Saltar ao contido

Condado de Sarria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Torre do Batallón do castelo de Sarria.

O condado de Sarria é un título nobiliario extinto da Coroa de Castela concedido a principios do século XIV polo rei Afonso XI de Castela. Fai referencia á vila galega de Sarria.

Reinados de Afonso XI e Pedro I (1312-1369)

[editar | editar a fonte]

Segundo Francisco de Moxó, Afonso XI nomeou en 1325 o seu privado Álvar Núñez Osorio (fillo de Álvar Rodríguez Osorio, ricohome do Reino de León e señor de Villaornate, e mais de Elvira Núñez),[1] conde de Trastámara, Lemos y Sarria,[2] se ben segundo outros autores recibiu eses títulos en 1327.[3] Pero en 1329 foi asasinado por orde do propio Afonso XI,[4] e todos os seus títulos e posesiones volveron ao reguengo.[5]

En 1345, segundo González Crespo, o rei Afonso XI de Castela concedeulle os condados de Trastámara, Lemos e Sarria ao seu fillo Henrique de Trastámara, que chegaría a reinar en Castela como Henrique II e que xa dende maio de 1335 confirmou nos privilexios da época como señor de Cabrera y Ribera.[6] Henrique de Trastámara naceu en 1334 froito da relación extramatrimonial do rei Afonso XI con Leonor de Guzmán, se ben Moxó y Montoliu afirmaba que é «difícil» saber cando recibiu o triplo título condal, aínda que si indicou que debeu recibilo nalgún momento comprendido entre 1334 e 1350,[4] cando faleceu Afonso XI.[7]

O 20 de xuño de 1360, durante a guerra civil castelá, o rei Pedro I de Castela entregoulle as vilas de Sarria, Outeiro de Rei e A Pobra de San Xiao, que pertencían ao seu medio irmán Henrique de Trastámara, ao célebre Fernán Ruiz de Castro, alcumado toda la lealtad de España, xa que Henrique se rebelara contra o monarca e fora desposuído de todos os seus títulos e posesións.[8] Estando Pedro I de Castela en Santiago de Compostela o 27 de xuño de 1366 nomeou a Fernán Ruiz de Castro conde de Trastámara, Lemos e Sarria e adiantado maior de León,[9], se ben Pardo de Guevara y Valdés sinalou que o monarca só sumou aos señoríos que Fernán Ruiz heredara de seu pai, Pedro Fernández de Castro, os que pertencían a Henrique de Trastámara, declarado traidor polo rei.[10]

Alfred Morel-Fatio sinalou que Henrique de Trastámara apareceu sempre confirmando nos documentos como «fijo del muy noble rey D. Alfonso, conde de Trastámara, de Lemos et de Sarria, et señor de Noreña etc.» ata que foi proclamado rei de Castela en Calahorra en marzo de 1366 e posteriormente coroado en Burgos en xuño do mesmo ano.[11]

A concesión por parte de Pedro I do triplo título condal de Trastámara, Lemos e Sarria a Fernán Ruiz de Castro, como sinalou Pardo de Guevara y Valdés, probablemente tivo lugar tras os «sucesos de Toro»,[10] entre 1355 e 1356, que remataron coa toma da vila polas tropas de Pedro I.[12] Dito autor afirmou que posiblemente a tardía concesión outorgada en xuño de 1366 se debía a que o monarca non dispuña dos sellos da súa chancelaría cando a outorgou.[10][a]

Aproximadamente en abril de 1366, segundo algúns autores,[13] Henrique de Trastámara concedeulle o triplo título de conde de Trastámara, Lemos e Sarria ao célebre Bertrand du Guesclin, que chegaría a ser condestable de Francia.[14] Se ben a maior parte da historiografía afirma que se lle concedeu o título de conde, en senllos documentos de xaneiro e setembro de 1367 du Guesclin aparece mencionado co de duque de Trastámara.[13][15] Mais a derrota de Henrique de Trastámara na batalla de Nájera, en 1367, supuxo o retorno a Francia de Bertrand du Guesclin e a perda de todos eses títulos,[14] se ben en 1369 foi recompensado por Henrique II cos ducados de Molina e Soria,[16] que desfrutaría de forma efémera.[14]

