Saltar ao contido

Contador Geiger

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un contador Geiger-Müller de tipo banco en "dúas pezas", que utiliza un detector cilíndrico de ventá frontal conectado a un módulo electrónico con lectura analóxica.

O contador Geiger, tamén coñecido como detector Geiger ou contador Geiger-Müller, é un dos primeiros e máis simples instrumentos electrónicos capaces de detectar e medir radiación ionizante. A detección desta radiación realízase mediante o efecto de ionización producido nun tubo Geiger-Müller, que lle da nome a este detector de partículas.

Contador Geiger en calma.
Son de alerta do contador Geiger.

É usado en ámbitos como a protección radiolóxica, a física experimental, a industria nuclear e a dosimetría radioactiva. É un instrumento particularmente célebre debido aoseu extenso uso como instrumento portátil para medir radiación, xa que debido á súa sinxeleza é moi barato de producir. Debido a isto, tamén se ten chamado coloquialemente a todo tipo de dosímetro como “contador Geiger”, aínda que este non sexa exactamente un dosímetro.

Aínda que xa apenas se emprega como detector na investigación punteira de física de partículas debido á súa simpleza, a súa invención a inicios do século XX supuxo un salto cualitativo na detección de partículas. Dende entón iniciouse unha carreira para desenvolver novos e mellores detectores de partículas que chega ata a actualidade, dando como resultado grandes hitos tecnolóxicos como os colosais detectores do CERN.

Contador de partículas de Rutherford e Geiger (1908). As partículas alfa procedentes dunha fonte no tubo de disparo (firing tube) permitíanse pasar a través da abertura "D" cara ao recipiente de detección, que era un tubo de latón con un fío coaxial central "B" a un potencial relativo de 1320 voltios de corrente continua. A abertura tiña unha ventá de mica para que o recipiente de detección puidese funcionar a unha presión absoluta de 2-5 mm de mercurio. Estas condicións permitían a creación dunha descarga de Townsend para cada partícula alfa que entraba no recipiente. A taxas de conteo moi baixas, estas rexistrábanse como "impulsos" (kicks) na agulla dun electrómetro.[1]

Hans Wilhelm Geiger estudou física e matemáticas na Universidade Friedrich-Alexanders de Erlangen, Baviera. O 23 de xullo de 1906 expuxo a súa tese de doutoramento nesta mesma universidade sobre o estudo de descargas eléctricas a través de gases.[2][3]

Pouco tempo despois recibiu unha bolsa de investigación da Victoria University of Manchester (actual Universidade de Manchester) e comezou a traballar como asistente de Arthur Schuster. En 1907 Schuster xubilouse, e Geiger comezou a traballar co seu sucesor, Ernest Rutherford. Un ano despois, Geiger e Ernest Marsden realizaron baixo a dirección de Rutherford o famoso experimento da lámina de ouro. Aínda que este experimento é coñecido por permitir a Rutherford presentar un novo modelo atómico, que lle levou a gañar o Premio Nobel de Química de 1908, durante o seu desenvolvemento tiveron que deseñar un detector primitivo de partículas alfa.[1]

Ernest Rutherford (á dereita) e Hans Geiger no laboratorio de física da Universidade de Manchester (arredor de 1912).[4]

Durante os anos seguintes seguiron refinando este experimento, e en 1913 Geiger presentou unha versión mellorada do detector que deseñara con Rutherford, que permitía detectar partículas alfa e beta.[5] Este aparello sería o prototipo do contador Geiger moderno e era coñecido como o “contador de punta” (Spitzenzähler).[6] O funcionamento destes detectores de partículas baseábase na avalancha de Townsend, un fenómeno descuberto e estudado por John Sealy Townsend entre 1897 e 1901, que consistía na ionización de moléculas gaseosas debido a impactos con ións.[7]

En 1914 Geiger volveu a Alemaña para proseguir as súas investigacións en radiación no Instituto Nacional Alemán de Ciencia e Tecnoloxía de Berlín. Non obstante, o inicio da Primeira Guerra Mundial obligouno a alistarse no exército como oficial de artillería. Tras a fin da guerra, Geiger retornou á vida académica, atopando postos primeiro na Universidade de Kiel e logo na Universidade de Tübingen, ata finalmente acadar unha cátedra de física na Technische Hochschule de Berlín en 1936.[8]

