Conversa:Cotobelo
Nova secciónNome da páxina
[editar a fonte]Acabo de incluír no artigo o capítulo titulado Sinonimia sobre este termo e os seus sinónimos segundo a definición do DRAG de abril de 2026 e de facer algunhas correccións. Propoño cambiar o nome da páxina a cotelo (anatomía). O nome elixido, cotobelo, ten tamén como sinónimo cóbado, o cal é, como mínimo, ambiguo e por iso pouco apropiado para o seu uso como termo científico anatómico. O mesmo ocorre con nocello e case todos os outros termos mencionados como sinónimos. Os únicos nomes que teñen unha única acepción referida aos vultos das articulacións falánxicas dos dedos (segundo o DRAG 2026) son cotelo e noelo. Deses dous, creo que o máis usado é cotelo, por iso propoño ese como nome. O problema é que existe a páxina de homónimos cotelo sobre nomes toponímicos (á cal eu engadín un paragrafo inicial sobre o seu significado anatómico), razón pola cal habería que poñerlle algo entre parénteses, por iso propoño cotelo (anatomía).
Na definición que se dá no artigo de cotobelo dise que poden ser os vultos de dedos e dedas, pero no DRAG só se di "dedos". Non sei se se refire o DRAG a dedos das mans exclusivamente (iso é o que parece) ou a dedos en xeral (dedos e dedas). Eu creo que debería referirse só aos dos dedos da mans e habería que poñelo no artigo, tal como se ve na foto do artigo.
En xeral, hai que ter moito coidado cos termos ambiguos. Por exemplo, mofo pode significar balor (fungo) ou musgo (planta), o cal o fai inútil como termo científico e algunha desfeita ten xerado en libros de texto escolares. Isto hai que telo en conta á hora de elixir os nomes de páxinas. Eu titularía unha páxina balor e non mofo e outra páxina titularíaa musgo e non mofo e se se quere facer a páxina mofo, non sería como páxina de botánica senón como páxina de palabras da lingua galega e os seus significados ou de homónimos. Do termo mofo falaríase dentro dos artigos balor e musgo indicando a sinonimia que ten e poñeríanse as redireccións mofo (fungo) e mofo (musgo) ás páxinas respectivas. Por iso a elección de cotobelo non me parece o mellor que se puido facer. E tornecelo sería mellor que nocello.Miguelferig (conversa) 18 de abril de 2026 ás 23:13 (UTC)