Saltar ao contido

Constantin Moisil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaConstantin Moisil
Biografía
Nacemento8 de decembro de 1761
Năsăud, Romanía.
Morte22 de outubro de 1958 (81 anos)
Bucarest, Romanía.
Cargos
Director dos Arquivos Estatais
Período1923-1938
Presidente da
Sociedade Numismática Romanesa
Período1933-1958
AntecesorMihail C. Șuțu
Datos persoais
País de nacionalidade Romanía.
RelixiónIgrexa grecocatólica romanesa.
EducaciónUniversidade de Bucarest.
Universidade Babeș-Bolyai.
Actividade
Campo de traballoNumismática, historiografía, arqueoloxía, arquivística, heráldica.
Ocupaciónheraldista, arqueólogo, arquiveiro Editar o valor en Wikidata
Membro de
Familia
CónxuxeElena Niculescu. Editar o valor en Wikidata
FillosGrigore Moisil.
Florica Moisil.
George C. Moisil. Editar o valor en Wikidata
PaiConstantin Gr. Moisil. Editar o valor en Wikidata
ParentesGrigore Moisil, avó
Iuliu Moisil, tío Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Constantin C. Moisil, nado en Năsăud o 8 de decembro de 1876 e finado en Bucarest o 22 de outubro de 1958, foi un numismático, arquiveiro, historiador e profesor romanés.

Moisil foi membro da Academia Romanesa, director dos Arquivos Estatais e presidente da Sociedade Numismática Romanesa. Está considerado como o fundador da numismática romanesa moderna.[1]

O seu fillo foi o matemático Grigore Moisil.[2]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Nado en Năsăud, na rexión de Transilvania,[3] o seu avó Grigore Moisil era sacerdote; o seu pai Constantin Gr. Moisil, doutor pola Universidade de Viena, era profesor; e o seu tío era o profesor e escritor Iuliu Moisil.[4]

Logo de cursar a súa educación primaria e secundaria na súa cidade natal,[3] matriculouse na sección de Historia da Facultade de Letras da Universidade de Bucarest, no antigo reino romanés.[5] Xa desde a súa etapa formativa, os seus intereses de investigación centráronse en aspectos orixinais ou pouco habituais, unha orientación tomada dos seus profesores, entre os que se achaban Nicolae Iorga, Dimitrie Onciul e V. A. Urechia. Isto reflectiuse xa na súa tese de licenciatura, sobre arqueoloxía prehistórica.[6] En particular, a súa inclinación pola arqueoloxía foi iniciada polo seu profesor Grigore Tocilescu.[2]

Carreira profesional e académica

[editar | editar a fonte]

Logo da súa licenciatura en 1898,[4] exerceu como profesor de instituto en Focșani (1898-1899), en Tulcea (1899-1910) e, finalmente, en Bucarest, no instituto Matei Basarab.[6] En 1905 comezou a colaborar regularmente en Convorbiri Literare, entre outras revistas, sobre temas diversos.[7]

O seu regreso a Bucarest coincidiu co seu nomeamento como asistente na sección de Numismática da Academia Romanesa, que se acababa de crear. Este era un tema polo que o seu interese crecera durante os seus anos en Tulcea. Os seus contactos con outro numismático, Dimitrie Sturdza, que contribuíu á contratación de Moisil pola Academia. Moisil converteríase en xefe da sección en 1933, cargo que ocupou ata a súa morte.[7]

En 1913 ingresou na Sociedade Numismática Romanesa, de cuxo boletín foi redactor. En 1920, comezou a editar outra das publicacións da sociedade, e ascendeu á presidencia da entidade en 1933, cargo no que permaneceu durante o resto da súa vida. Como presidente, responsabilizouse dos congresos anuais entre 1933 e 1937.[7]

Moisil foi o primeiro en clasificar a moeda xeto-daciana e estudou amplamente as emisións monetarias medievais romanesas.[8] En 1924, vinte e seis anos despois de acadar a súa licenciatura,[2] doutorouse na Universidade de Cluj, cunha tese sobre a ceca de Valaquia baixo a Casa de Basarab, que publicou en parte como resultado da súa experiencia na sección de Numismática.[6] Foi o primeiro doutor romanés dedicado á numismática.[8]

Moisil como director dos Arquivos Estatais en 1926, no patio do mosteiro Mihai Voda, daquela sede da institución.[9]

Moisil foi elixido membro correspondente da Academia Romanesa en xuño de 1919, por proposta de Vasile Pârvan.[3] Dirixiu os Arquivos Estatais de 1923 a 1938;[6][8][10] o seu nomeamento como director tivo lugar no outono de 1923, e foi un tanto sorprendente dada a súa case total ausencia de publicacións sobre arquivística. Onciul, que fora director dos arquivos de 1900 a 1923, falecera a principios dese ano e fora sucedido inicialmente por Alexandru Lapedatu, mais cumpriu procurar un substituto logo da dimisión deste para se converter en Ministro de Asuntos Relixiosos e Artes. Moisil foi elixido tras recibir recomendacións favorables das universidades do país e de especialistas diversos.[8] Durante o exercicio do seu cargo, creou a primeira revista de arquivística do país, chamada Revista Arhivelor.[6] O primeiro número do primeiro volume apareceu en 1924 e, cando este concluíu en 1926,[11] a publicación atraera xa as colaboracións dos principais intelectuais romaneses do momento.[12] A época inicial da revista finalizou en 1947 e abrangueu sete volumes en quince números.[13]