Despois da guerra Geiger comezou a utilizar o seu “contador de punta” para realizar novos experimentos. Foi especialmente relevante o experimento Bothe-Geiger, realizado entre 1924 e 1925, no que empregou este aparello para confirmar o efecto Compton e de paso a existencia dos cuantos de luz, o que permitiu que Arthur Compton recibise o Premio Nobel de Física en 1927.[3][8]

Tubo Geiger-Müller primitivo fabricado en 1932 por Hans Geiger para uso de laboratorio

Foi durante a súa estadía en Kiel en 1928 cando Geiger e un dos seus estudantes de doutoramento, Walther Müller, colaboraron para mellorar o contador Geiger orixinal, aumentando a súa eficiencia, sensibilidade á radiación, durabilidade e portabilidade.[6][8][9][10][11][12] Este aparello non só podía detectar mellor a radiación alfa e beta, senón que tamén a radiación gamma. Conseguiron crear un instrumento práctico para medir radiación que podía ser fabricado de forma relativamente barata. ademais, o sinal eléctrico de saída do tubo requería relativamente pouco procesamento electrónico. Na era das válvulas de baleiro supoñía unha clara vantaxe pola simpleza do mecanismo de conteo e o baixo consumo enerxético do dispositivo. Todos estes factores contribuíron á popularidade deste aparello como detector de radiación portátil.

Durante o resto da súa vida Geiger continuou empregando este aparello, e con el foi quen de descubrir os raios cósmicos, pero non seguiu mellorando o dispositivo.[8] Foi en 1947 cando Sidney H. Liebson desenvolveu o contador Geiger moderno, que emprega gases halóxenos de quench no interior do tubo de Geiger-Müller.[13] Isto permitiu aumentar a durabilidade do aparello e reducir a voltaxe de traballo.

Descrición e funcionamento

[editar | editar a fonte]

Un contador Geiger consta principalmente de dous compoñentes: un tubo Geiger-Müller, o elemento sensible que detecta a radiación, e un sistema electrónico que procesa o sinal que sae do tubo, mostrando a medida. Este sistema electrónico non é especialmente complexo e a súa función non presenta complexidade dende o punto de vista da física do detector, polo que se estudará principalmente o deseño e funcionamento do tubo Geiger-Müller.

Esquema dun contador Geiger con tubo do tipo "ventá final" para radiacións pouco penetrantes. Emprégase un altofalante como indicador.

De forma xenérica, esta compoñente do dispositivo consiste nun tubo atravesado por un fío central que contén un gas, normalmente nobre. Nunha das bases do cilindro hai unha pequena abertura pola que entrará a radiación do medio. Tanto o tubo como o fío son metálicos, e estarán conectados a unha fonte de voltaxe. Cando o contador é acendido, aplicarase unha alta diferenza de potencial entre a parede interior do tubo, que actuará como cátodo (polo negativo), e o fío central, que actuará como ánodo (polo positivo). Deste xeito formarase un campo eléctrico moi forte dende o fío central cara o parede do tubo.

Visualización da propagación das avalanchas de Townsend mediante fotóns UV. Este mecanismo permite que un único evento ionizante ionice todo o gas que rodea o ánodo ao desencadear múltiples avalanchas

O funcionamento do tubo de Geiger-Müller baséase no principio de amplificación da ionización causada por partículas cargadas nun medio gaseoso. Cando unha partícula ionizante entra pola abertura do cilindro, ioniza os átomos do gas, é dicir, arráncalles electróns. O campo eléctrico produce unha forza eléctrica que acelera ás partículas cargadas dentro do tubo. Os electróns veranse atraídos polo fío central, mentres que os ións se dirixirán cara a parede interior do tubo. En función da intensidade do campo, os electróns poderán acadar a enerxía suficiente como para ionizar outros átomos durante o seu traxecto cara o fío. É dicir, que a partir de certo voltaxe aplicado aotubo, os electróns liberados pola radiación poden ionizar outros átomos, creando unha reacción en cadea coñecida como avalancha de Townsend. Pola súa parte, os ións que se dirixen ao cátodo neutralízanse ao combinarse cos electróns do material.[14.1]

Polo tanto, se a voltaxe é suficiente, toda partícula ionizante producirá unha avalancha de electróns que saturará o detector. Cando esta avalancha chega aofío, xera un pulso eléctrico de magnitude constante (idealmente, no sistema real existen factores que alteran isto), independentemente do tipo de partícula que entrou no tubo e da súa enerxía. Entón é cando a electrónica do dispositivo mide estes sinais, contabilizando así as partículas que entran dentro do detector.[14.1]

