Saltar ao contido

Consultorio de Elena Francis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Consultorio de Elena Francis
Tipoprograma de radio Editar o valor en Wikidata
Autoría
Presentador/aMaruja Fernández del Pojo (en) Traducir e Elena Francis (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Publicación
País orixeEspaña Editar o valor en Wikidata
Datas
Comezo1947 Editar o valor en Wikidata
Remate1984 Editar o valor en Wikidata
Dimensións
Duración30 minutos Editar o valor en Wikidata
Wikidata ]

O Consultorio de Elena Francis foi un programa de radio español emitido entre 1947 e 1984.

O espazo, dirixido ao público feminino, de 30 minutos de duración, estruturábase ao redor da correspondencia dirixida a Dª Elena Francis. Esta contestaba, a través de consellos, as dúbidas, consultas e confidencias dun público feminino na súa práctica totalidade.[1] As cuestións expostas ían desde temas estritamente domésticos, como cociña ou xardinaría, até saúde, beleza e problemas sentimentais ou mesmo psicolóxicos. Lémbrase especialmente a sintonía do programa: Indian Summer, de Victor Herbert. Ao longo dos seus 36 anos de vida en antena, o consultorio adoptou diversos formatos e tempos de duración, entre 30 e 60 minutos. Púñanse cancións dedicadas, líanse autobiografías e vidas de santos como modelos a imitar, pero o corpo principal do programa consistía en ler as preguntas das oíntes e darlles consello. Algunhas cartas, se así se solicitaba, eran contestadas por correo, o que servía como confirmación de que dona Elena Francis existía e non era unha mera lenda.

O espazo xurdiu na década de 1940, un momento de renovación nos contidos dos programas de radio en España. A idea do consultorio inspirouna Francisca Bes, pertencente a unha familia con intereses no negocio cosmético. Comezou as súas emisións en 1947 a través de Radio Barcelona, desde onde emitiu até 1966. Posteriormente emitiuse por Radio Peninsular e por Radio Intercontinental. Debido ao descenso nos índices de audiencia, o programa deixou de emitirse o 31 de xaneiro de 1984.

Desde os inicios do programa, as respostas ás consultas (unhas sete en cada emisión diaria) redactábaas un equipo de guionistas. Ese labor quedou asignado en exclusiva ao xornalista Juan Soto Viñolo desde 1966. Canto ás locutoras que prestaron a súa voz a Elena Francis, a primeira foi María Garriga, substituída logo por Rosario Caballé. Con todo a máis popular e lonxeva foi Maruja Fernández.[2]

Repercusións

[editar | editar a fonte]

O consultorio radiofónico de Elena Francis foi un auténtico fenómeno sociolóxico durante décadas en España e formou parte da cultura sentimental de varias xeracións.[1] Con todo, o 16 de febreiro de 1984, no programa «Buenas noches», presentado por Mercedes Milá, o xornalista Juan Soto Viñolo recoñeceu, tras 35 anos dende do comezo das súas emisións, a inexistencia do personaxe.[3] A revelación causou unha gran conmoción nunha sociedade española, aínda inxenua ante os artificios dos medios de comunicación, que durante máis de 30 anos creu firmemente que Dona Elena Francis era unha muller real. Até o último momento, os responsábeis do programa afirmaron que Elena Francis existía. Tratábase dunha señora «moi digna, moi preparada e moi amante da súa intimidade», que tería entón entre 68 e 70 anos. Non era posíbel falar coa presunta Elena Francis porque seguía «unha norma estrita de non conceder entrevistas nin aparecer en público».[4]

Críticas

[editar | editar a fonte]

Detrás de Elena Francis estaba o Instituto de Beleza Francis de Barcelona, que creara o personaxe para publicitar os seus produtos. Dona Elena era un ser ficticio e as cartas contestábaas un equipo de asesores, entre os que se atopaban un cura e un psicólogo. Durante 36 anos as respostas do consultorio foron invariabelmente de ideoloxía e moral conservadoras sobre o modelo de muller, nai e esposa do franquismo, sempre submisa. O consultorio recomendaba ás mulleres abnegación, paciencia, miraren para outro lado, faceren a vista gorda, esperaren a que as cousas cambiasen ou sacrificárense polos fillos e a familia.