Constantin Moisil avogou por un novo estatuto xurídico para os Arquivos Estatais, que tivese en conta tanto as realidades dunha Gran Romanía ampliada como os danos que sufriran os arquivos romaneses durante a primeira guerra mundial. A lei, inspirada en gran medida por Moisil, foi aprobada polo Parlamento romanés en maio de 1925, e nela establecíase unha sede central en Bucarest, con direccións rexionais en Iași, Cluj, Cernăuți e Chișinău.[12] Tamén elaborou plans para a primeira escola de formación de arquiveiros do país, que se inaugurou baixo a súa dirección en 1924 e acadou o nivel universitario en 1932. A mediados de 1924, Moisil abriu un espazo de exposicións nos Arquivos Estatais, que se converteu nun museo permanente dos fondos raros da institución en 1926.[10]

Como director dos arquivos, publicou máis de 570 estudos, entre eles 42 de historia, 93 de arqueoloxía, 160 de numismática, 41 sobre medallas 22 sobre selos, 4 de metroloxía e 15 de didáctica, así como diversos traballos sobre heráldica.[6]

En agosto de 1948, logo dunha purga dos antigos membros por parte do novo réxime comunista, pasou a ser membro titular da Academia Romanesa.[3][14] O 31 de decembro de 1956 foi recoñecido coa Orde do Traballo, Clase I, «con motivo do 90 aniversario da fundación da Sociedade Académica Romanesa, por méritos especiais no traballo».[15]

Constantin Moisil finou en Bucarest o 22 de outubro de 1958 aos 81 anos.[3]

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Esta é unha escolma dos traballos publicados por Moisil ao longo da súa traxectoria:[16]

Monografía

[editar | editar a fonte]
  • (1939). Portretele monetare ale Regelui Carol I. Bucarest.
  • (1906). "Monede vechi românești găsite în Dobrogea - Tezaurul de la Bădila". En Convorbiri Literare. XL, 12. Páxinas 1.117-1.122.
  • (1916). "Numismatica Dobrogei". En Arhiva Dobrogei. I. Páxinas 112-123.
  • (1920). "Monedele dacilor". En Buletinul Societății Numismatice Române, XV. Páxinas 58-78.
  • (1923). "Primele peceți cu stemele unite ale Moldovei și Țării Românești". Buletinul Societății Numismatice Române. Páxinas 60-63.
  • (1924-1925). "Monetăria Țării Românești în timpul dinastiei Basarabilor". En Anuarul Institutului de Istorie Nationala, III. Páxinas 107-159.
  • (1929). "Monedele Împăratului Traian referitoare la războaiele cu dacii și cucerirea Dciei". Buletinul Societății Numismatice Române. XXIII. Páxinas 11-38.
  • (1930). "Bănăria lui Dabija-Vodă". Buletinul Societății Numismatice Române. XXIV. Páxinas 53-79.
  • (1931). "Efigiile monetare ale Domnilor români". Buletinul Societății Numismatice Române. XXV. Páxinas 126-142.
  • (1938). "Monedele și decorațiile României". En Enciclopedia României. I. Páxinas 85-125.
  • (1941). "Din istoria școlii de arhivistică". En Hrisovul. I. Páxinas 11-45.
  • (1941). "Mihail C. Soutzo". En Balcanica. IV. Páxinas 479-502.
  • (1944). "Les tetradrachmes de Thasos et de Macedonie I-ere et leur circulation en Dacie". En Balcania. VII, 1. Páxinas 3-22.
  • (1948-1949). "O pagină de heraldică românească veche". En Buletin științific. 1. Páxinas 151-162.
  • (1948-1950). "Problema monedelor dace". En Buletin științific. 1. (páxinas 19-27); 2-4 (páxinas 53-65).
  • (1957). "Ponduri inedite sau puțin cunoscute din Histria, Callatis, Tomis". En Studii și Cercetări de Numismatică, I. Páxinas 247-295.
  1. "Moisil Constantin". Archeologi.ro
  2. 1 2 3 Pleș G. (2001).
  3. 1 2 3 4 5 Seni, I. A.; Seni, I. (2006). Páxina 47.
  4. 1 2 Michelson, P. E. (2008). Páxina 150.
  5. Seni, I. A.; Seni, I. (2006). Páxinas 47-48.
  6. 1 2 3 4 5 6 Seni, I. A.; Seni, I. (2006). Páxina 48.
  7. 1 2 3 Michelson, P. E. (2008). Páxina 151.
  8. 1 2 3 4 Michelson, P. E. (2008). Páxina 152.
  9. Dan Lucian Vaida (2021). “Din activitatea lui Constantin Moisil la Arhivele Statului Bucuresti. Realizarea busturilor lui Bogdan Petriceicu Hasdeu si Dimitrie Onciul (1924-1927)”. En Arhiva Somesana, XX. Páxina 275.
  10. 1 2 Michelson, P. E. (2008). Páxina 158.
  11. Michelson, P. E. (2008). Páxina 153.
  12. 1 2 Michelson, P. E. (2008). Páxina 156.
  13. Michelson, P. E. (2008). Páxina 158.
  14. "Membrii Academiei Române din 1866 până în prezent". Academia Română (Acad.ro).
  15. "Decretul nr. 694". Buletinul Oficial al Marii Adunări Naționale a Republicii Populare Romîne. Anul VI. nr. 2. 16 de xaneiro de 1957. Páxina 14.
  16. "Moisil, Constantin". Regesta Imperii (opac.regesta-imperii.de).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]