTC)[responder]

Vale Ogaiago, despois de darlle máis voltas penso que tes razón, xa que a denominación do lugar xa se indicou que é Ozcos en galego, o título ten que levar ese termo igual que pasa con outros artigos. O que si habería que facer é indicalo no propio artigo dalgún xeito, con algo como: ", oficialmente X," e a referencia do DOG, e engadindo no título unha nota indicando que se usa o termo Ozcos, e non Oscos como na denominación oficial, xa que é a denominación en galego do lugar, e engadindo a referencia do Portal da Lingua Galega. Mgl.branco, que che parece? Saúdos, Elisardojm (conversa) 4 de setembro de 2020 ás 11:53 (UTC)[responder]
Boas, Ogaiago e Elisardojm. Estivera con dúbidas revisando a cuestión dos topónimos oficiais pero co libro de Varela Aenlle vexo que si que está fundamentado "Ozcos", grazas. Sobre da RB, sigo opinando o mesmo (os nomes oficiais son "Río Eo, Oscos y Terras de Burón" (cast) e (Río Eo, Oscos e Terras de Burón) (gal)). Mais, se o vedes mellor do outro xeito, adiante, mantemos "Ozcos". Iso si, como non somos unha fonte primaria, prego indicar claramente cal é a denominación oficial da RB e suxiro incluír referencias de "Ozcos", moi en especial aquelas nas que se vexan os concellos ou entidades involucradas usándoo para actividades organizadas pola RB, para promovelas, folletos informativos nos que apareza etc. Notas. a) o "area de Allariz" é só un erro nesa web dese departamento da USC (vd.web oficial). b) a lingua do texto é normalmente o requirido pola comisión avaliadora da UNESCO, por iso en castelán, e c) na política de nomes dicimos que nas organizacións internacionais se traduce canso se "emprega decotío", pero neste caso a RB é de recente creación e non sei de textos que usen o topónimo a tal e como se corrixiu no 2014. Adiante mellorando a páxina ;) Mgl.branco (conversa) 5 de setembro de 2020 ás 14:56 (UTC)[responder]

Polo que vexo, o resto de reservas da biosfera, sitios patrimonio da humanidade, parques nacionais, etc. na Wikipedia non acoden a referencias externas ou notas aclaratorias para xustificar o seu nome en galego cando difire do local. Ao fin e ao cabo, como intentei explicar, non ten nada de extraordinario que nos documentos oficiais se use "Oscos" e na Galipedia "Ozcos". De todas as formas, creo que o concepto de nome oficial ou denominación oficial non é moi acaído nestes casos. Xa vemos que hai bastante disparidade entre terras/tierras e combinacións variadas entre castelán e galego como para poder remitir a una tal 'forma oficial', como si existe cos topónimos. Polo tanto, eu son partidario de deixalo como está, pero se credes que lles falta algún comentario máis, adiante coas mudanzas que achedes oportunas. Ogaiago (conversa) 6 de setembro de 2020 ás 02:14 (UTC)[responder]

Ogaiago e Mgl.branco, engadín o nome oficial no comezo do artigo e unha nota aclaratoria indicando que o topónimo en galego é Ozcos, botádelle un ollo cando poidades para ver se queda claro. Saúdos, Elisardojm (conversa) 9 de setembro de 2020 ás 10:45 (UTC)[responder]
Por min está OK. Grazas, Elisardojm! Ogaiago (conversa) 9 de setembro de 2020 ás 10:55 (UTC)[responder]
Xenial! Saúdos! Mgl.branco (conversa) 11 de setembro de 2020 ás 22:00 (UTC)[responder]