Convento de San Martiño de Pantón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fachada principal do convento.

O convento de San Martiño de Pantón, tamén chamado da Purificación da Sagrada Virxe María, é un edificio relixioso situado na parroquia de Pantón, no concello do mesmo nome. Atópase ó carón da igrexa parroquial.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1569 o párroco de Santa María de Río, Alfonso Ares legou no seu testamento a casa patrucial, chamada de Ferreirós, sita en San Martiño de Pantón, con tódolos mobles e inmobles dos que era ou puidese ser dono, para edificar un convento que sirva de acougo e albergue a relixiosos da orde de San Domingos. O seu propósito de formar un convento foi informado favorablemente polas xerarquías diocesana e dominica, e presentouse ó Capítulo Provincial, celebrado en Valladolid o 7 de maio de 1569. Alí os capitulares ordenaron a súa execución, é dicir axuntalos relixiosos precisos e mandalos a Pantón. Contaba co número mínimo de relixiosos esixido polas constitucións dominicas: doce freires e un prior.[1].

Nun principio o seu que facer estaría centrado primordialmente en levantala casa ou adecentela vella, e en atender a parroquia. Organizarían misións e quizais abriran estudo de Gramática e de Artes.

O convento tiña categoría de vicariado; logo ó final, acadou o de priorado. Algúns dos vicarios foron frei Pedro Fernández (1603), frei Nicolao de Avedaño (1605), frei Pedro Díaz (1611-1613), frei Xoán de Huerta (1617) e frei Xusto de Oviedo (último vicario do convento).

A estadía dos dominicos en Pantón foi breve. A partir de 1617 comezan a xestionar o traslado a Monforte de Lemos, o que encaixaba moi ben cos afáns expansionistas da orde dominica. A razón principal para o traslado sería por motivos económicos ó ser as súas posesións máis ben limitadas. De xestionar o cambio encargouse o prior frei Xusto de Oviedo, que viaxou a Roma para acadar o permiso de abandono de Pantón e fixación da comunidade en Monforte de Lemos, o que obtivo mediante a bula do papa Gregorio XV o 12 de marzo de 1621.

O priorado quedou convertido nunha simple reitoral. Nela viviu un frade dominico como encargado da parroquia e da administración dos bens, agora de San Xacinto de Monforte de Lemos.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Frei Juan López: Historia de Santo Domingo y su orden
  2. Rielo Carballo, Isaac (2000). Pantón, historia e fidalguía. Compostela. ISBN 84-8064-095-2.