Os Trastámaras (1369-1430)

[editar | editar a fonte]

En 1371, segundo a maior parte da historiografía, o rei Henrique II nomeou o seu sobriño Pedro Enríquez de Castilla (fillo ilexítimo de Fadrique Alfonso de Castilla, mestre da Orde de Santiago e neto de Afonso XI), conde de Trastámara, Lemos e Sarria,[16][13] se ben hai quen defende que seguramente recibiu o nomeamento antes dese ano,[17] e mesmo quen indica que foi en 1367 ou en 1370.[18][19][b]

A principios da década de 1370, como sinalou Pardo de Guevara y Valdés,[18] o conde Pedro Enríquez pasou grazas ás grandes mercedes que recibiu do rei especialmente no reino de Galicia[20] a ser o «indiscutible abandeirado» dos nobres dese territorio[18] e o magnate «máis poderoso»[21] ou «gran señor» de Galicia, en palabras doutros autores.[22] A súa condición de membro da familia real convertíao tamén no «representante» da realeza en Galicia, como sinalou Muñoz Gómez.[22]

Malaquías de la Vega consignou na Cronología de los Jueces de Castilla que foi en 1376 cando o rei Henrique II, aínda que sen mencionar o título de conde, lle cedeu a Pedro Enríquez a vila de Sarria xunto coas «súas pobras, e alfoz, e termos, e xurisdición e vasalos, rendas, peitos e dereitos»,[23] pero nun documento de maio de 1372, expedido en Santiago de Compostela e citado por Pardo de Guevara y Valdés, o conde Pedro Enríquez xa aparece mencionado como «conde de Trastámara, de Lemos e de Sarria, do Bolo e de Viana, e señor de Robreda e pertigueiro maior de Santiago».[24]

Tras a morte do conde Pedro Enríquez en Ourense o 2 de maio de 1400,[25] o seu fillo Fadrique Enríquez de Castilla herdou os condados de Trastámara e Lemos e o señorío de Sarria, entre outros moitos.[26] Malaquías de la Vega indica, en base a numerosos documentos desaparecidos do antigo arquivo dos condes de Lemos,[27] que o 22 de maio de 1400 o rei Henrique III de Castela confirmoulle ao duque Fadrique Enríquez o título de conde de Trastámara. Fadrique Enríquez confirmou nos privilexios da época cos títulos de conde de Trastámara, Lemos e Sarria, herdados de seu pai,[28] e en 1423 foi nomeado tamén duque de Arjona[29] e pertigueiro maior de Santiago,[30] aínda que en 1429 foi apresado por orde do rei Xoán II de Castela e despoxado de todos os seus títulos e posesións.[31]

Tras o arresto do duque Fadrique, o rei entregoulle as vilas de Monforte de Lemos e Sarria, entre outras, a Álvaro de Luna, que chegou a ser condestable de Castela e mestre da Orde de Santiago, aínda que Franco Silva non mencionou que o condestable recibise o título de conde de Sarria, senón exclusivamente a vila.[32] O duque Fadrique morreu a finais de marzo de 1430 no castelo de Peñafiel[33][34] con sospeitas de que o asasinaron por orde do rei, se ben hai quen afirma que faleceu por causas naturais.[35]

O rei Xoán II de Castela entregoulle o 5 de xullo de 1445 a Pedro de Luna, fillo do condestable Álvaro de Luna, aínda que sen o título de conde, as vilas de Sarria, Neira, Triacastela, Outeiro de Rei, Castro de Rei, Adán e a Pobra de San Xiao, que pertenceran ao duque Fadrique Enríquez.[36] Pero en 1453 o condestable Álvaro de Luna foi executado por orde de Xoán II de Castela, e o 31 de xullo de 1359 Pedro Álvarez Osorio mercoulle a Pedro de Luna todas esas vilas por 3500 dobras, o que segundo Pardo de Guevara y Valdés demostra o «escaso interese» que o fillo do defunto mestre de Santiago tiña por conservar esas posesións.[37] Franco Silva afirma que a venda mencionada anteriormente non se realizou en 1459, senón o 25 de agosto de 1458 e por unha suma de 1500 dobras, sinalando ademais que o rei Henrique IV de Castela a confirmou o 29 de marzo de 1471.[38]

