Condado de Marin, California

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Condado de Marin
Marin County
Condados dos Estados Unidos Flag of the United States.svg
Marin Civic Center.jpg
Marin Civic Center
Map of California highlighting Marin County.svg
Situación do Condado de Marin en California
Map of USA CA.svg
Situación de California nos Estados Unidos
Datos xerais
Estado California
Sede San Rafael
Rexión Baía de San Francisco
Data de incorporación 18 de febreiro de 1850
Maior cidade San Rafael
Características xeográficas
Área 2.140 km²
- Área terra 1.300 km² (62,75%)
- Área auga 800 km² (37,25%)
Poboación 252.409 (2010)
Densidade 120 hab/km²
Website: http://www.marincounty.org/

O condado de Marin (en inglés Marin County) é un condado situado no norte da área da baía de San Francisco no estado de California, cruzando a ponte Golden Gate dende o condado de San Francisco. No ano 2010 tiña unha poboación duns 252.409 habitantes. A súa capital é San Rafael e a súa principal fonte de postos de traballo é o goberno do condado. Marin é coñecido pola súa beleza natural, a política liberal e a opulencia. En maio do 2009, o condado de Marin tivo o quinto maior ingreso per capita dos Estados Unidos, cun total de 91.480 dólares.

A prisión de San Quentin está situada no condado, ao igual que o Skywalker Ranch, lugar de traballo de George Lucas. Autodesk, a editora de AutoCAD, tamén se atopa alí, así como numerosas compañías tecnolóxicas. A sede de Lucasfilm Ltd., anteriormente baseada en San Rafael, trasladouse ao Presidio de San Francisco.

O Marin County Civic Center foi deseñado por Frank Lloyd Wright e atrae e milleiros de visitantes anualmente, con visitas guiadas ao seu arco e ao seu atrio. En 1994, unha nova prisión do condado foi construída na ladeira próxima.

A carreira de cross máis antiga dos Estados Unidos, a Dipsea Race, ten lugar anualmente no condado de Marin, levando a milleiros de atletas. A bicicleta de montaña foi inventada nas ladeiras do monte Tamalpais en Marin.

Historia[editar | editar a fonte]

O Marin County é un dos 27 condados orixinais de California, creado o 18 de febreiro de 1850 tras a adopción da Constitución de California de 1849 e meses antes de que o estado fose admitido na Unión.

Segundo o xeneral Mariano Guadalupe Vallejo, que liderou un comité en 1850 para nomear os condados do estado, o seu nome procede de "Marin", gran xefe da tribo Licatiut. Marin chamárase Huicmuse ata que foi bautizado como "Marino" ao redor dos 20 anos. Marin/Marino nacera entre o pobo Huimen, unha tribo nativa americana de Miwoks da costa que habitaban a área de San Rafael. Vallejo cría que o "Xefe Marin" librara varias feroces batallas contra os españois. Marino finalmente residíu na Misión Dolores (no moderno San Francisco) a meirande parte do tempo dende o seu bautismo e casamento en 1801 ata 1817, servindo frecuentemente como testemuña e padriño de bautismos; o xefe talvez escapase e fose recapturado nalgún momento durante ese tempo. A partir de 1817 serviu como acalde (de feito como supervisor) na Misión de San Rafael, onde vivíu de cando en vez dende ese ano ata a súa morte. Marino traballou de guía para expedicións españolas en 1821 durante un par de anos antes de escapar e agacharse durante algúns meses nas pequenas illas Marin (tamén chamadas así por el); foi capturado e encadeado durante un ano no Presidio antes de regresar á área da Misión de San Rafael onde estivo ata que morreu en 1839.[1]

Outra versión da orixe do nome é que a baía entre San Pedro Point e San Quentin Point foi chamada Bahía de Nuestra Señora del Rosario la Marinera en 1775, e que Marin é sinxelamente unha abreviación dese nome.[2]

Os indios Miwoks da costa eran cazadores e recolectores que levaban ocupando a zona dende varios milleiros de anos. Foron identificados ao redor de 600 poboados no condado. Chegaron a contarse por milleiros, pero na actualidade quedan moi poucos individuos, e menos aínda que teñan coñecemento da súa liñaxe. Estanse a facer esforzos para evitar que se perdan as súa raíces.[3]

Pénsase que o explorador e corsario inglés Francis Drake, xunto coa tripulación do Golden Hind, chegou á costa de Marin en 1579 reivindicando a terra como Nova Albion. Unha placa de bronce inscrita coa reclamación de Drake sobre as novas terras foi descuberta en 1933. Esta placa, chamada Drake's Plate of Brass, revelouse como un engano en 2003.[4]

En 1595 Sebastián Cermeno perdeu o seu barco, o San Agustin, mentres exploraba a costa de Marin. O explorador español Sebastián Vizcaíno chegaría uns vinte anos despois de Drake, á que agora é coñecida como baía de Drake. Porén, o primeiro asentamento español en Marin non se establecería ata 1817, cando se fundou a Misión de San Rafael Arcángel, en parte como resposta ao forte de Fort Ross fabricado polos rusos, ao norte do que hoxe é o Condado de Sonoma.

A Misión de San Rafael Arcángel fundouse no que hoxe é o centro de San Rafael como a 20ª misión española na provincia colonia mexicana de Alta California por catro sacerdotes, o pai Narciso Durán da Misión de San Jose, o pai Abella da Misión de San Francisco de Asís, o pai Gil y Taboada e o pai Mariano Payeras, o presidente das Misións. Fundaríase o 14 de decembro de 1817, catro anos antes de que México se independizase de España.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Xeograficamente, o condado forma unha longa península encarada ao sur, con océano Pacífico no oeste, as baías de San Pablo e San Francisco ao leste, e, atravesando o Golden Gate, a cidade de San Francisco no sur. No norte Marin limita co condado de Sonoma.

A meirande parte da súa poboación reside no leste do condado, nunha serie de comunidades situadas ao longo da baía de San Francisco, dende Sausalito ata San Rafael, pasando por Tiburon e Corte Madera. No interior hai grandes áreas agrícolas e de espazos abertos; a rexión de West Marin está ao longo da costa californiana e contén moitas pequenas comunidades non incorporadas con economías que dependen do agro e o turismo. West Marin ten praias que son destinos populares para surfeiros e turistas durante todo o ano.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Goerke, Betty (2007). Chief Marin, Leader, Rebel, and Legend: A History of Marin County's Namesake and his People. Berkeley: Heyday Books. ISBN 978-1-59714-053-9. 
  2. Gudde, Erwin G. (1949). California Place Names: A Geographical Dictionary. Berkeley e Los Angeles: University of California Press. p. 204. ISBN 0-520-24217-3. 
  3. Thomas, Robert C. Drake at Olompali. 
  4. Chen, Allan (4 de abril de 2003). "Drake's Plate: the end of the mystery?". Science Beat, Berkeley Lab. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]