Isto influencia de forma notable a lectura das medidas que fai o aparello. O que o contador Geiger contabiliza é o número de eventos ionizantes detectados, e polo tanto as medidas serán taxas de conteo. É dicir, ofrece o número de contas que fai nun certo espazo de tempo. Xeralmente as unidades da medida son contas por segundo ou contas por minuto. Máis difícil de conseguir é que mostre a dosis de radiación que está recibindo, especialmente importante cando se traballa con radiación moi enerxética, como a radiación gamma. Os contadores Geiger poden detectar radiación, pero non a súa enerxía. Por este motivo deseñáronse tubos Geiger-Müller con compensación de enerxía, onde a dose medida polo aparello está directamente relacionada co número de contas medidas.

Aínda que o funcionamento básico do detector é sinxelo de entender, cando se observan os detalles destes fenómenos pódense descubrir algúns problemas que hai que ter en conta para facer unha boa medida. A resolución destes problemas foi o que mellorou a efectividade deste aparello aolongo da historia. A continuación poderanse ver as cuestións máis importantes a estudar deste aparello.

Curva característica

[editar | editar a fonte]

A diferenza de potencial do detector debe elixirse de xeito que o campo eléctrico creado sexa suficiente como para que as partículas ionizantes xeren avalanchas de Townsend, pero non tanto como para xerar unha descarga continua de electróns.

Na práctica, a elección desta voltaxe de traballo realízase tras estudar a curva característica de resposta do detector. Para trazar esta curva trabállase cunha fonte de radiación que xera eventos a un ritmo constante dentro do tubo. Pódese usar unha fonte radioactiva coñecida ou a radiación de fondo. Entón comézase a medir a taxa de conteo mentres a voltaxe aplicada aotubo se vai aumentando dende un valor inicial baixo.

Curva característica de resposta dun tubo Geiger-Müller ante unha radiación constante fronte á variación da voltaxe do tubo

Ao representar estas medicións pódese comprobar como o tubo non detecta absolutamente nada para voltaxes baixas, ata que a partir dunha voltaxe inicial se comezan a contar eventos dentro do aparello. Entón, a taxa de conteo crece moi rapidamente e chega a un valor máximo que se mantén aproximadamente constante. Esta rexión é coñecida como a meseta do contador Geiger, e en principio calquera voltaxe dentro desta meseta sería unha voltaxe de traballo adecuada. Se se segue aumentando a diferenza de potencial, chegarase a un punto no que a meseta remata e a taxa de conteo volve a incrementarse rapidamente. Isto débese a que dentro do tubo se comezaron a producir descargas continuas de electróns.[14.2]

Este fenómeno ocorre cando o campo eléctrico é tan forte que as avalanchas se volven masivas. Tanto os electróns como os ións teñen tanta enerxía que arrancan electróns non só do gas, senón tamén do propio metal, sen que o gas de quenching poida mitigar o proceso. Xérase un plasma dentro do tubo que comeza a conducir corrente ininterrompidamente, haxa ou non radiación presente. Por iso cando se observa este fin da meseta debe reducirse inmediatamente a voltaxe aplicada, xa que este fenómeno é potencialmente prexudicial para o aparello se ocorre durante o suficiente tempo.[14.2]

Esta meseta non é perfectamente plana, senón que presenta unha lixeira pendente. Esta pendente pode deberse a varios motivos. Por un lado, preto dos extremos e esquinas do tubo os efectos de bordo fan aocampo eléctrico relativamente débil. Por iso aquí moitos ións e electróns recombinánse antes de xerar unha descarga, e as poucas que se producen non superan o limiar de conteo do aparello. Conforme se aumenta a voltaxe, máis descargas se producen nestas rexións e a taxa de conteo aumenta. Por outro lado, despois de cada descarga o tubo precisa un tempo de recuperación para volver aoseu estado inicial. Se unha partícula entra no tubo nese intervalo, o pulso que xera será anormalmente baixo e non se contará. Ao aumentar a voltaxe, algúns destes pulsos superan o limiar de conteo e aumentan a taxa. Outra razón é a perda de efectividade do quenching cando se aumenta o campo, o que xera máis descargas secundarias producidas polos ións gaseosos.[14.2]

Para traballar con este dispositivo debe elixirse un valor dentro da meseta da curva. Idealmente daría igual a voltaxe escollida para traballar, pero esta pendente e os fenómenos subxacentes condicionan a elección. Se se precisa tomar a maior cantidade posible de medidas en pouco tempo, entón débese traballar cunha voltaxe máis achegada á zona de descarga continua, xa que se poderan contabilizar máis fenómenos en menos tempo. Se se quere garantir unha longa vida útil do aparello, débese traballar cunha voltaxe no comezo da meseta. Deste xeito conséguese unha boa estabilidade de conteo e consúmese menos gas de quenching.