Condes de Sarria

[editar | editar a fonte]
  1. Pardo de Guevara y Valdés di que no privilexio onde se consignaba a doazón dos condados de Lemos, Trastámara e Sarria a Fernán Ruiz de Castro, o monarca expresou que: «los mis sellos de la mi cancillería mayor no eran conmigo al tiempo que vos fice esta donación». Pero logo da derrota de Pedro I na batalla de Montiel, tras a cal foi asasinado, Fernán Ruiz de Castro foi feito prisioneiro por Henrique II e desposuído de todos os seus títulos e posesións. Cfr. Pardo de Guevara y Valdés (2000a), pp. 177 e 210.
  2. Alonso López de Haro tamén sinalou a principios do século XVII que Pedro Enríquez recibiu os condados de Trastámara, Lemos e Sarria en 1371, e destacou que xa aparecía ostentando ese título nun privilexio dese ano no cal se confirmaron as franquezas que desfrutaban os moedeiros da cidade de Toledo. Cfr. López de Haro (1622), p. 39.

Referencias

[editar | editar a fonte]
  1. Salazar y Acha & 1996-1997, p. 161.
  2. Moxó y Montoliu & 1992-1993, pp. 136-137.
  3. 1 2 Sánchez-Arcilla Bernal 2008, p. 127.
  4. 1 2 Moxó y Montoliu & 1992-1993, p. 136.
  5. González Crespo 1988, pp. 295-296.
  6. González Crespo 1988, p. 295.
  7. González Crespo 1988, p. 289.
  8. Pardo de Guevara y Valdés 2000a, p. 171.
  9. Pardo de Guevara y Valdés 2000b, p. 41.
  10. 1 2 3 Pardo de Guevara y Valdés 2000a, p. 177.
  11. Morel-Fatio 1899, p. 146.
  12. Estepa Díez 2004, pp. 46-48.
  13. 1 2 3 Morel-Fatio 1899, p. 147.
  14. 1 2 3 Pardo de Guevara y Valdés 2000a, p. 210.
  15. Moxó y Montoliu & 1992-1993, p. 142.
  16. 1 2 Moxó y Montoliu & 1992-1993, p. 138.
  17. Menéndez Pidal de Navascués 2011, p. 216.
  18. 1 2 3 Pardo de Guevara y Valdés 2000a, p. 212.
  19. González López 1963, p. 200.
  20. VV.AA. 2012, p. 24.
  21. Múgica Seco 2012, p. 449.
  22. 1 2 VV.AA. y Muñoz Gómez 2008, p. 125.
  23. Pardo de Guevara y Valdés 2000a, p. 213.
  24. Pardo de Guevara y Valdés 2000b, pp. 41-42.
  25. Pardo de Guevara y Valdés 2000a, p. 246.
  26. Franco Silva 1982, p. 43.
  27. VV.AA. y Muñoz Gómez 2008, p. 130.
  28. Pardo de Guevara y Valdés 2000b, p. 59.
  29. 1 2 Morales Talero 1964, p. 25.
  30. 1 2 López Ferreiro 1904, p. 40.
  31. García García 2012, p. 692.
  32. Franco Silva 1982, p. 44.
  33. Cendón Fernández 1997, p. 306.
  34. Martínez Caviró 1973, p. 385.
  35. Pardo de Guevara y Valdés 2000a, p. 289.
  36. Franco Silva 1982, pp. 155-158.
  37. Pardo de Guevara y Valdés 2000a, p. 340.
  38. Franco Silva 1982, p. 46.
  39. Salazar y Acha 2000, p. 386.
  40. Estepa Díez 2004, p. 58.
  41. Morel-Fatio 1899, p. 165.
  42. Jular Pérez-Alfaro 1990, p. 557.
  43. 1 2 Salazar y Acha 2000, p. 449.
  44. Villaamil y Castro 1873, pp. 27 y 33.
  45. Ruano 1779, p. 243.
  46. Iglesias Almeida 2001, p. 274.
  47. González Sánchez 2010, p. 331.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]