Contabilidade financeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A contabilidade financeira é o campo da contabilidade que se ocupa de resumir, analizar e declarar as transaccións financeiras dunha empresa, o que implica a elaboración dos estados financeiros para o coñecemento público. Algúns exemplos de persoas interesadas en recibir tal información con vistas á toma de decisións son accionistas, provedores, bancos, empregados, axencias gobernamentais, empresarios e outros colectivos interesados.

A contabilidade financeira réxese por normas de contabilidade tanto nacionais como internacionais. Por un lado, os PNCXA, ou Principios e normas de contabilidade xeralmente aceptados, son o marco normativo estándar de directrices de contabilidade financeira que se empregan nunha xurisdición determinada. Estes inclúen as normas, convencións e regras que seguen os contábeis ao faceren rexistros e resumos e tamén ao elaboraren os estados financeiros. Por outro lado, as NIIF (Normas internacionais de información financeira) son unha serie de padróns internacionais de contabilidade que expresan como se deben recoller certos tipos de transaccións e outras actividades nos estados financeiros. Estes padróns son estabelecidos pola Xunta de normas internacionais de contabilidade (IASB) e como cada vez teñen un uso máis xeneralizado a nivel internacional, existe unha maior uniformidade nos informes financeiros entre as distintas empresas mundiais.

Mentres que a contabilidade financeira se emprega para proporcionar información financeira á xente allea á empresa ou que non está involucrada na súa xestión diaria, a contabilidade de xestión fornece a información contábel que axuda aos xerentes a tomar decisións na xestión do negocio.

Obxectivos da contabilidade financeira[editar | editar a fonte]

A miúdo empréganse os termos «contabilidade financeira» e «información financeira» como sinónimos.

Segundo as Normas internacionais de información financeira o obxectivo da contabilidade financeira é: Proporcionar información financeira sobre a entidade en cuestión que sexa útil para investidores existentes e potenciais, prestamistas e outros acredores á hora de tomaren decisións acerca do fornecemento de recursos á entidade.

Segundo a Asociación Europea de Contabilidade: O mantemento do capital é un obxectivo concorrente da contabilidade financeira.

Características[editar | editar a fonte]

A contabilidade financeira consiste na elaboración de estados financeiros, mediante o uso dos modelos de contabilidade HCA ou CPPA, dirixidos ao público e a partes interesadas pertinentes. Cando se formularen estados financeiros, deberanse cumprir os seguintes requisitos:

Relevancia: a contabilidade financeira debe estar especificamente ligada á toma de decisións, isto é, a información contábel ten que poder influenciar as decisións. Non ten sentido complicar os estados financeiros a menos que sexa para cumprir este requisito.

Importancia: a información é importante se a súa omisión ou distorsión pode influenciar as decisións económicas que os usuarios toman baseándose nos estados financeiros.

Fiabilidade: a contabilidade debe estar exenta de erros ou parcialidades significativos e os xerentes deben poder confiar nela. A miúdo acontece que información que é moi importante non é moi fiable e viceversa.

Comprensibilidade: os informes contábeis deberían estar expresados do modo máis claro posíbel e as persoas ás que van dirixidos deben entendelos.

Comparabilidade: os informes contábeis de distintos períodos deben ser comparábeis para tirar conclusións significativas acerca das tendencias do comportamento financeiro e da situación dunha entidade ao longo do tempo. O uso sistemático das mesmas políticas contábeis permite garantir a comparabilidade.

Cinco compoñentes dos estados financeiros[editar | editar a fonte]

O estado de fluxo de efectivo recolle os movementos de entrada e saída de efectivo que teñen lugar nun determinado período. Normalmente presenta o seguinte formato: entrada de efectivo – saída de efectivo + saldo de apertura = saldo de peche. É importante lembrar que o estado de fluxo de efectivo soamente ten en conta os movementos de diñeiro en efectivo, non o que a persoa en cuestión debe nin o que a ela se lle debe. Conta de resultados (tamén coñecida como Conta de ingresos e gastos) Balance xeral (tamén coñecido como Balance de situación) Estado de cambios no patrimonio neto (ECPN) (tamén coñecido como Estado de evolución do patrimonio neto) Memoria

Elementos básicos da contabilidade[editar | editar a fonte]

  • O suposto da unidade monetaria estábel

Un dos principios básicos da contabilidade é o da unidade monetaria ou de medida. En contabilidade, a unidade monetaria deberá ser aquela moeda que posúa maior relevancia. Este principio tamén supón que a unidade monetaria é estábel, isto é, que as mudanzas que puideren darse no seu poder adquisitivo xeral non se consideran o suficientemente importantes como para requirir axustes nos estados financeiros básicos.