Tempo morto

[editar | editar a fonte]

Neste detector e en calquera outro debe haber un tempo mínimo que debe separar dous eventos para poder recoñecelos como dous pulsos separados. Nalgúns casos este tempo débese a procesos dentro do propio detector, como neste caso, e noutros este límite xorde da electrónica asociada aoaparello. Esta separación de tempo mínima entre dúas contas denomínase tempo morto do detector (τ).[14.3]

Debido á natureza aleatoria dos decaementos radioactivos, sempre hai certa probabilidade de que non se contabilice unha partícula que entra no tubo por facelo pouco tempo despois da súa predecesora. Estas perdas por tempo morto pódense volver bastante graves cando se traballa con fontes que emiten moita radiación, e por iso deben corrixirse as medidas para ter en conta esta perda.[14.3]

Tempo morto e tempo de recuperación nun tubo Geiger–Müller. O tubo non pode producir máis impulsos durante o tempo morto, e só produce impulsos de menor amplitude ata que transcorra o tempo de recuperación

Existen dous modelos do comportamento do tempo morto en sistemas de conteo: o paralizable e o non paralizable. A diferenza entre ambos modelos radica na forma en que reacciona o detector ante unha partícula que chega mentres está procesando unha lectura anterior. No modelo non paralizable o aparello ignora por completo a chegada da nova partícula e tarda un tempo (τ) constante en volver a detectar algo tras rexistrar o primeiro pulso. No modelo paralizable, a chegada desta nova partícula tampouco se rexistra, pero a súa enerxía reinicia o “reloxo” do tempo morto, e polo tanto o sistema tardará en volver poder medir un tempo τ dende que chegou a segunda partícula. Se a incidencia de partículas é moi alta, os detectores deste tipo deixan de rexistrar novos eventos e “paralízanse”.[14.3]

Nun contador Geiger, durante as avalanchas de Townsend os electróns que se moven cara o ánodo e a nube de ións positivos que se dirixe ao cátodo crean un campo eléctrico que anula aocampo do aparello. Isto frena o proceso e imposibilita máis avalanchas ata que estas partículas cheguen ós seus obxectivos. O curto tempo no que sucede isto é o que se chama tempo morto, e por iso este detector é non paralizable.[14.3]

Antes de traballar cun contador Geiger debe medirse o tempo morto do aparello concreto. Para facelo existen distintos métodos, como o método das dúas fontes. Tras obter o seu valor, os datos das medidas posteriores deben corrixirse seguindo a ecuación para modelos non paralizables:n=m1−mτOnde n é a taxa de conteo real e m a taxa de conteo medida.[14.3]

Eficiencia

[editar | editar a fonte]
Esquema xeométrico do ángulo sólido subtendido por unha superficie fronte a unha fonte puntual de radiación

A eficiencia dun detector representa a probabilidade de éxito de detectar unha determinada radiación, e vai depender do detector, do tipo de radiación que se quere detectar e da disposición do experimento. En xeral, denomínase eficiencia total (ϵT) á porcentaxe de partículas que son detectadas de entre todas as que realmente entraron no dispositivo. Esta magnitude exprésase como o produto de dúas eficiencias: a intrínseca (ϵI), que indica a probabilidade de que unha radiación sexa detectada cando esta xa entrou dentro do detector; e a xeométrica (ϵT), que indica a probabilidade de que a radiación emitida pola fonte alcance o detector:[14.4]ϵT=ϵI⋅ϵXA eficiencia total é relativamente sinxela de calcular. Basta con expoñer o aparello a unha fonte de radiación e comparar a taxa de conteo obtida coa actividade teórica da fonte (que se coñece con moita exactitude). Pola súa parte, a eficiencia xeométrica será unha función matemática que estima a fracción de partículas ou radiación emitidas isótropamente pola fonte  que entran no ángulo sólido subtendido pola ventá ou abertura do detector. Para calculala supóñense habitualmente dous modelos distintos. O máis realista baséase en que a fonte puntual está situada no eixo da abertura do Geiger a unha distancia d, sendo r o radio da abertura. A ecuación sería:ϵX=12⋅(1−11+(rd)2)Se a distancia d é moito maior que o radio r, a ecuación pode simplificarse e obtense o modelo de fonte afastada:ϵX=14⋅(rd)2O modelo usado debe elixirse de modo que represente fielmente o experimento. Se a fonte é moi grande respecto a abertura (non é puntual) ou non emite radiación isótropamente, entón estes modelos non serían válidos, porque parten de supostos distintos. De todos xeitos, resulta obvio que esta magnitude depende sobre todo da distancia á que está a fonte do detector.

