Saltar ao contido

Conferencia Monetaria de París (1867)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Ministerio de Asuntos Exteriores de Francia, sede da Conferencia.

A Conferencia Monetaria de París de 1867, que tivo lugar do 17 de xuño ao 6 de xullo dese ano, foi a primeira dunha serie de conferencias monetarias de carácter internacional no derradeiro terzo do século XIX e no primeiro do XX.

A idea deste encontro xurdiu do estadista francés Félix Esquirou de Parieu, que contribuíra decisivamente á creación, dous anos antes, da Unión Monetaria Latina.[1][2][3]

A conferencia tivo lugar no prestixioso edificio do Ministerio de Asuntos Exteriores de Francia, terminado pouco antes, sito no Quai d'Orsay de París.[4]

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

A Exposición Universal de París de 1867 foi a ocasión para convocar a conferencia monetaria, á que asistiron representantes de Austria, Baden, Baviera, Bélxica, Dinamarca, España, os Estados Unidos, Francia, Grecia, Italia, o Imperio Otomán, os Países Baixos, Portugal, Prusia, o Reino Unido, Rusia, Suecia (xunto con Noruega), Suíza e Württemberg. A sesión inaugural foi presidida polo ministro francés de Asuntos Exteriores, Lionel de Moustier, e as tres seguintes por Parieu.[5] Como se consideraba que a conferencia dera comezo con éxito, o monarca Napoleón III, en sinal de aprobación imperial, designou o príncipe Napoleón Xosé Bonaparte para ocupar a presidencia, polo que este pasou a presidir as catro sesións derradeiras.[6]

Félix Esquirou de Parieu
Napoleon Xosé Bonaparte

Por consello de Parieu, aprobouse un plan que recomendaba a adopción do padrón ouro único, así como a decimalización dos sistemas monetarios que aínda non eran decimais e a coordinación das distintas moedas co sistema monetario francés.[7]

Discutíronse as dificultades que presentaba a aplicación práctica destes principios e deuse plena liberdade ás respectivas nacións para levaren a cabo as propostas do xeito que considerasen máis conveniente. A conferencia concluíu o 6 de xullo cunha postura común favorable ao padrón ouro —como era a preferencia de Parieu—, aínda que recoñecendo que a transición do bimetalismo sería gradual.[8]

As consecuencias demostraron que os obstáculos á normalización internacional da moeda eran insuperables. O Goberno británico no puido obter a aprobación dunha Comisión Real para a vinculación do seu soberano á peza francesa de 25 francos. Ademais, o curso dos acontecementos políticos alterou axiña por completo a posición relativa dos principais países, mesmo nas súas relacións monetarias. Alemaña e os Estados Unidos reformaron as súas moedas na década de 1870, mais sen ter en conta consideracións internacionais.

  1. Nussbaum, A. (1950). Money in the Law National and International: A Comparative Study in the Borderline of Law and Economics (2ª ed.). The Foundation Press, Brooklyn. Páxina 551.
  2. Barbaroux, N. (2022). "The Latin Monetary Union Experience (1865-1926): French Views on Monetary Union and Lending of Last Resort in Retrospect". En Jahrbuch für Wirtschaftsgeschichte / Economic History Yearbook. Vol. 63. Nº 2.Akademie Verlag
  3. Einaudi, L. (2018). "A Historical Perspective on the Euro: the Latin Monetary Union (1865–1926)". En Ifo DICE Report 3. Setembro. Volume 16. Páxinas 17-20.
  4. "Mr. Ruggles to Mr. Seward; Paris, July 18,1867". U.S. Department of State - Office of the Historian (History.state.gov).
  5. Conférence monétaire internationale: Procès verbaux. Imprimerie impériale, París, 1867
  6. Russell, H. B. (1898). Páxina 73.
  7. Paris Universal Exposition, 1867, Reports of the United States Commissioners; Report Upon the Precious Metals Being Statistical Notices of the Principal Gold and Silver Producing Regions of the World Represented at the Paris Universal Exposition by William P. Blake. Government Printing Office, Washington. 1869. Páxinas 259-261.
  8. Kindleberger, C. (1993). A Financial History of Western Europe (2ª Ed.). Oxford University Press. Páxina 70. ISBN 9780195077384

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]