O programa foi a doutrina do réxime franquista disfrazada de consultorio sentimental, aínda que chegou a sobrevivir ao propio Francisco Franco. Emitiuse entre 1947 e 1984 e agonizou até a súa morte, ao negarse a actualizarse e seguir a preconizar unha moral de posguerra. O destape, o divorcio, o feminismo e a loita pola lei do aborto campaban ao seu aire por unha España con présa por sacudirse o seu pasado recente.

As cartas describían un panorama de amas de casa soas, relegadas ao fogar e ás tarefas domésticas e con pouca conexión co mundo real. Unha vez unha nena preguntoulle a Elena «as regras da actividade sexual». Francis contestou: «Ligada a esta actividade está a función máis importante da muller, que é a maternidade».[2]

A homosexualidade, segundo Francis, era «un trastorno que as esposas podían remediar». Así, a unha muller que comprobou que o seu marido era homosexual e ía a bares de gais, o consello foi «non facer demasiado caso dos rumores. Compórtese coma se non ocorrese nada, co fin de que o seu esposo recobre a confianza perdida. Extreme as súas atencións pero sen que el advirta nada. Cre un grato ambiente na casa para que el non sinta a necesidade de saír». Noutros casos de homosexualidade, dona Elena opinaba que o mellor era acudir ao médico para que curase o «trastorno».

En cuestións de embarazos prematrimoniais, a mensaxe foi sempre tallante: «a falta» ou «o fallo», era sempre culpa exclusiva da muller. «Sendo ti a responsábel» ou «a túa enorme equivocación» eran expresións habituais. O matrimonio era indisolúbel e, segundo Gerard Imbert, «a filosofía do programa era a de propor un modelo de muller abnegada, sufridora, entregada enteiramente ao fogar e capaz de calquera cousa con tal de salvar a unidade familiar. Infidelidades, malos tratos, alcolismo... todo había que soportalo polo ben dos fillos e o seu futuro». O matrimonio era un contrato no que o home podía romper todas as reglas pero a muller ningunha. Nese sentido, foi un programa imbuído dun profundo machismo que contribuíu a perpetuar estereotipos.

As cartas e os guións do Consultorio

[editar | editar a fonte]

En 2005 atopáronse máis dun millón de cartas coas súas respostas na masía Can Tirel, propiedade da familia Fradera, en Cornellà de Llobregat. Uns técnicos do concello desa localidade visitaban o edificio para rehabilitalo e convertelo en equipamento municipal. Dita masía, desocupada pola familia Fradera desde había décadas, foi adquirida polos promotores da urbanización da zona, que a cederon ao Concello de Cornellà de Llobregat.

As cartas estaban en pésimo estado de conservación. Despois dun tratamento de desinfección e desinsectación, puidéronse rescatar máis de cen mil e ingresáronse no Arxiu Comarcal del Baix Llobregat (Sant Feliu de Llobregat) en marzo de 2007 para o seu estudo e a súa conservación pola historiadora e directora do Arquivo, Mari Luz Retuerta. Delas, aproximadamente un 10 % foron catalogadas e dixitalizadas. Pola súa banda, os guións orixinais do consultorio conserváronse na súa maioría na Colección de Guións de Radio Barcelona da Biblioteca de Comunicación e Hemeroteca Xeral da Universitat Autònoma de Barcelona.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 Balsebre, Armand; Fontova, Rosario (2018). Las cartas de Elena Francis. Una educación sentimental bajo el franquismo. (en castelán). Cátedra. p. 9-10. ISBN 9788437638782. 
  2. 2,0 2,1 Abundancia, Rita (4 de novembro de 2014). "Elena Francis, consejos para la mujer sumisa". El País (en castelán). Consultado o 2 de maio de 2025. 
  3. Elices, Raquel (7 de marzo de 2023). "Elena Francis, ¿quién era la voz del consultorio de sexo más famoso de España?". RTVE (en castelán). Consultado o 2 de maio de 2025. 
  4. Beaumont, José F. (25 de outubro de 1982). "Miles de amas de casa y jóvenes españolas han atravesado la transición a través del consultorio de mayor audiencia". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2 de maio de 2025.