Por último, a eficiencia intrínseca depende principalmente do material do detector, da enerxía da radiación e da lonxitude do detector na dirección en que indique a radiación. Tamén permanece unha pequena dependenza coa distancia, pero é relativamente pequena.[14.4] A diferenza das outras dúas, esta magnitude non se pode calcular directamente, xa que depende das características físicas do obxecto co que se traballe. Normalmente adóitase calcular as outras dúas eficiencias e deducir esta última delas.

Igual que no caso do tempo morto, o coñecemento das eficiencias do aparello permite corrixir as medidas no caso de medir radiacións ou partículas que o detector non percibe ben. No caso do contador Geiger, unha partícula cargada, como as alfa ou beta, forma suficientes pares de ións durante a súa traxetoria para asegurar que o pulso xerado sexa contabilizado. Neste caso o aparello detecta a gran maioría da radiación que entra. Pero tamén se pode querer usar para estudar radiación gamma ou neutróns, e estas partículas interaccionan moito menos cos átomos do gas e non todas xeran pulsos suficcientemente grandes como para ser contabilizados. É dicir, que o detector conta menos partículas das que entraron. Nestes casos, coñecer a eficiencia intrínseca do detector permitiría corrixir a medida e estimar o número de partículas reais que entraron nel.

Nótese, ademais, que existen outros fenómenos que afectan á nosa estimación da eficiencia e que son máis difíciles de caracterizar:

  • Non toda partícula ionizante que incide sobre a ventá a atravesa. En particular, as partículas alfa poden ser paradas pola propia ventá do detector o polo aire se a distancia é demasiado grande. O mesmo pode ocorrer con parte da radiación beta de moi baixa enerxía.
  • Do mesmo xeito, o encapsulado da fonte pode modificar de forma considerable o conteo observado, amplificando o número de partículas nunha determinada dirección por fenómenos de retrodispersión.

Antes de empregar un detector débese realizar un estudo exhaustivo de todos estes factores, sobre todo para decatarse de cales inflúen de forma notable nas medidas e poder correxilas adecuadamente.

Quenching

[editar | editar a fonte]

O quenching, ou extinción en galego, é o proceso que se emprega nos contadores Geiger-Müller para evitar que o detector produza pulsos falsos de forma continua despois de detectar unha única partícula de radiación.[14.5]

Recordando o funcionamento do detector, cando a radiación entrante ioniza os átomos do gas contido no tubo, prodúcense dúas nubes de ións: electróns que se dirixen aofío central e catións que se dirixen cara a parede interior do aparello. Estes ións neutralízanse aocombinarse cos electróns do material. Non obstante, se a enerxía liberada nesta combinación é suficientemente alta, pódese liberar un electrón adicional que sería atraído polo ánodo, xerando unha nova avalancha e un pulso falso. Se este ciclo se repetira continuamente, o detector produciría un sinal continuo e sería inservible.[14.5]

Para prever esta situación empléase o quenching, que pode ser de dous tipos: externo ou interno. O quenching externo consiste en reducir electrónicamente a alta voltaxe do tubo xusto despois de cada pulso, de modo que durante o tempo de recuperación non pode acelerar estes electróns secundarios e producir pulsos falsos.[14.5]

O quenching interno consiste en engadir unha pequena cantidade doutro gas no tubo, chamado gas de quenching, que ten unha enerxía de ionización menor. Se a súa concentración é suficiente, os ións do gas noble ionizarán os átomos deste gas mentres van cara a parede. Neste proceso transfírenlle a carga positiva aogas de quench e é este quen chega á parede do tubo. Ao colidir co cátodo, estes ións neutralízanse sen emitir un electrón adicional, interrompendo así as avalanchas secundarias. Adóitase empregar gases halóxenos como gas de quench, pero tamén poden ser outros gases orgánicos.[14.5]

Limitacións

[editar | editar a fonte]

Aínda que xa se mencionaron algunhas limitacións do detector e as correccións que se realizan para mellorar as medidas, cómpre resaltar a súa limitación principal, que se deriva do seu deseño e obxectivo de medición.