A Contabilidade de custos históricos, isto é, o mantemento financeiro do capital en unidades monetarias nominais, baséase no suposto da unidade monetaria estábel, segundo o cal os contábeis simplemente supoñen que o diñeiro, a unidade monetaria de medida, é totalmente estábel en valor real para os efectos de medir, por un lado, partidas monetarias non indexadas diariamente de acordo coa inflación en termos do IPC diario e, por outro lado, o valor real constante de partidas non monetarias non actualizadas diariamente en termos do IPC diario en períodos de baixa e alta inflación e deflación.

  • As unidades de poder adquisitivo constante

O suposto da unidade monetaria estábel non se aplica en períodos de hiperinflación. As NIIF obrigan as entidades a manter o capital en unidades de poder adquisitivo constante segundo a NIC nº 29, Información financeira en economías hiperinflacionistas.

Os contábeis financeiros elaboran estados financeiros baseados nas normas de contabilidade dunha determinada xurisdición. Estas normas poden ser os Principios e normas de contabilidade xeralmente aceptados (PNCXA) dun país, que normalmente proceden de organismos reguladores nacionais ou das Normas internacionais de información financeira (NIIF), que son creadas pola Xunta de normas internacionais de contabilidade (IASB).

A contabilidade financeira serve para os seguintes propósitos:

Elaborar estados financeiros de uso xeral. Proporcionar a información usada pola xerencia dunha empresa para a toma de decisións, para planificar e para avaliar o rendemento. Elaborar estados financeiros que cumpran os requisitos normativos.

Obxectivos da contabilidade financeira[editar | editar a fonte]

Rexistro sistemático das transaccións: o obxectivo fundamental da contabilidade é rexistrar sistematicamente os aspectos financeiros das transaccións de negocios. Posteriormente, estas transaccións rexistradas son clasificadas e resumidas de modo lóxico para a elaboración de estados financeiros e para a súa análise e interpretación.

Constatación dos resultados das transaccións rexistradas: os contábeis crean unha conta de resultados para saber o resultado das operacións realizadas durante un período específico. Se os gastos exceden os ingresos, dise que a empresa é deficitaria. A conta de resultados axuda á xerencia e ás outras partes interesadas na toma racional de decisións. Por exemplo, se se confirma que unha empresa non é rendíbel, a causa pode ser investigada pola xerencia para adoptar medidas que a remedien.

Constatación da situación financeira da empresa: o empresario non está soamente interesado en coñecer os resultados da empresa en termos das ganancias e perdas dun período determinado, senón que tamén quere saber o que debe (pasivos) a terceiros e o que posúe (activos) nunha data concreta. Para sabelo, o contábel elabora un balance da situación financeira dos activos e pasivos da empresa nun momento dado e axuda a constatar a saúde financeira do negocio.

Proporcionar información aos usuarios para a toma de decisións racionais: a contabilidade, como «idioma de negocios» que é, comunica o resultado financeiro dunha empresa a diversas partes interesadas mediante estados financeiros. A contabilidade aspira a satisfacer as necesidades de información financeira dos directivos e axudarlles a tomar decisións racionais.

Coñecer a situación de solvencia: ao elaborar un balance xeral a xerencia non só revela o que a empresa posúe e debe, senón que tamén proporciona información acerca da capacidade de aboar cando vencen os pasivos a curto prazo (situación de liquidez) e tamén a longo prazo (situación de solvencia).

Diferenzas entre contabilidade financeira e contabilidade de custos[editar | editar a fonte]

1. A contabilidade financeira aspira a calcular os resultados do exercicio contábel en forma de conta de resultados e de balance xeral. A contabilidade de custos pretende calcular os custos dun produto/servizo dun modo científico e facilitar o control de custos e a súa redución.

2. A contabilidade financeira informa dos resultados e da situación da empresa á administración, aos acredores, aos investidores e a terceiros.

3. A contabilidade de custos é un sistema de información interno para a toma de decisións por parte da xerencia dunha empresa.

4. Na contabilidade financeira, a clasificación dos custos baséase no tipo de transaccións, isto é, salarios, gastos de reparación, seguros, locais de traballo, etc. Na contabilidade de custos, a clasificación baséase principalmente en funcións, actividades, produtos, procesos, e nas necesidades de planificación e control e información internas da empresa.

5. A contabilidade financeira aspira a presentar unha visión «verdadeira e fiel» das transaccións, beneficios e perdas dun determinado período de tempo e un balance xeral nunha data dada. A contabilidade de custos pretende calcular de modo «verdadeiro e fiel» os custos dos produtos/servizos ofrecidos pola empresa.