Debido a que o sinal producido polo tubo Geiger-Müller é aproximadamente constante, independentemente da enerxía das partículas incidentes, dise que se produce unha perda de proporcionalidade, o que xera unha perda de información sobre a radiación. Isto é o que impide medir correctamente dosis de radiación.

Así mesmo, aínda que se pode deseñar o contador para ser máis sensible a un tipo de radiación que a outro, en realidade non pode diferenciar que tipo de partícula está detectando. Todo isto conduciu a que este dispositivo se usara cada vez menos na investigación, en favor doutros que ofrecían máis información como os detectores proporcionais, os de centelleo ou os de semicondutores.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Referencias

[editar | editar a fonte]
  1. 1 2 Rutherford, Ernest; Geiger, H (1908-08-27). "An electrical method of counting the number of α-particles from radio-active substances". Proceedings of the Royal Society of London. Series A, Containing Papers of a Mathematical and Physical Character (en inglés) 81 (546): 141–161. ISSN 0950-1207. doi:10.1098/rspa.1908.0065.
  2. ↑ Krebs, A. T. (1956-07-27). "Hans Geiger: Fiftieth Anniversary of the Publication of His Doctoral Thesis, 23 July 1906". Science (en inglés) 124 (3213): 166–166. ISSN 0036-8075. doi:10.1126/science.124.3213.166.
  3. 1 2 Shampo, Marc A.; Kyle, Robert A.; Steensma, David P. (2011-12). "Hans Geiger-German physicist and the Geiger counter". Mayo Clinic Proceedings 86 (12): e54. ISSN 1942-5546. PMC 3228631. PMID 22196280. doi:10.4065/mcp.2011.0638.
  4. ↑ "Ernest Rutherford and Hans Geiger, physics laboratory, Manchester University, England". National Library of New Zealand. ca 1912. Consultado o 20 de setembro de 2026.
  5. ↑ Geiger, H. (1913). "Über eine einfache Methode zur Zählung von α- und β-Strahlen (On a simple method for counting α- and β-rays)". Verhandlungen der Deutschen Physikalischen Gesellschaft 15: 534–539.
  6. 1 2 Korff, Sebastian (2012-12). "Das Geiger-Müller-Zählrohr: Eine wissenschaftshistorische Analyse mit der Replikationsmethode". NTM Zeitschrift für Geschichte der Wissenschaften, Technik und Medizin (en alemán) 20 (4): 271–308. ISSN 0036-6978. doi:10.1007/s00048-012-0080-y.
  7. ↑ Townsend, John S. (1901-02). "XVII. The Conductivity produced in gases by the motion of negatively charged ions". The London, Edinburgh, and Dublin Philosophical Magazine and Journal of Science 1 (2): 198–227. ISSN 1941-5982. doi:10.1080/14786440109462605.
  8. 1 2 3 4 "June 1911: Invention of the Geiger Counter". www.aps.org (en inglés). Consultado o 2026-09-20.
  9. ↑ Geiger, H.; Müller, W. (1928). "Elektronenzählrohr zur Messung schwächster Aktivitäten (Electron counting tube for the measurement of the weakest radioactivities)". Die Naturwissenschaften (The Sciences) 16 (31): 617–618.
  10. ↑ Geiger, H.; Müller, W. (1928). "Das Elektronenzählrohr (The electron counting tube)". Physikalische Zeitschrift 29: 839–841.
  11. ↑ Geiger, H.; Müller, W. (1929). "Technische Bemerkungen zum Elektronenzählrohr (Technical notes on the electron counting tube)". Physikalische Zeitschrift 30: 489–493.
  12. ↑ Geiger, H.; Müller, W. (1929). "Demonstration des Elektronenzählrohrs (Demonstration of the electron counting tube)". Physikalische Zeitschrift 30: 523 ff.
  13. ↑ Liebson, S. H. (1947-10-01). "The Discharge Mechanism of Self-Quenching Geiger-Mueller Counters". Physical Review (en inglés) 72 (7): 602–608. ISSN 0031-899X. doi:10.1103/PhysRev.72.602.
  14. Knoll, Glenn F. (2000). Radiation detection and measurement (3rd ed.). New York: Wiley. ISBN 978-0-471-07338-3.
    1. 1 2 p. 201 ff
    2. 1 2 3 p. 208 ff
    3. 1 2 3 4 5 p. 119 ff
    4. 1 2 p. 116 ff
    5. 1 2 3 4 p. 204-206